miércoles, 30 de agosto de 2023

A iconografía do Beato de Liébana na configuración do Septemsiderus do Códice de Roda

Agradezo a María Alonso Echanove e a José María Bello Diéguez a axuda prestada
no que atinxe á bibliografía, localización de exemplares dos beatos, correcións e suxerencias de todo tipo, a Luís Torres Gómez as recomendacións bibliográficas sobre vexiloloxía, e a Cándido Rico a localización da imaxe do Beato do Burgo de Osma.

*    *    *    *    *    *    *

Os distintos beatos miniados conservados na península, vintaseis segundo información na web da Biblioteca Nacional, que copian os Comentarios á Apocalipse do Beato de Liébana (século VIII), teñen todos un ciclo fixo de ilustracións. Nas miniaturas relativas ó personaxe sen nome da visión de Patmos, definido como "semellante ó fillo do home" (Apocalipse 1, 12-16) séguese, pois, un mesmo deseño.

O personaxe "semellante ó fillo do home" no Beato de San Millán, códice miniado da Real Academia da Historia, cos Comentarios á Apocalipse do Beato de Liébana. O miniado do códice dátase a finais do século X ou a principios do XI (1).
(C) RAH, MS/33.

  • O personaxe ten á súa destra sete estrelas, ou sostenas na destra (no caso do beato de Lorvão).
  • Da súa boca sae unha espada de dous fíos.
  • Hai sete candelabros sobre o personaxe ou xunto del, aínda que na Apocalipse dise que o personaxe está entre os candelabros.
  • Na franxa inferior debúxanse as sete igrexas do primitivo cristianismo indicando os seus nomes: Éfeso, Esmirna, Pérgamo, Tiatira, Sardis, Filadelfia e Laodicea.
Para entender esta composición é necesario ter en conta que o texto xoánico (Apocalipse 1,20) explica que as sete estrelas son os sete anxos das sete igrexas, e que os sete candelabros son as sete igrexas. Teremos moi en conta tamén que o termo ἀγγελος en grego significa "emisario ou mensaxeiro". Sobre este punto da Apocalipse, na Vulgata acéptase que os obispos son os anxos das igrexas.

Miniatura co personaxe "semellante ó fillo do home" no Beato de Liébana, códice de Fernando I e dona Sancha (ano 1046).
(C) BNE, VITR/14/2.

Miniatura co personaxe "semellante ó fillo do home" no Beato de Lorvão (ano 1189).
(C) Arquivo Nacional da Torre do Tombo, PT/TT/MSML/B/44.

Na nosa opinión existe concordancia entre a escena figurada nestas miniaturas dos beatos, na que se representa ó personaxe "semellante ó fillo do home" vencellado a un cúmulo de sete estrelas e a unha espada, xunto coa división territorial eclesiástica do primitivo cristianismo en sete igrexas, e algúns elementos da breve lenda de Septemsiderus do Códice de Roda (s. X) que editara Gil ("Textos olvidados del Códice de Roda", Habis, 1971). E aquí consideramos convinte advertir de que non nos referimos a que a lenda de Septemsiderus concorde co desenvolvemento do texto apocalíptico polo miúdo tal e como foi formulado por San Xoán, senón sobre todo cos mencionados elementos desta serie iconográfica, plasmada dun mesmo xeito nos beatos peninsulares.

O Beato de Saint Sever (ano 1072) é o único beato conservado feito ó norte dos Pirineos. A espada non aparece na composición, a personaxe vai no centro dos candelabros e as estrelas non están dispostas totalmente á súa destra. (C) BNF, latin 8878.

Dita concordancia, ou inspiración do autor do Septemsiderus do Códice de Roda nas miniaturas dos beatos relativas á serie do personaxe "semellante ó fillo do home" ven avalada tamén polas consideracións que Helena de Carlos Villamarín expón acerca do propio Códice de Roda, ó que considera unha compilación de textos coherente, non mera xustaposición, na que se atopan moitos paralelismos iconográficos (2) e estruturais cos beatos ("El Códice de Roda (Madrid, BRAH 78) como compilación de voluntad historiográfica", Edad Media: revista de historia, 2011).

A continuación fornecemos unha tradución da lenda de Septemsiderus, a partir da edición latina de Gil.

*    *    *    *    *    *    *

Tradución da lenda de Septemsiderus do Códice de Roda

A cidade de Toledo foi a primeira que se fundou en Hispania, e tódalas cidades hispanas estaban suxeitas a ela.

Houbo un rei en Toledo cuxo nome era Octaviano; daquela as cidades de Lugo, Astorga, León, Zamora, Braga, Chaves, Porto e Tui aínda non existían.

E Octaviano mandou chamar a Septemsídero, marido de Iheria, e pai de Brácaro, e de Flavio, e de Teuderico, e de Galaa e de Xémulo, e de Sequario, e de Cesario, o que fixera Cesárea e Faro. Mais Septemsídero non quixo ir xunto de Octaviano.

Entón Octaviano construíu un grande foxo de asedio e achegouse onde Septemsídero, pousando o seu exército no lugar que chaman Sumio. Septemsídero achegouse, pousou as súas hostes e pregoulle a Deus, e os exércitos de Octaviano sumíronse. Por iso ese lugar é chamado Sumio.

Logo veu Septemsídero coa muller e mailos fillos á cidade de Lugo, e entregou ós seus fillos cadansúa cidade. A Brácaro, Braga; a Flavio, Chaves; a Teuderico, Tui que está xunto ó mar; a Galaa, Porto. Sequario morrera no Tambre, no lugar que chaman Porto Sigüeiro. Xémulo era fortísimo, en cadansúa man levaba dúas columnas; el construíra a bóveda de Sancti Petri, e Celbas xunto ás Aquas Caldas, e unha ponte no Miño. De Cesáreo xa falamos arriba. E poderiamos falar moito doutras cidades.

*    *    *    *    *    *    *

CORRESPONDENCIAS ESTRUTURAIS


No que atinxe ás correspondencias estruturais, no estudo citado de Helena de Carlos explícase que o deseño da cidade de Babilonia do Códice de Roda é semellante ó que aparece nos beatos, e engade que precisamente a ilustración de Babilonia adoita funcionar estruturalmente nestes como imaxe que pecha un ciclo e anuncia o arranque doutro novo ciclo.

Nós, consultando o Códice de Roda na web da BRAH, comprobamos que o texto relativo a Septemsiderus comeza na liña final do folio que contén as ilustracións das cidades de Babilonia (en grande, f. 197r) e Nínive e Toledo (en pequeno, f. 197v). Porén ditas ilustracións terían, ó noso xuízo, a función de anunciar o peche dun ciclo e o inicio doutro, como indicara de Carlos.

Folio 197v do Códice de Roda coas ilustracións das cidades de Nínive e Toledo que preceden o inicio da lenda de Septemsiderus, que dá comezo na última liña desta cara. (C) BRAH.

O primeiro que se narra ó inicio do novo ciclo marcado pola ilustración de Babilonia (máis Nínive e Toledo), non son as loas a Hispania que indica Helena de Carlos, senón a historia de Septemsiderus, que é unha lenda fundacional e de inauguración. Septemsídero négase á suxeción ó xugo do toledano Octaviano, derrótao mediante a intercesión divina e establécese en Lugo, dende onde encomenda ós seus fillos a fundación de sete cidades, todas no antigo territorio da Gallaecia. Que o motivo central da lenda é a fundación de Gallaecia ven determinado pola explicación de que naquel tempo aínda non existían Lugo, Astorga, León, Zamora, Braga, Chaves, Porto e Tui (todas cidades da antiga Gallaecia), e remarcado pola misión encomendada e o rol de fundadores epónimos dos fillos de Septemsídero.

Helena de Carlos sáltase a lenda de Septemsiderus limitándose a mencionala como "un curioso texto sobre Toledo y la fundación de nuevas ciudades", polo que non pode continuar a secuencia da translatio imperii que se deduce desta sección do Códice de Roda.

Para nos facer unha idea sucinta do que era o concepto da translatio imperii engadimos a explicación da tese de doutoramento de Lucía Gómez Fariña: "en el occidente de la antigüedad tardía y ya a comienzos de la Edad Media tuvo cierta repercusión una teoría acerca de la sucesión de cuatro imperios universales que, en un traslado geográfico de Oriente a Occidente, se van transmitiendo el poder hasta la llegada de un quinto y último imperio. De la mano de los autores cristianos esta teoría alcanzará una nueva dimensión, puesto que ese imperio definitivo se pone en relación con la llegada del Juicio Final" (El concepto de translatio imperii en la literatura medieval, Santiago de Compostela, 2015).

A secuencia das ilustracións das cidades de Babilonia - Nínive - Toledo seguida inmediatamente do Septemsiderus, coa lenda fundacional de Gallaecia, na que se contén a derrota de Toledo, anuncia a translatio imperii cara á Gallaecia. Gallaecia postulábase, tanto no relato de Septemsiderus, como na súa inserción tralos tres imperios precedentes simbolizados polas tres cidades, como cuarto imperio universal. A finalidade política do texto resulta evidente. Ó xuízo de Isidoro Millán podería tratarse dunha contraversión do conflito armado entre o visigodo Leovixildo e o usurpador suevo Andeca (s. VI), que rematou co sometemento do reino suevo de Gallaecia ("Nota adicional al trabajo del Prof. Juan Gil", Habis, 1971).

*    *    *    *    *    *    *

CORRESPONDENCIAS ICONOGRÁFICAS


AS SETE ESTRELAS - SETESTRELO


Como enunciara Gil, o nome de Septemsídero podería "encubrir alguna denominación popular". Nós así o vimos fai oito anos ("Hijos de las estrellas", Arqueotoponimia, 2016), asociándoo ó termo galego-portugués Setestrelo (tamén Sete-Estrelo, Setestrello, Sete-Estrello e Sette-Estrello), que designa popularmente a constelación das Pléiades formada por sete estrelas.

Existen tamén, e non queremos deixar de mencionalo, acepcións menos extendidas no noso ámbito en referencia á constelación da Ursa Minor, por estar formada tamén por sete estrelas.

O uso máis antigo da forma patrimonial que temos localizado ven na edición de Manoel Correa de 1613 de Os Lusiadas (1572). O editor utilizou en dúas ocasións o termo "Sette-Estrello", que non foi empregado por Camões, e nunha das súas notas indicaba que designaba á constelación de Bootes (o Boieiro), e noutra precisaba que a constelación de "as sette flammas" mencionada por Camões era o "Sette-Estrello" (cecais a Ursa Minor).

Francisco Manuel de Mello utiliza o termo Setestrello nun poema de 1665: "Quem diz sete a o Setestrello / jurarei que conta errado; / pois sô estas cinco Estrellas / faz o Setestrello humano". O artificio poético consistía en comparar as estrelas do Setestrelo con cinco mulleres (María de Alencastre e outras catro).

Independentemente de que non estea claro que constelación se denominaba así no pasado galaico-portugués, si está claro que o nome vai ligado a un asterismo composto por sete estrelas.

Detalle do personaxe da visión de Patmos no Beato de Lorvão.

Profundizando na orixe culta da lenda e o seu vencello cos beatos, ó noso parecer o creador da lenda de Septemsiderus contida no Códice de Roda viu nun beato indeterminado, que lle serviu de inspiración para a composición do seu texto, as sete estrelas á destra do personaxe "semellante ó fillo do home", o que inmediatamente asociou ó nome dunha constelación ben coñecida para el, composta por sete estrelas, o Setestrelo. Logo procedeu a bautizar ó seu personaxe con ese mesmo nome latinizándoo, Septemsiderus, por ser o portador das sete estrelas.

Como dixera Gil e se manifesta na xeografía da lenda, circunscrita toponímicamente ó territorio da antiga Gallaecia, o creador de Septemsiderus era moi probablemente galego (precisamos: un galego da antiga Gallaecia). A orixe galega do autor refórzase con esta evidencia lingüística, pois só un galego podería identificar a miniatura das sete estrelas co termo galaico-portugués Setestrelo, para tirar del logo a súa correspondente latinización Septemsiderus.

Ó galeguismo do deducido *Setestrelo ou *Setestrello a partir da latinización Septemsiderus, hai que engadir a importantísima nota de Isidoro Millán sobre a explicación da orixe do topónimo Sumio a partir do latín sumire, "sumirse", pois é un termo que se conserva no galego co mesmo significado específico que tiña en latín. 

Neste punto obsérvase a influencia da iconografía dos beatos no deseño e desenvolvemento da lenda de Septemsiderus no que atinxe a

  • o nome do protagonista
  • a súa marcada relixiosidade
  • o número dos seus fillos (identificados por esta coincidencia numérica coas estrelas)
  • o rol de emisarios dos fillos, idéntico ó dos anxos (emisarios, en grego) representados como estrelas na visión de Patmos.

A ESPADA - O GUERREIRO


Na historia do códice de Roda o noso Septemsídero combate e derrota ás hostes do seu enimigo Octaviano. Na concepción do personaxe de Septemsídero como guerreiro influíu segundo pensamos, o feito de presentar as miniaturas do personaxe "semellante ó fillo do home" unha espada saíndo da súa boca, coa empuñadura en distintas posicións, o que nalgún caso pode dar a impresión de que non sae da boca do home, senón que está diante del como corresponde a un guerreiro.

Orientación da espada no Beato de Osma (ano 1086) - Catedral do Burgo de Osma.

O personaxe apocalíptico "semellante ó fillo do home" figurado por Odilon Redon (1899) cun ar de guerreiro.

AS SETE IGREXAS - AS SETE FUNDACIÓNS EPÓNIMAS


A división territorial eclesiástica do primitivo cristianismo en sete igrexas, plasmada nesta serie iconográfica dos beatos na franxa inferior das miniaturas, tería influído na decisión do autor da lenda de Septemsiderus de facer dos sete fillos do protagonista fundadores epónimos de sete cidades da antiga Gallaecia, algunhas das cales foran sedes episcopais antiquísimas (cfr. Parrochiale Suevum do s. VI): Bracarus - Braga, Flavius - Chaves, Teudericus - Tui, Galaa - Porto, Sequarius - Sigüeiro, Gemulus - Celbas [sen identificar] xunto a Aquas Caldas [Caldas de Reis], Cesarius - Cesárea [Cesar] e Faro [A Coruña].

Seguimos a proposta de identificación de Gil das cidades, desbotando na enumeración das mesmas as construcións arquitectónicas, e en particular a "Bobata Sancti Petri" que fixo Xémulo (considerámolo trasunto de Hércules, ó levar na lenda dúas columnas nas mans) por referirse, ó noso xuício, ó templo de Hércules de Sancti Petri, o que sería lembranza dunha empresa arquitectónica previa que non tería que ver coa Gallaecia.

A ligazón entre Cesárea e Faro na lenda lévanos a propor se o autor non estaría a asociar as Illas Sisargas e o Territorio de Faro (A Coruña) pola súa proximidade, xa que con frecuencia a documentación e ata as etimoloxías eruditas fornecidas para as Sisargas vencéllanas á forma "Zesarea" que aparece no códice de Roda (cfr. "Illas Sisargas", Arqueotoponimia, 2012).

Notamos tamén que a morte do fillo Sequario xunto ó Tambre non o invalida para a súa consideración como fundador epónimo, ó ser precisamente a morte dun heroe mítico nun punto determinado a que forma con moita frecuencia as lendas etiolóxicas toponímicas. Fora precisamente a morte de Sequario o que nos levara en 2016 a conectar ós sete fillos coas Pléiades, pola frecuencia coa que a invisibilidade para o ollo humán dunha delas é reflictida no foklore europeo vencellado a este asterismo, xustificándoa de diversas formas (Electra, unha das Pléiades, apenas ten brillo porque tapou os ollos para non ver a ruina de Troia - Ovidio: Fastos).

*    *    *    *    *    *    *

CONCLUSIÓNS


O texto da lenda de Septemsiderus, o máis antigo relato fundacional da Gallaecia, procede sen moita dúbida da tradición dos beatos peninsulares, concretamente da serie de miniaturas que ilustran a visión de Patmos na que figura o personaxe "semellante ó fillo do home". O seu encaixe no Códice de Roda inmediatamente tralas ilustracións da translatio imperii de Babilonia a Nínive y a Toledo, así como o desenvolvemento do relato, que xira ó redor da insubmisión do protagonista, a derrota do reino de Toledo, e a dispersión polo territorio da Gallaecia dos seus fillos, cun obxectivo fundacional, suxiren unha intencionalidade política na súa redacción, que podería ser promocionar ou xustificar a primacía da Gallaecia sueva fronte ó reino visigodo de Toledo, como indicara Isidoro Millán. Nel subxace seguramente unha base histórica real.

A personaxe de Septemsídero emula evidentemente, tanto na súa caracterización como nas súas accións ou encomendas ós fillos (anxos-estrela), ó personaxe da Apocalipse "semellante ó fillo do home". E é precisamente esa libertade naif que se toma o autor de utilizar fóra do canon unha figura sagrada para o cristianismo, aínda que a empregue dentro do mesmo marco relixioso (lembramos a piadosa pregaria de Septemsídero no momento previo ó combate contra Octaviano), a que máis nos chama a atención. Pensamos polo tanto que no momento da redación do texto a tradición dos beatos aínda tería que estar iniciándose e dende logo non estaría plenamente consolidada, o que permitiría esta libertade interpretativa case herética baixo a que podería latexar algunha influencia priscilianista propia da Gallaecia do momento.

Ó núcleo da lenda, de orixe culto, procedente dos scriptoria medievais, foron engadidos elementos lendarios de orixe popular (3). A conexión cos contos marabillosos populares das probas matrimoniais ós pretendentes, que viramos cando estableceramos a conexión entre o nome da muller de Septemsídero, Iheria, e o da princesa Liberia ("Fontes arcaicas da lenda de Setestrelo", Arqueotoponimia, 2023). Alusións ás fazañas de Hércules (Gemulus) na formación do Estreito, pola mención as columnas. E un resto moi evidente que é o recurso ós fundadores epónimos que constitúe un xénero en si mesmo da literatura oral, no cal se encadra tamén a lenda etiolóxica toponímica sobre Sumio (ó vencellalo ó significado do latín e galego sumire), claro expoñente do folklore (cfr. "DINDSHENCHAS. Lendas etiolóxicas toponímicas ou A1617 (“Origin of Place Name”): Da etimoloxía toponímica á mitoloxía da paisaxe", SAGA. Revista dixital de investigación, 2022).

*    *    *    *    *    *    *

O SETESTRELO NO ESCUDO DE GALICIA


En que momento comezou a aplicarse o termo setestrelo para designar o conxunto das sete cruces do escudo de Galicia, e ata o mesmo escudo, non o podemos precisar. Sabemos que Otero Pedrayo no ano 1926 impartira unha conferencia sobre o tema, titulada precisamente "O setestrelo d'o escudo de Galicia", da que non se conservaría o texto. O poeta portugués Joaquim de Araújo ten un poema de 1898, adicado ó centenario do nacemento do filósofo francés Jules Michelet, no que menciona unha deusa que porta un escudo cun setestrelo: "E eis-lhe nas maos a lança do Resgate, / e un setestrello a scintillar no escudo".

Tamén sabemos que foi a mediados do século XVI cando no fondo do noso escudo comezan a aparecer as características cruces, en principio sembradas en número indeterminado cunha intención estética, co obxecto de encher o baleiro que deixaba a situación da custodia ou cáliz no medio do campo. A orixe deste sementado de cruces meramente estético, segundo Pardo de Guevara ("O escudo de Galicia. Orixe, significacións e evolución", en Os símbolos de Galicia, 2007), podería terse orixinado en Inglaterra: "todo parece indicar que a adición das cruces se inspirou en modelos de uso frecuente nas armarías inglesas, exactamente igual que o propio escudo parlante orixinal".

Seguindo os datos aportados por este investigador, a representación máis temperá das cruces no escudo galego data de 1548 e nela xa se observan seis cruces; o heraldista francés Hierosme de Bara comentaba en 1581 que algúns, en vez de sementar as cruces por todo o fondo do escudo puñan só seis, tres a cada lado; a pauta das seis cruces consolídase a partir da publicación en 1603 do mapa coa Descrición do Reino de Galicia de Hernando de Ojea, o que acaba orixinando, segundo Pardo de Guevara, relecturas ou interpretacións simbólicas das cruces.

O setestrelo no mapa de Ojea (1603). A sétima cruz aínda forma parte da custodia.

A suposta interpretación ou relectura do sacerdote Baltasar Porreño (Nobiliario apologético, 1572) resulta moi interesante. Para empezar non as consideraba cruces, senón estrelas, e indicaba que representaban á Igrexa de Lugo e as súas cinco sufragáneas, a saber: "Orense, Astorga, Yria Flavia, Tuy" e "Britónica", "que otros dicen ser Mondoñedo".

Ó noso xuício a exposición de Porreño concorda co texto da Apocalipse (1,20) no que se informa da identidade entre as estrelas e os anxos (emisarios), e de que estos están ligados territorialmente a cadansúa igrexa (territorio). O vínculo é clarísimo, polo que ou ben Porreño chegou pola súa conta a esta conclusión a partir dos seus coñecementos bíblicos, ou ben a Igrexa sempre tivo presente este simbolismo.

Inclinámonos pola segunda posibilidade, a de que a Igrexa e os centros de produción de cultura ligados a ela sempre coñeceron o simbolismo territorial da estrela, como é lóxico (pois se explica nun dos seus textos canónicos). Amáis, isto xustificaría o curioso dato que aporta Pardo de Guevara sobre o sementado de cruces, que era practicado nas representancións dos nosos escudos que se facían fóra (nalgún caso o fondo do escudo levaba ata vinte e unha cruces), pero non nos que se facían aquí, onde se preferiría o número de seis por ser significativo territorialmente para a Igrexa, non un simple adorno.

Seguindo de novo a Pardo de Guevara, a cruz que remataba a custodia adquiriu co tempo unha dimensión meirande equiparándose ás restantes, o que permitía levar a alusión relativa as seis igrexas ás "siete provincias que incluye el reino de Galicia", cun cambio no carácter xurídico do territorio (da división territorial eclesiástica á civil e laica). Esta nova interpretación fora apuntada por Pallares (Argos Divina, 1700). Nacía así, na nosa opinión, a posibilidade de lle chamar setestrelo ó conxunto de cruces do noso escudo.
 

*    *    *    *    *    *    *

(1) Soledad Silva Verástegui: "Los beatos en La Rioja", Revista Príncipe de Viana, 202, 1994.
(2) Como xa viran Pidal e Díaz y Díaz (v. Helena de Carlos Villamarín, op. cit.).
(3) Cristina González estudara a imbricación dalgúns dos temas folklóricos dos contos populares nas crónicas medievais, sendo a principal materia prima coa que se construirían estas ("Salvajismo y barbarie en la Estoria de España", NRFH, 1992).

No hay comentarios: