O topónimo céltico Berísamo, documentado na epigrafía da Gallaecia, é un superlativo formado coa base preposicional UPER, "sobre, enriba", mailo sufixo de superlativo celta -ísamo. Significaba "o que está máis enriba, o superior". Na Idade Media foi latinizado como Veríssimus, o que lle proporcionou de paso unha falsa etimoloxía ou vencello co latín verus, -a, -um, "verdadeiro, veraz; - o máis sincero". Logo de latinizarse, completou a súa transformación coa conseguinte cristianización como Sanctus Veríssimus > Sambreixo (Láncara) ou San Breixo (varios lugares e advocacións inspiradas polo topónimo: na Fonsagrada, Monterroso, etc.), desprovistos en xeral do marcador de grao superlativo. Aínda que se conservan algúns casos nos que o seu carácter de falso haxiotopónimo resulta máis evidente, como no Beresmo de Avión, e os Bréixome de Rairiz da Veiga e Cuntis - Pontevedra, ó ir sen o adxectivo San.
Normalmente atoparémolo asociado ós recintos fortificados en altura da Idade do Ferro; estruturas habitacionais características dos celtas galaicos. A súa grande dispersión por toda Galicia dá conta do carácter céltico da antiga toponimia do país, e porén da lingua nativa, o que é aínda discutido a pesares das evidencias lingüísticas. Neste sentido, resulta moi relevante o feito de explicarse a evolución do *UPER- cara *VER- pola perda do p característica das linguas célticas: segundo Curchin está moi ben "documentada la perdida de la oclusiva labial indoeuropea /p/ en las lenguas célticas. En el caso del celtibérico se citan generalmente, como muestras de este fenómeno, *pari > are-, *uper- > uer-" (Curchin: "P indoeuropeo en celtibérico: nuevos ejemplos", Habis, 2002).
No hay comentarios:
Publicar un comentario