Agras de Mesoiro e do Cabaleiro - Vío, mailo amilladoiro da Furoca ou de Vío, nun plano da Real Chancillería de Valladolid (ano 1767).
O amilladoiro de Pastoriza, de Vío ou da Furoca, coñecido por todos estes nomes, fora descrito por don Luís Monteagudo como un amilladoiro de peregrinación, como os de San Andrés de Teixido. Cremos máis ben que tería sido primeiramente un mollón ou enorme cairn de termo, á vista do plano que presentamos, e de que é descrito no Catastro de Ensenada (século XVIII) como límite entre Pastoriza e San Vicenzo de Elviña: "que la divide de la de San Vicente de Elviña, desde allí al Amilladoiro, desde dicho sitio a la piedra de la Xerpe do Cal das Ameixeiras" (nótese tamén a existencia dunha pedra cunha serpe posiblemente gravada nela na zona do Cal de Ameixeiras).
Na descrición de Monteagudo indícase que o amilladoiro tiña 20 metros de diámetro e 8 metros de altura, e que nel depositaban cadansúa pedra os peregrinos que ían cara ó santuario de Pastoriza dende As Mariñas e Culleredo (La religiosidad callaica, Anuario Brigantino, 1996).
Os lugares de Vío e Mesoiro coas súas agras na vista do Voo Americano de 1956-57, mailo amilladoiro da Furoca ou de Vío. Nas agras hoxe instalouse o polígono industrial de POCOMACO, afogando o lugar de Vío, e o amilladoiro está prácticamente destruído por unha canteira.
Existen dúas posibles etimoloxías para o topónimo Vío, ben do latín vicus, "pequeno lugar habitado", ben do latín viam, "camiño". No primeiro caso debemos supoñer que o resultado habitual, Vigo, sufriu perda do -g- intervocálico, e para a segunda posibilidade pensamos nun masculino analóxico formado dende o feminino vía, que xa aparecía en latín no composto bivium (v. Xosé Lluis García Arias: Toponimia Asturiana, El Víu). Das dúas, a máis consistente coa paisaxe antiga é a de que sexa un topónimo viario, motivado pola situación do lugar á beira do camiño que seguía polo Cal das Ameixeiras, topónimo tamén de tipo viario no seu primeiro elemento (cal < latín callis, -is, "sendeiro").
1 comentario:
Avío?
Publicar un comentario