Dende que Fernando Alonso Romero nola presentara no seu traballo "Las mouras constructoras de megalitos" (Anuario Brigantino, 1998), poñendo de relevo a súa relación con outras figuras mitolóxicas europeas, como pode ser a Cailleach irlandesa, sabemos que a nosa Vella foi a deusa que creou o mundo, a natureza. Polo folklore conservado no país tambén coñecemos as súas facetas de fiandeira (como as Parcas ou Moiras tecen o destino humán), construtora das primeiras obras arquitectónicas conservadas na historia da humanidade (os megálitos galaico-portugueses) e nai nutricia. Segundo os testemuños recollidos polo profesor, este ente nos seus avatares de Vella, Moura ou Virxe, leva as pedras cobertoiras dos dólmenes na cabeza ó tempo que fía na roca e da o peito a un meniño. Dun xeito semellante, a Vella irlandesa tambén transporta pedras para construir os cairns, aínda que o fai no mandil ("Tailtiu, la constructora de megalitos", Arqueotoponimia, 2018). Estas vellas tiñan que ter unha forza tremenda!
Podería parecer que o retrato desta deusa nai esgotouse aquí. Pouco máis sabiamos dela, senón pequenos trazos que incidían no devandito: por exemplo que tambén é a dona do tempo ("Partir a Velha", Arqueotoponimia, 2021) e os fenómenos atmosféricos (Cristobo de Milio Carrín: La creación del mundo y otros mitos asturianos, 2008), de aí o nome tradicional de "arco da Vella" que recibe o arcoiris. Aínda que tiñamos moita información, sempre incidía nos mesmos aspectos.
Máis nun manuscrito da BNE (Voces gallegas, de Usoz y Río, Mss/7208) atopamos unha cobriña sobre ela que a singulariza como deidad danzante, como a Kali hindú (Kali, "a oscura" = Cailleach). Observamos que ten que ser ela, pois a máis de ser moi vella, continúa facendo varias tarefas a un tempo, dúas xa ben coñecidas: preparación da materia que vai ser tecida (fiar - ensarillar - nobelar), amamantar ó meniño:
"Unha vella vella bailaba,
ensarillaba e vendía viño,
e có pé pechaba a porta,
e daba a teta ó pequerrechiño"
Das novas tarefas, é a da danza (cun pé levantado, movemento que agora se reinterpreta como impulso para pechar unha porta) a que reviste unha relevancia extraordinaria para comprender quen foi a Vella.
Vásista, un dos sabios máis importantes do mundo védico, na súa obra Yogavásista describe a Kali como unha divindade celeste que mentras baila crea o mundo, que vai emerxendo do seu corpo coa danza. Aínda na narración de Vásista a deusa Kali non ten as connotacións negativas que lle imporá o cambio de paradigma por outro no que o seu paredros masculino (Shiva) acapara a función creadora. É ela, segundo Vásista, o inmenso corpo do cosmos; coa súa enorme forza sostén a Terra cos seus océanos, illas, bosques, desertos e montañas. Ela crea e mantén o mundo có seu baile (Living landscapes, de C. Key Chapple, px. 58-60).
Unha vez que Shiva desbancou á Vella, o estudo do mitema da danza cósmica creadora e mantedora do mundo acadou o seu máximo esplendor ó vencellala Carl Sagan coa teoría do Big Bang: a danza de Shiva reproduce o ciclo de creación, evolución e destrucción do universo, "gústame imaxinar que estas imaxes profundas e esclarecedoras son unha anticipación das teorías astronómicas modernas" (Cosmos).
Evidentemente o da nosa Vella (Kali, Cailleach) é un mito moi elaborado sobre a creación do mundo, do universo, do cosmos, e da súa posta en funcionamento polo movemento. O movento ou danza cósmica terá un ritmo musical, un latexo que escoitar coa tecnoloxía moderna, aínda que non o percibamos totalmente.
Tamén o cosmos (o fillo da Vella) terá unha estrutura, cecais aproximada á que tece a súa vella nai cos fíos que vai preparando.
Cando o cosmos pare de moverse quedará inerte, morto: "é moi probable que o universo se estea expandendo dende o Big Bang, máis non está totalmente claro se continuará facéndoo para sempre" (Carl Sagan, op. cit.). Non é de extrañar, polo tanto, que un mito sobre a creación do universo anticipe modernas teorías astronómicas, que ó final non son tan modernas como parecen.
Pola nosa parte, desexamos que a Vella siga a bailar por sempre, tecendo, destecendo e voltando a tecer novos mundos, como as nosas aboas, que nos facían un xersei distinto con lá doutro vello. A materia non se crea nin se destrúe, só se transforma.
Falta da habelencia de Fernando Alonso Romero, tedes que conformarvos con este debuxo da Vella bailando, ensarillando, pechando a porta co pé e dando de mamar ó meniño. Faltábame un brazo máis para que vendese o viño, e por iso tivo que quedar simbólicamente reflictido nun tonel. Alonso Romero deixaba tan tranquilo ó recén nacido agarrado el mesmo ó colo, e así quedaba a moura cunha man libre para soster a pedra, máis iso é inverosímil, non pode ser! Tampouco podemos dotala de máis brazos, como ás divindades hindús.
Cronoloxía
Fernando Alonso Romero establece unha cronoloxía aproximada para o ente mitolóxico da Vella ó facela descender das deusas nai neolíticas do Mediterráneo. A Vella, para o autor, é precéltica e cecais preindoeuropea. Nós, pola contra, ó amosar que a Vella e Kali son a mesma divindade, sostemos que ámbalas dúas proveñen dunha divindade feminina anterior (a Deusa Nai paleolítica) que evoluíu en zonas tan afastadas adquirindo progresivamente distintos atributos propios do xénero feminino ó longo das épocas. Kali non ten fuso nin roca o que implica que a Deusa Nai da que parten ámbalas dúas tampouco os tiña, logo semella que estamos ante unha divindade preneolítica que descoñece o fiado e os tecidos.
A cronoloxía do Rigveda, que reflicte crenzas transmitidas oralmente moi anteriores ó momento en que se puxo por escrito (sendo Vásista un dos seus autores), fíxase en torno ó 5.000 a.C. (segundo Harmatta, apud S.S. Misra en "The Indo-Aryan Controversy: Evidence and Inference in Indian History", ed. Bryan e Patton, 2005).
Movémonos, pois, nun momento (en torno a fai uns 7.000 anos) post quem produciuse un cambio de paradigma, có neolítico, cecais debido a acumulación de produtos e á necesidade de control dos excedentes e a poboación, mediante o cal a divindade feminina preagraria dotouse das connotacións negativas que se engaden ós símbolos arcaicos que xa non se consideran útiles. Xurde, pois, o patriarcado (Shiva asumirá os roles de Kali). Máis no testemuño de Vásista perduraba aínda a importancia das deusas nai antes de se producir o cambio paradigmático; nel cómprobamos que efectivamente non só existiron as tan discutidas deusas nai prehistóricas, senón que tambén foron desbancadas polos seus paredros masculinos.
O viño
Aínda que non sabemos que significa o motivo do viño (simbólicamente, o sangue dun sacrificio ou bebida ritual para achegarse a un estado de conciencia alterada?), é importante suliñar que non é unha casualidade atopalo nas dúas. Tanto a nosa Vella como Kali manipulan dalgunha forma a bebida alcohólica; Kali a sostén nunha das súas mans e a Vella a expende.
No hay comentarios:
Publicar un comentario