domingo, 23 de junio de 2024

O topónimo Rilleira como indicador de antigos asentamentos bretóns

Na documentación do mosteiro de Lourenzá vese como o que hoxe consideramos simples aldeas, como a de Recemil (Lourenzá), en realidade eran chamadas rilleiras ou relleiras.

Como topónimo maior, A Rilleira semella que só existe en Cabarcos (Castro da Rilleira) e en Cambás, aínda que como nome de terras (microtopónimo) é algo máis frecuente e ten unha distribución moi marcada na Mariña lucense e na área de influencia de Santiago de Compostela.

Segundo María Cando "rilleira é un topónimo derivado da palabra rella, do lat. REGŬLA ‘regra’ ‘barra de metal ou de madeira’ (DCECH), co significado de “pegada que deixa unha roda” (DRAG), pois cómpre ter en conta que o concello de Barreiros está caracterizado por terras lamentas" (María Cando Cruña, Estudo etimolóxico e semántico da toponimia maior de Barreiros, 2021).

Se ben a etimoloxía fornecida é correcta, nós non estamos de acordo coa acepción xeral que se ofrece, e vemos a necesidade de adaptala ó contexto agrario no que se atopan as rilleiras: apuntamos que ese regula > rella é unha referencia á rella ou ferro do arado. Porén a pegada que deixa a rella do arado na terra será, neste caso, unha relleira ou rilleira. Nada que ver, pois, coas pegadas das rodas do carro na lama ou as chamadas rodeiras (na pedra das calzadas).

Por extensión ou ampliación do significado, rilleira pasou a indicar un terreo de labradío que conformaba unha división territorial específica, alusiva a un tipo de asentamento en granxas dos colonos dos mosteiros, menor que a parroquia e de todo punto comparable ó plou bretón, co que comparte etimoloxía semánticamente; xa viramos que a etimoloxía dos numerosísimos topónimos bretóns do tipo Plou-, como Plougastel, remite a plough / plovum, "arado", non ó latín plebem, "pobo" (Plou y el arado, Arqueotoponimia, 2008), termo do que provén o nome da división territorial específica das comunidades bretoas, os ploue, que se teñen comparado ás parroquias galegas.

Segundo Arthur de la Borderie, o plou bretón non é únicamente unha circunscrición, é unha institución, e aínda que os escribáns medievais traduzan este termo polo latín plebs, non ten que ver coa plebs eclesiástica; o plou é unha institución civil, un grupo de habitantes establecidos por xeracións nun territorio rexido por un xefe, cuxa principal prerrogativa é exercer o poder xudicial, que é nomeado como príncipe do plou, en latín princeps plebis, e tiern en bretón, investido dunha autoridade hereditaria (Le Cartularie de Landevenec, 2022). Sucede o mesmo na nosa zona de estudo, exceptuando o carácter hereditario dos cargos de rexedor ou alcalde, que polo que sabemos eran elixidos anualmente (cfr. a elección de alcaldes e xuíz segundo o costume da caza do Rei Charlo de Lourenzá).

Rilleira da Telleira (Lourenzá).

Así, na páx. 442r do Índice de documentos do Mosteiro de San Salvador de Lourenzá (IDL) un testigo indica que a relleira de Telleira comprendía os lugares de Pumar de Don e Condomiña, polo tanto, sen chegar a abranguer a parroquia de Santa María de Lourenzá na súa totalidade. Outro testigo (IDL px. 447v) indica que no concello de Lourenzá había catro relleiras, con setenta casais distribuídos entre elas, propiedade do mosteiro. Polo tanto dedúcese a articulación do territorio colonial do mosteiro en rilleiras, e estas, en lugares, cos seus casais.

O paralelismo entre as rilleiras e o sistema bretón armoricano de ordenación territorial dos ploue deixa de ser unha mera coincidecia se lembramos a chegada dos bretóns ás costas de Galicia (a pequena Armórica) a partir de finais do século IV (v. "Bretones en Galicia", Arqueotoponimia, 2008). Entendemos que este sistema de colonización agraria e articulación territorial podería ser de orixe bretoa, porque ademais deixou a súa pegada no nome dun dos casais que formaba a rilleira de Recemil (Lourenzá): Casal de Bretón. O noso primeiro topónimo "Bretón"!

O primeiro bretón que deixou a súa pegada na toponimia de Recemil (IDL px. 183v).

Lembremos tamén que o xeógrafo francés Abel Bouhier, nunha das súas máis interesantes hipóteses sobre a orixe da paisaxe agraria galega, e ó respecto das peculiaridades da paisaxe da zona das montañas setentrionais, prantexara a posibilidade dunha orixe bretoa para o sistema do bocage propio dela. Posto que os colonos bretóns chegaron á Armórica galega establecendo en torno ó século V (nós probáramos que fora antes) a Sede Britanorum, e dita forma de parcelación / ocupación agrogandeira foi coñecida entre eles "sería entón lícito pensar que os bretóns, que traían a fórmula agraria do cerrado, a tiveran difundido no norte de Galicia" (Galicia. Ensaio e interpretación dun vello complexo agrario, trad. Benxamín Casal, 2001, px. 1229).

No hay comentarios: