"Os Sete Dormentes" son sete bechiños ou animaliños que no folclore dalgúns países, como Irlanda, se agrupan neste conxunto por ter en común unha característica peculiar que non é que sexa moi científica: o pobo considéraos como resucitados, renacidos ou aparecidos. Dunha análise dos animais considerados Seven Sleepers deducimos que ou ben pertencen ó tipo dos que hibernan e desaparecen durante uns meses ó ano, ou son animais que migran (e tamén desaparecen uns meses, para logo voltar), ou son dos que se transforman, metamorfoseándose aparentemente noutro bechiño (en realidade é o mesmo becho pero adquire unha forma moi distinta). Tamén algún dos Sete Dormentes, como a curuxa, é de costumes nocturnos.
A aparente resurrección / reaparición ou a transformación destes bechiños xerou no pensamento popular a crenza de que probaban a inmortalidade: a morte-resurrección ou a morte-reencarnación. De feito a lenda haxiográfica medieval de "Os Sete Dormentes de Éfeso" parte desta premisa; nace seguramente a partir do folklore animal, xa que logo os sete santos dormentes hibernan nunha cova durmindo durante douscentos ou trescentos anos, como se fosen osos. Sen que se soubese explicar ata o de agora, na introdución dunha variante da lenda atribuída a Gregorio de Tours, menciónanse as abellas como punto de comparación cos sete santos.
Na Irlanda as listas de animais que integran a categoría dos Sete Dormentes poden variar bastante, pero hai algúns que se repiten en todas. Na base de datos do folklore de Irlanda (dúchas.ie) atopamos entre os Seven Sleepers: a abella, o morcego, a bolboreta, o escaravello (1), o porco espiño, o cuco, a anduriña, a curuxa... No Ulster un Seven Sleeper é a avelaíña, á que tamén chaman bat (termo que en inglés se aplica só ó morcego) - cfr. The Hamely Tongue, de James Fenton. Esta indiferenciación entre avelaíña e morcego (bats) autoriza a supoñer que no resto de Irlanda tamén tería sido deste xeito. E quen non vexa semellanzas entrámbolos dous, que pase polo meu balcón a ver se distingue que bechiño habita entre os seus ferros... Eu non me atrevo a mirar!


En Galicia non usamos a etiqueta de "Os Sete Dormentes", pero está claro que a abella, a avelaíña, o escornabois e a curuxa comparten cos Seven Sleepers irlandeses esas características especiais que fan que estes animais aparezan arrodeados de varias crenzas supersticiosas, comúns a ámbolos dous pobos. Concretamente a avelaíña (moth ou bat irlandesa) considérase unha alma reencarnada que ven do Alén a traer noticias ou a pedir axuda para saír do Purgatorio, ou que trae un agoiro de morte, se é de cor preta. No fío sobre a avelaíña (Facebook de "Orgullo Galego") indícase nalgúns comentarios que outro dos nomes que recibe no país é o de bruxa (Eo-Navia e Baiona). Quedémonos con este importantísimo dato.
No conxunto do folklore dos eslavos do sur a avelaíña é a forma que poden adoptar seres sobrenaturais como o
krsnik, as
moras e as bruxas. Os termos
vještica (bruxa) e
vukodlak (lobishome) son tamén os nomes que recibe a
Acherontia atropos, a avelaíña caracterizada por ter no seu tórax un deseño como de caveira humana (v. Susana Marjanic, "
Croatian folklore notions of the post-mortal and cataleptic soul", 2019). Na opinión de Marjanic, trátase dun caso de zoometempsicose, aínda que nós destacamos pola nosa parte que a avelaíña, o bechiño elixido para a transformación da bruxa, é precisamente un dos que experimentan procesos completos de metamorfose (holometabolismo), como a abella, a formiga, a mosca ou o escaravello (todos eles considerados da familia dos
Seven Sleepers). A avelaíña especialmente é símbolo do renacemento e transformación, e a súa simboloxía cobrou especial relevancia no famoso filme
O silencio dos cordeiros (Demme 1991).
Acherontia atropos na carátula do DVD do filme O silencio dos cordeiros. O debuxo da caveira no tórax da avelaíña presenta a particularidade de que reproduce a obra "In Voluptas Mors" (na voluptuosidade atópase a morte), de Salvador Dalí e o fotógrafo Philippe Halsman (1951): unha fotografía de corpos de mulleres espidas dispostos formando unha caveira.
En Galicia, como en Croacia, certos tipos de avelaíñas de grandes dimensións e cores escuras son consideradas a metamorfose dunha bruxa: o nome de bruxa que aínda recibe nalgunhas partes do país, máis a súa calidade de seren almas reencarnadas, sosteñen esta idea.
Tamén chamamos a atención sobre o nome eslavo da bruxa,
vještica, que lembra ó de
huéstiga /
güestia, un dos nomes da Compaña ou Santa Compaña. Normalmente a etimoloxía de
güestia vencéllase ó latín
hostis, "enimigo, exército", mais a posibilidade de que a Compaña fose unha xuntanza de bruxas, antes que unha simple comitiva de defuntos, como sinalaramos hai dous anos ("
Voo nocturno",
Arqueotoponimia 2024), obriga a repensar a etimoloxía de
güestia a partir da base indoeuropea *
weyd-, "ver, coñecer", á que remite a trazabilidade da raíz croata e serbia
vješt / vešt, "experimentado, experto, sabio". A
vještica e a
güestia ou
huéstiga serían, ámbalas dúas, bruxas no sentido de mulleres sabias ou videntes.
Todas estas notas condúcennos de novo á personaxe de Drácula, do escritor irlandés Bram Stoker. Como xa adiantamos nunha entrada anterior ("
Van Helsing contra Romasanta",
Arqueotoponimia 2026), o conde foi deseñado por Stoker como lobishome (
vrkolak), utilizando probablemente (entre outros elementos) o material do relato do doutor Durand de Gros sobre o caso do
serial killer galego Manuel Blanco Romasanta. O feito de que popularmente se pense que a natureza primaria de Drácula era a de ser un vampiro (morcego) é resultado dunha mistificación moderna, na que non se ten en conta a transformación ou metamorfose que bruxas e homes lobo podían operar nos seus corpos á vontade, adoptando a forma de avelaíñas / morcegos (
bats,
vještica): animais máxicos pertencentes á categoría dos Sete Dormentes, por elo supostamente inmortais ou "non mortos", como o conde Drácula e as nosas avelaíñas / bruxas.
__________________________________________________
(1) É ben coñecido que o escaravello tamén é entre os exipcios símbolo do renacemento.
No hay comentarios:
Publicar un comentario