Recorte da liña de demarcación cos oito penedos gravados con petróglifos no plano de deslinde entre Freás da Canda e Guimarás (Piñor - O Carballiño) e o mosteiro de Oseira (Cea), do ano 1735. O mapa está accesible no seguinte enlace "Mapa de los términos de Freanes y Guimarás Orense". (C) Arquivo da Real Chancillería de Valladolid.
Vimos de atopar un precioso plano cunha liña de demarcación de oito penedos grabados con petróglifos dos tipos soliformes, espirais, coviñas, ferraduras, cruces e letras de límite, que cremos que podería ser a máis antiga representación dos petróglifos galegos, ó datar de 1735. O detalle dos debuxos é asombroso polo que imos velos de máis preto (pinchade sobre as imaxes para ampliar).
Marco de Paradelas, con soliformes, cruz, ferradura e círculo, e máis, o marco de Encima do Val do Amorto, con espirais.
Marcos de Pena Vixigueira 1, Pena Vixigueira 2 e Pena Parda, con cruces e letras de demarcación O (Oseira) e P (Piñor).
Mentras o equipo de exploración sobre o terreo, coordinado polo historiador Xabier Moure, tenta localizalos, nós nunha primeira aproximación, e grazas á información patrimonial recollida no Visor PBA, no que se ubica un petróglifo no Outeiro do Antonio (entre Freás da Canda e A Folgosa), encontramos a zona chamada Pedra Vixigueira no plano de 1735, actualmente Vexigueira (parcela 135 da folla catastral baixo Outeiro do Antonio).
A liña de demarcación dos oitos penedos corría, pois, de norte a sur, e o mapa de 1735 habería que xiralo 90 graos á dereita para velo co norte arriba. Chámanos moito a atención que na mesma liña aparezan penedos con soliformes, espirais, espirais e coviñas, como nunha gradación astronómica. Cecais podería ser un indicio, como se ten dito, do seu significado astral, e que servesen como delimitacións territoriais tomadas respecto de referencias celestes. A liña de penedos con gravados de orixe prehistórica suxire unha función de delimitación territorial mantida durante milenios.
O pintor do debuxo, Joseph Cardelle Montero, desempeñaba un oficio específico destinado a levantar os planos dos deslindes para os escribáns das Reais Audiencias en procesos de litixios por límites territoriais, como se desprende do texto que acompaña ó documento, e como indican Romaní e Bermejo Barrera no seu estudo sobre a funcionalidade dos petróglifos de podomorfos: é o caso dos chamados "ojos" ou "paños de pintura" (planos pintados) feitos polos pintores da Chancillería de Granada, que acompañan sempre os textos dos deslindes e representan fielmente os termos, límites e mollóns. En Galicia, segundo estes investigadores, non había constancia de ningún caso semellante ("La cojuración y el posible uso de signos podomorfos en la Galicia medieval y moderna", Madrider Mitteilungen, 2014).
No hay comentarios:
Publicar un comentario