Ubicación do muíño de Carral (Begonte) coa súa represa á beira do río Ladra, na área recreativa que ven estando á altura da aldea de Os Currás - Buíde. (C) Voo Americano de 1956-1957.
O muíño de Carral non aparece inventariado no Visor PBA da Xunta de Galicia. Era un muíño cunha represa (caneiro) que aínda se conserva en bastante mal estado, e cuxa estrutura percíbese moito mellor na fotografía aérea do Voo Americano de 1956-1957. A microtoponimia da folla catastral amosa tamén o nome Tenza do Caneiro en referencia á represa do muíño.
O muíño de Carral foi descrito por Ignacio Cañas Guerrero, Pedro Arias Sánchez e Ignacio Vicente Álvarez, nun traballo conxunto no que se estudan os 21 muíños do concello de Begonte, como o muíño meirande do concello, sendo un muíño de tipo "profesional" (que moe para os de fóra cobrando unha tasa), de río, con represa, dúas plantas de altura e cinco moas (cfr. "Riqueza y variedad de las construcciones agrarias gallegas: los molinos de agua en el municipio de Begonte, Lugo/España", Informes de la Construcción - CSIC, 1997).
No Catastro de Ensenada (Coto de Carral e Buíde - Begonte) non se fala máis que dun muíño fariñeiro no Rego da Picha, dunha soa moa que moía tres meses ó ano, polo que consideramos que este muíño de 5 moas e os restantes da parroquia son posteriores ó ano 1752. Nembargantes hai que ter en conta que o caneiro vencellado hoxe ó muíño puido ter sido antes unha pesqueira para anguías: "en dicho Coto de Buíde y sitio de Porto Buíde en el río Ladra hay un cañal o pesquera de anguilas que poseen por foro Andrés da Veiga el mayor, Andrés da Veiga el mozo y Antonio Redondo, vecinos de dicho Coto, cuyo dominio es de Dª Marta Marchán, vecina de la Ciudad de Lugo".
Estado do muíño de Carral na actualidade, do lado dos aliviadoiros.
O caneiro do muíño de Carral na actualidade.
AS SÉSIGAS DE MUÍÑO
A inscrición aparece revirada (nos amosámola xirada para facilitar a lectura). A letra é de finais do século XVIII, o texto emprega abreviaturas e letras inscritas noutras, e está en castelán: "ESTAS DOS / S~ SON DEL / LO IC[...]II / N~ SNR CON / SUS PADRES". A lousa ó que parece fóra reutilizada antes de colocala de zapata no aliviadoiro, e ten un burato no centro xusto onde iría a data, da que só temos os dous últimos díxitos "II" seguidos da expresión "N~ SNR", en referencia a tal ano de "Nuestro Señor" (ano do Señor ou A.D.). Tamén é posible, dada a envergadura do muíño, que fose unha obra real, en cuxo caso no oco cecais podería restituírse o nome do rei como "[CARLOS I] II N~SNR". A inscrición, polo tanto, fai referencia á fundación do muíño (data e mención ós construtores), e daría de conta da existencia de dúas "S~" (abreviatura) vencelladas á construción hidráulica.
Mais a que elemento dun muíño pode referirse a expresión "ESTAS DOS S~"? Xusto a carón da zapata coa inscrición, no aliviadoiro veciño, hai unha lousa moi parecida, escura, que podería ser a outra "S~" xemelga que nos faltaba, xa sen inscrición, pois non sería necesaria ó levar a primeira lousa o texto fundacional.
Aquí comezamos a análise filolóxica. O único substantivo ligado constantemente ós muíños na documentación medieval do noroeste da Península Ibérica, que comeza por S- e é de xénero feminino é a palabra SESSICA, escrita de moitas formas dende o ano 712 ata finais do século XIII, mais prácticamente sempre vencelladas ós muíños ("sessigas molinarum"): SESSICA, SESSIGA, SESICA, SESIGA, SESSECA, SESSEGA, SEGICAS, SEGIGAS. Exactamente non se sabe o que era unha sésiga, o dicionario do Léxico Hispánico Primitivo defínea entre interrogantes como: "¿Terreno donde está asentado un molino?"
Na nosa opinión o termo non designaba sen máis o terreo ou o chan onde estaba construído o muíño. O uso tardío do termo SESSEGO aplicado a unha parte dun torcular (lagar rupestre) "parte mea torcularis quod ibi est cum suo sessego" (1272 - Ourense) e a palabra do astur-leonés SIÉSEGA "piedra plana o solera sobre la cual se asienta la colmena", non ofrecen moitas dúbidas de que o termo SESSICA aludía a unha gran lousa de pedra que era a base ou fundación sobre a que se asentaban (fundaban) ben os muíños, os lagares ou as colmeas. Así o confirman os dicionarios máis antigos do galego (Aguirre del Río e seguintes): as sésigas eran as "pedras ou lousas que formaban o asento no que se colocaba o pé do muíño". Polo tanto cabe consideralas pedras fundacionais que, debido á súa importancia, podían estar inscritas, como esta primeira sésiga gravada (e a súa xemelga) que ven de atopar Mariana Roura, e que puidemos visitar grazas á súa teimosía e xenerosidade en compañía de Pancho Gallego, que tamén soubo apreciar e valorar a importancia do achádego.
A etimoloxía do termo habería que vencellala ó latin sedes, sedis, "asento", e ó verbo SEDERE, "sentar", en relación coa expresión homóloga "sedilia molinaria".
É un achádego de carácter etnográfico que completa unha lagoa filolóxica: o problema non resolto ata o de agora de que eran exactamente as "sessicas molinarum". Pois xa temos as primeiras, e unha delas con inscrición fundacional! Conviría que Patrimonio inventariase o muíño e que se estudase a inscrición máis polo miudo en relación coa data de construción (despois do ano 1752) por se fose unha construción real, como aventuramos nas dúas lecturas provisionais que fornecemos, ámbalas dúas con problemiñas de sentido non esclarecidos.




No hay comentarios:
Publicar un comentario