lunes, 21 de noviembre de 2022

Freón, Mirón, Brión e os topónimos en -dunum

Na documentación antiga da Gallaecia só temos reflictidos tres topónimos formados co termo céltico dunum, "fortaleza, cidade": o Caladunum mencionado por Ptolomeo, o Castellum Meidunium do documento epigráfico atopado en Rubiás - Ourense e Morodon, topónimo histórico mencionado polo Anónimo de Rávena no século VII, que viría sendo equivalente ó galés Moridunum (Curchin).

A escasez de datos fixo que Curchin negase incluso que fosen topónimos en dunum, propoñendo un derivado do celta *calet-, "duro, forte", co engadido dun sufixo -uno, para Caladunum, e directamente non incluíndo a Meidunium neste tipo ("Los topónimos de la Galicia romana", Cuadernos de Estudios Gallegos, 2008).

Mais se temos en conta que Asturias formou parte do antigo territorio da provincia da Gallaecia podemos engadir o caso do actual topónimo Valduno (Les Regueres), que Martín Sevilla estudou como de orixe céltico: *Valodunum, isto é, "a fortaleza ou cidade do valo ou dos valos". Dita hipótese, segundo o investigador, non pasaría de ser unha probabilidade, pois é que dunha forma *Valodunum pode esperarse unha evolución Valduno; mais non sería segura a non ser porque nas inmediacións de Valduno "existe un castro denominado El Castillo de los Vallaos", en alusión ás súas defensas ou valos (Toponimia de origen indoeuropeo prelatino en Asturias, 1980).

Pola súa parte, Xosé Lluis García Arias tamén inclúe na serie os topónimos asturianos Lliberdón e Gordón (v. resumo en JV García Trabazo, "Toponimia prelatina en Asturias: una revisión crítica en perspectiva histórico-comparativa", Lletres Asturianes, 2016).

Se ben de Caladúnum ou de *Valodúnum poden esperarse solucións con caída da vogal pretónica como *Calduno / *Caldón, Valduno / *Valdón, existe unha outra evolución posible que comprende a caída da consoante oclusiva dental sonora -d- ó ir en posición intervocálica. Dito fenómeno coñécese como lenición celta, e vai encadeado a outros feitos no paradigma das consoanes oclusivas, como a sonorización da sorda correspondente (t) e a simplificación da xeminada correspondente (tt). Porén, de Caladunum esperariamos en Galicia unha forma como *Caaón, pois o antigo -l- intervocálico tamén cae, como é ben coñecido. De dita forma *Caaón poderiamos esperar *Caión, pola epéntese dunha i antihiática. Mais sen documentación ou traballo de campo que refrende a evolución dunha forma como Caladunum a Caión movémonos neste caso no ámbito da incerteza.

Como asegurarse de que determinado topónimo en -ón procede dun composto con -dunum como segundo elemento, é un simple aumentativo en -ón, ou procede dun antropónimo en acusativo pertencente á declinación tipo Silus (nominativo) - Silonem (acusativo con tema en nasal)?

1. Recorrendo á documentación: o topónimo Freón.

Sempre que a documentación medieval acredite un -d- na forma etimolóxica. Temos documentado no ano 922 un "Castrum Fredoni" na Colección Diplomática de Lugo (Fonte: CODOLGA), cun -doni que podería ser a forma romanceada inicial do céltico dunum, en caso xenitivo de relación (non de posesión). O documento é relevante tamén pola referencia a un castro chamado de Fredoni > Freón, o que indicaría a repetición ou redundancia do referente "asentamento fortificado" nos termos "Castro" e no "-doni" procedente de dunum. Intrepretamos o primeiro elemento do composto Freón < Fredoni polo xermánico fra, "diante de", co que resultaría un topónimo recurrente no que se amosan restos de tres linguas e que podería traducirse como "Castro de Diante do Castro".

Castro de Freón na parroquia de San Tomé de Monteagudo (Arteixo), co lugar de Freón (*Fra + dunum = diante do castro) situado xusto ante o asentamento castrexo.

2. Ampla dispersión do topónimo ó longo do territorio: Mirón.

Castro de Mirón en Santo Estevo de Larín (Arteixo).
Obsérvase que a aldea sitúase no punto en que se cruzan os camiños perimetrais que arrodean o castro; ubicación preferente das aldeas de orixe castrexo.

A ampla dispersión dun topónimo en -ón cadraría cunha formación provinte do céltico dunum como segundo elemento se é que o primeiro formante alude ou pode aludir ás defensas características do recinto fortificado (como os valos do caso de Valduno exposto por Martín Sevilla) ou ás características do enclave castrexo (altura, posición destacada no territorio), que son as principais motivacións na creación dos nomes de lugar dos asentamentos fortificados do Ferro. Por iso Mirón, amplamente espallado polo noso territorio, cadra cun *Mirodunum equivalente ó topónimo prerromano Mirobriga, nos que "Miro" tería semas semellantes ó latín admirare ou ó xermano *mereis, "famoso, destacado".

3. Comparativa con outros topónimos idénticos interpretados como provintes de -dunum no ámbito europeo: Brión.


O topónimo italiano Brione (Trento) / Briona (Piamonte) explícase normalmente como provinte de Brigodunum, ou de Eburodunum (menos probable). Neste sentido os nosos Brión, situados en moitas ocasións en enclaves xunto dun castro (Brión de Arriba no concello de Brión, A Coruña; Brión de Arriba no concello de Outes - A Coruña; Brión no concello de Malpica - A Coruña) poderían remitir, como os italianos, a Bri(g)o(d)unum (evolución con dous casos de lenición céltica que afectan ás series oclusiva velar e dental).

Temos tamén o documento medieval "Castro Brione" (ano 818) no concello de Trazo, que, como no caso do "Castrum Fredoni", reforza a posibilidade de que no nome de lugar Brión se atopen agochados os dous termos célticos que designaron os asentamentos fortificados do Ferro: o primeiro provinte da base *briga, e o segundo da base *duno.

Castro de Brión de Arriba (Outes).

Estes topónimos teñen o interese engadido de amosar redundancia nos significados dos dous formantes; porén son indicativos de superposición de linguas. Xa que logo o briga vai anteposto ó dunum, a camada céltica da serie dunum será máis antiga no tempo que a serie briga, remitindo a un primeiro estadío de celtización, e non, como se ten dito, á segunda camada de celtización da Península Ibérica que se atribúe ós galos.

No hay comentarios: