domingo, 3 de septiembre de 2023

Entrantes e saíntes / exitus et regressus: a fórmula xurídica medieval

Os que traballamos con documentación medieval, xeralmente textos notariais relativos a doazóns, estamos afeitos a ver continuamente a expresión "exitus et introitus" / "exitus et ingressus" / "exitus et regressus"... e demáis variantes da mesma. É unha fórmula que forma parte de largas enumeracións estereotipadas, nas que se mencionaban tódolos bens do predio afectados pola doazón: 

  • "domos, casalia, arbores, montes, fontes, pascua, ligna, exitus et ingressus et quantumcumque ad istam hereditatem pertinet" (Oseira, ano 1191), é dicir: casas, casales, arbres, montes, fontes, prados, leña, "exitus et ingressus" e todo canto pertence a esta herdade.

É tal a cantidade de veces que aparece nos textos que os investigadores en xeral xa a dan por suposta e pasan por enriba dela sen deterse a estudar o seu significado. Hai, non obstante, un amplo estudo de Xaime Varela Sieiro: "Exitvs en la documentación latina medieval de Galicia: posibilidades contextuales y significativas", Voces 10-11, 1999-2000. Nel conclúese, seguindo a Floriano Cumbreño, que a fórmula "exitus et regressus" refírese ás saídas e ós accesos dos predios ou terras que se doan, ás saídas e entradas das fincas.

Un documento de Oseira semella apuntar neste sentido, ó especificar que se trata de elementos dos camiños:

  • "cum intrantibus et exitibus viarum" (Oseira, ano 1237), é dicir: cos accesos e saídas dos camiños".

Varela Sieiro no seu estudo nota que na evolución da fórmula xa se produxeran na Idade Media contaminacións con outras fórmulas semellantes: a expresión "exitus montium", que tiña un significado distinto, relativo á contorna ou límite dos montes, segundo o investigador, pasou a usarse como se fose parte do binomio "exitus et regressus" orixinando "exitus montium et regressus", fórmula híbrida na que se mezclarían dúas distintas.

Dita contaminación dá conta, na nosa opinión, de que xa na Idade Media non estaba nada claro o significado da fórmula "exitus et regressus", pois adoitaba hibridarse con outras expresións de significado diferente, ou mesmo tentar explicarse engadindo especificacións como o "viarum" de Oseira, que a liga ós camiños. 

Pero chegamos definitivamente á conclusión de que na Idade Media a fórmula que atopamos nos documentos era unha fórmula xurídica fixada e pouco intelixible, co seu significado esquecido, cando 1.300 anos despois da súa primeira documentación (na Diplomática Astur, ano 718: "exitus et regressus") atopamos unha explicación viva do seu significado transmitida na oralidade.

O señor Pepe do Curro. (C) La Voz de Galicia, 18/3/2018.

A explicación ven fornecida polo noso informante favorito, o señor Pepe do Curro (de 97 anos de idade), veciño de Carral e avó de Manuel Ruibal, que nos indica en falando dunha doazón, que o predio en cuestión, un monte, "quedou donado por Rivadeneyra a entrantes e non salientes, os salientes non tiñan dereito a nada e o entrante que viña tiña dereito a ir a ese monte" (transcrición de parte da gravación do 1/9/2023 fornecida por Manuel Ruibal).

Queda claro que o exacto significado xurídico da fórmula transmitiuse na oralidade, e que nela se aludía ás partes do contrato (suxeitos): ós propietarios saíntes da doazón (os antigos propietarios) e ós entrantes (os novos propietarios). A expresión "exitus et ingressus" faría referencia, porén as partes contratantes afectadas, propietarios saíntes e entrantes, suxeitos obrigados nos termos do contrato de doazón.

No hay comentarios: