martes, 26 de septiembre de 2023

Castro de Vilarello - Cereixa (A Pobra do Brollón)

Microtoponimia Vilarello e Castro no entorno da roda de Cereixa.

Na excavación e estudo preliminar da nova roda ou henge descoberta por Xabier Moure en Cereixa (A Pobra do Brollón) chamáranme moito a atención as conxecturas dos arqueólogos que se pronunciaban sobre o microtopónimo Vilarello, que dá nome a unha ampla zona na que se sitúa o círculo prehistórico.

Rodrigo Paulos dicía que "se cadra o propio topónimo Vilarello estea aludindo ao lugar" e Xurxo Ayán insistía no sentido habitacional do microtopónimo: "todos estes topónimos derivados de Vilar teñen que ver coas novas poboacións que xorden ao redor do século XI. Se cadra nese momento a xente da parroquia aínda recoñecía que aquí vivira xente e ficou o nome" (Manuel Gago, "Rodas de vivos ou rodas de mortos", Cultura Galega, 14/07/23).

A min extráñame moito, porque vilar, sobre todo na provincia de Lugo, é sinónimo de agra, que se define como "un bloque ou conxunto de terras cultivadas cun peche externo e divididas no seu interior en parcelas ou leiras abertas. Nalgunhas zonas de Galicia recibían ademais algunhas denominacións locais como veiga, praza, vilar, chousa e barbeito" (Calvo, Méndez e Díaz Varela, "Los paisajes culturales de agras en Galicia y su dinámica evolutiva", Ager. Revista de Estudios sobre Despoblación y Desarrollo Rural, 2011).

Dita acepción de vilar e do seu diminutivo vilarello é ben coñecida dos filólogos expertos en toponimia, polo que sería desexable que nestes proxectos multidisciplinares os arqueólogos contasen directamente co noso asesoramento, en vez de tirar directamente, pola súa conta, da información toponímica que poidan atopar en fontes cecais pouco fiables. Dito isto, semella moito máis probable que o microtopónimo Castro, que atopamos agochado na folla catastral da parcela en forma de bágoa que forma a saída da estrada nacional, fose o nome xenérico do poboado constituído pola rodela prehistórica. O nome teríase extendido dende o poboado para denominar as terras contiguas, como sucede en moitas ocasións.

Catastro de Ensenada - parroquia de Cereixa.

No Catastro de Ensenada (parroquia de Cereixa) menciónanse unha arca e dúas modorras na serra do Vilarello na zona onde se sitúa o xacemento en estudo: modorra das Carballeiras e modorra dos Ramos.

No hay comentarios: