Na microtoponimia da folla catastral do entorno de Vilaño (A Laracha) atopamos o nome dun camiño que comunica o lugar cos castros de Montes Claros e As Motas e a igrexa de San Tiago de Vilaño. O camiño chámase de Milaño Vello. Esta variante ben podería deberse a unha confusión de sons bilabiais (b - m), mais o feito de estar arrodeada a zona de Vilaño de microtoponimia viaria, como Calzada e cecais Millareiras, e mailo achádego dun miliario reutilizado nalgún momento do pasado como tenante de altar na igrexa de San Tiago (hoxe exposto na sacristía), lévanos a propor que o topónimo orixinal foi, en realidade, Milaño; un derivado do latín miliam (passum).
*Milianeum > *Millaño, e por disimilación de sons palatais, *Milaño, logo Vilaño por confusión de sons bilabiais. O topónimo aludiría a un lugar onde se cumplía a distancia dunha milla de percorrido por unha calzada romana. En principio, pois, non tería que ver coa ave chamada miñato ou vilaño, segundo hipótese que formulara Cabeza Quiles (Toponimia de Galicia, 2008).
No hay comentarios:
Publicar un comentario