martes, 15 de noviembre de 2022

Congo e Abeleiras (A Garrida, Verís - Irixoa)


Moi preto da Garrida e a igrexa de Santa Marta de Verís (Irixoa) localizamos vestixios, na microtoponimia, de ter existido un castro. O correspondente terrádego adicado á gandeiría descúbrese nos microtopónimos Abeleiras e Revoltas. Do primeiro aínda non temos falado: vense considerando dentro dos fitotopónimos, mais no contexto castrexo, que require a existencia de peches adicados ó gando nas inmediacións dos asentamentos, ben podería ter sido un derivado do latín avillus, "año, cordeiro" (de Vaan: Etymological Dictionary of Latin and the other Italic Languages, 2018). Polo tanto, o topónimo non proviría do latín abellanaria, "árbore que produce abelás", e si do latín avillaria, "predio onde pastan e se gorecen as ovellas".

Neste sentido, partir de documentación como "uiam qua itur ad Abellariam et ad Sar" (s. XII) para suxerir que a caída do -n- intervocálico foi previa á simplificación da xeminada -ll-, non sería procedente, posto que o máis probable é que a microtoponimia do tipo Abeleira proveña de avillaria, non de abella(n)aria.

O topónimo Congo (tamén Os Congos en Piúgos - Lugo), pola súa parte, fornece información importante para sustentar esta hipótese. O máis probable é que proceda do latín colonicum (1) derivado de colonia, "granxa, establecemento rural agropecuario ocupado por un colono". Nestas colonias de orixe castrexo, pois que prolongan a estrutura do terrádego e o sistema económico de aproveitamento desenvolto na Idade do Ferro, criábanse ovellas, coma sinala Parcero Ouviña no seu estudo sobre as paisaxes castrexas: as cabanas máis representadas no mundo castrexo eran a vacuna, a ovicaprina e a porcina, sendo a ovicaprina a que fornecía principalmente carne e lácteos para a alimentación, así como un abono de gran calidade para os cultivos; o consumo de carne e lácteos de vacún seguramente fora un luxo antes do fin da Idade Media ("Elementos para el estudio del paisaje castreño del noroeste peninsular", Trabajos de Prehistoria, 1995). Notamos que Parcero Oubiña esquécese de mencionar a importancia da la das ovellas para confeccionar roupa de abrigo. O romano Plinio falaba incluso dun tipo de ovellas chamado "genus colonicum", ás que diferenciaba das que pola noite se gardaban na corte (genus tectum).

Seguramente o Conxo de Santiago de Compostela teña sido tamén un *Colonicum > Congo / Congho, hipergaleguizado como Conxo, mellor que un *Canonicum vencellado ós coengos.

(1) V. p. ex. Pere Caner: "L'origen del nom de Calonge", 1981.

2 comentarios:

Carlos dijo...

E entón Vilariño de Conso? Non o compro. Don máis dests outra opinión: https://dacerna.blogspot.com/2015/05/o-congo-ao-pe-de-santiago.html?m=1

Andregoto Galíndez dijo...

E Congo de colonico, e Conxo de Canogio? Pois é que -ogio tampouco explica -go.