sábado, 13 de julio de 2024

Casas do Foro de Jubia en Ferrol

Unha lista completa das vivendas de Ferrol que a finais do século XVIII aínda estaban suxeitas a pagar rendas ó Mosteiro de Xuvia, por ser da súa propiedade ou estar construídas nos seus terreos, atópase no libro de Arriendos, foros y títulos de hacienda y propiedades do mosteiro, libro 3159 (PARES - Archivo Histórico Nacional). Neste documento danse indicacións de que as devanditas vivendas tiñan que ter no lintel da porta gravadas as letras FDJ (Foro de Jubia) ou ben unha pedra coas letras introducida nalgún lugar da fachada, porque a xentiña adoitaba borralas ou quitalas.

Lintel coas letras FDJ na porta de acceso á cafetería Skada-Moncloa da Rúa Magdalena.

Aínda queda algún lintel coas letras gravadas: un no mesón O Galo (Rúa María 104), outro na cafetería Skada-Moncloa (Rúa Magdalena 64-66), etc. O conxunto de casas que tiñan que ter a pedra, segundo o libro de arriendos ascendía a un total de 390, localizadas nas seguintes rúas e barrios (indícase entre parénteses a cantidade de casas pertencentes ó Foro de Jubia de cada rúa): rúa do Castro en Ferrol Vello (1), rúa San Francisco (24), rúa Magdalena (39), rúa Real (40), rúa Dolores (49), rúa María (24), rúa do Sol (40), rúa do Carmen (1), rúa San Isidro (9), rúa Castañar (43), Canido (40), rúa San Máximo (1), rúa San Xosé (2), rúa Arce (3), Fonte de Insua (2), Esteiro (40), rúa Soto (2), rúa San Amaro (7), rúa San Nicolás (2), rúa San Sebastián (9), rúa San Pedro (5), rúa San Fernando (4).

 

No hay comentarios: