sábado, 3 de julio de 2021

Unha anomalía costeira nas divisorias de augas en relación coas mámoas e os Camiños Reais

 


Liña laranxa: tentativa de delimitación da divisoria de augas da posible cunca mesta do Forcadas, o río de Porto do Cabo e o Condomiñas. Fonte: elaboración propia a partires do mapa hidrográfico da Xunta de Galicia (Visor PBA).

As estreliñas verdes sinalan as concentracións de túmulos ou necrópolis megalíticas da posible bacía hidrográfica mesta. Comezando polo sector da esquerda na beiramar: mámoas do Coto da Fraga, mámoa de Loira, mámoas de Pena Moura - Portonovo - Monte de Nenos, mámoas de Moimentos, mámoa de Bardaos, madoña de Labacengos - mámoa dos Caneiros, mámoas do Coto Fincova, mámoa do Cal de Liñares, mámoas de Cova Oscura, mámoas de Pedra Chantada, mámoas das Lamas, e mámoas do Coteliño e dolmen de Pena da Aguia (xa baixando cara Cedeira).

Fotografías: ortostatos reutilizados do dolmen de Pena da Aguia e mámoa de Pedra Chantada.

Como hipótese de traballo imos comprobar se efectivamente os ríos de As Forcadas, o de Porto do Cabo e o pequeno Condomiñas formaron unha única cunca que verquía na actual ría de Cedeira antes de esta terse formado durante o periodo xeolóxico denominado Holoceno, fai uns 10.000 anos.
  1. Arrodeamos a divisoria de augas da suposta bacía mesta e superpoñémoslle as necreópoles que acompañan a todo Camiño Real.
  2. Comprobamos que a posible divisoria de augas e os túmulos (tambén a toponimia) van parellos salvo no sector do Condomiñas, onde as mámoas non abranguen o río; pola contra, métense cara Cedeira por Pedra Chantada e Pena da Aguia, delimitando a vertente norte da cunca do río Porto do Cabo.

Conclusións: o río das Forcadas e o do Porto do Cabo formaron unha soa bacía hidrográfica, sendo un deles, polo tanto, tributario do outro, por iso non hai mámoas entre eles (básicamente, ó longo da liña que delimita o concello de Cerdido polo sur), aínda que si atopamos o odónimo Camiño Grande ou Camiño Real. A persistencia no tempo do uso da divisoria de augas desta bacía mesta como Camiño Real prolongouse ata o Neolítico (5.000 BP), momento no que se marcaron os antigos Camiños Reais das divisorias coas mámoas, aínda que neste caso moi probablemente ámbolos dous ríos xa estaban separados na desembocadura.

O feito de non ter divisoria de augas entre eles marcada con mámoas como corresponde a un Camiño Real é unha aparente anomalía (non a teñen porque foron un único río, a teñen polo exterior do conxunto) útil para avaliar os cambios que durante o Holoceno sufriron os sistemas fluviais costeiros de Galicia, pois dela derívase a existencia de cuncas mestas que hoxe non o son.

No hay comentarios: