martes, 19 de septiembre de 2023

Eyu, o pronome de primeira persoa do singular de Ferreira de Alcântara

Nunha das conversas gravadas en Ferreira de Alcântara (Cáceres) para o proxecto FRONTESPO, escóitase varias veces ó longo da mesma o uso do pronome persoal de primeira persoa do singular eyu (cognado equivalente do galego-portugués eu, astur-leonés you, castelán yo).

A conversa é ben interesante, ademáis, para notar como se levou a cabo o proceso de imposición lingüística do castelán nos pobos fronteirizos españois que aínda conservaban a lingua portuguesa como lingua materna. Neste proceso de aniquilación fora esencial a labor dos mestres do pasado franquista como don Roberto: Herrera de Alcántara 01. Sesión 4. Juicios sociolingüísticos (1ª p).

Como sinala Xosé Henrique Costas no seu último traballo, o gloticidio xa é un feito irreversible; na maioría das aldeas da fronteira vertical entre España e Portugal estímase que se perderán nuns anos todas as falas portuguesas da mesma, por despoboamento das aldeas, polas políticas de estigmatización cultural que se promoveron no pasado e a inacción actual das institucións. Resulta unha excepción o caso de Olivença, que ó ser unha poboación grande e con políticas activas en prol da lingua portugesa (a lingua estúdase na escola e na Universidade Popular) aínda é posible reverter o proceso de perda da lingua ("As falas portuguesas arraianas en España: crónica dun gloticidio consentido", A Trabe de Ouro, nº 123, 2023).

Á perda da identidade colectiva, da historia, da cultura e da autoestima das poboacións que implican os procesos de colonialismo cultural, hai que engadir a perda de datos lingüísticos importantísimos para reconstruír con exactitude a evolución diacrónica das linguas románicas peninsulares; se ben é unha consecuencia menor en comparación coas primeiras, que afectan directamente ás persoas.

Polo que respecta á orixe do pronome castelán da primeira persoa do singular yo, todo indica que se trata dunha monoptongación de -ou > -o da forma astur-leonesa occidental you, procedente da diptongación en do é aberto tónico de éo < latín ego. De se tratar dunha diptongación propia do castelán, onde o é aberto tónico evolúe sempre a teríamos *yeo, non documentada, que é a que presupuña Pidal para tirar dela yo. En castelán, porén, yo semella ser un leonesismo, según indica García Arias (Gramática histórica de la lengua asturiana, 2003).

Nas linguas do tronco galego-portugués a evolución dende o latín vulgar éo < ego é moito máis sinxela, ó no experimentar diptongación o é aberto tónico. Podemos simplificala indicando que a vogal final pechouse para, por contraste, manter o timbre aberto da primeira, eu, creándose un diptongo.

Ata aquí non tiñamos constancia de máis formas galego-portuguesas para o pronome da primeira persoa do singular. Mais no ferrereño de Ferreira de Alcántara (Cáceres), caracterizado polo seu arcaismo, documéntase a forma eyu / eyo, que claramente remite ó éo do latín vulgar, cunha solución única en toda a Romania na que se integra unha iode antihiática, como en cea (galego) / ceia (portugués) ou feo (galego) / feio (portugués).

Falas mozárabes do suroeste peninsular, teóricamente moribundas ó redor do século XII.
(C) Menéndez Pidal: Orígenes del español, 1968.

O feito de se saír esta forma eyu / eyo, do paradigma pronominal do galego-portugués lévanos a pensar se o arcaísmo do ferrereño non terá que ver cunha posible orixe mozárabe da lingua. O mozárabe falouse na zona ata ben entrado o século XII, e nela o pronome de primeira persoa do singular era eo, e ben puido adquirir a partir deste século a mal chamada iode antihiática presente en eyu / eyo, co obxectivo de manter a separación entre as vocais. Extinguiuse o mozárabe no século XII? Cecais leve varios séculos moribundo e verdadeiramente estea a se extinguir agora mesmo cos últimos falantes de ferrereño.

Segundo Maria da Conceição Vilhena (1) "o falar de Herrera [...] não apresenta quaisquer particularidades que o aproximem do falar português mais próximo, o de Malpica do Tejo"; amais a investigadora atopara que Ferreira xa aparecía mencionada no ano 1297 no Tratado de Alcañices (2). Logo se non presenta afindades co portugués veciño, e a poboación xa existía ó redor do século XII, a probabilidade de que o ferrereño sexa vestixio dunha lingua mozárabe, afín ó galego-portugués antigo, é moi elevada.

(1) En Juan M. Carrasco González: "Hablas y dialectos portugueses o galaico-portugueses en Extremadura (Parte II y última: Otras hablas fronterizas; Conclusiones)", Anuario de Estudios Filológicos, 1997.

(2) En Juan M. Carrasco González: "Documentación antigua sobre las localidades de habla portuguesa Herrera de Alcántara y Cedillo", Revista de Estudios Extremeños, 2017.

No hay comentarios: