No libro Índice de documentos do Mosteiro de San Salvador de Lourenzá (dende o fol. 466v ad finem), o que se ve que consultou pero non chegou a rematalo o historiador Villaamil y Castro cando excavou na cova da Furada dos Cas no monte Serrapio (1), dous testigos fornecen os límites da Rilleira de Recimil, Tiagonce, Arroxo e Soutelo, e dan conta da existencia de varias covas no cimbro do Serrapio, aínda que ningunha é nomeada como Furada dos Cas (si se emprega o termo furada).
O primeiro testigo, Álvaro Alonso de Piquín "O Vello", indica que os límites ían pola Cruz da Algara, onde había un foxo de lobo, e polo cimbro do monte ó Espiño das Louseiras e á pena e castro de Pena Caxide, logo a unha cova na Portela e de alí a ámbolos castros, un que dicen da Cibdade, onde morou Gonzalo de Vilamor, e outro cabo del. Este testigo volta falar da existencia de "covas y furadas antiguas" nos límites de Arroxo, unhas na Veiga de Anguieiro, outra baixo o camiño francés que saía de Vilanova de Lourenzá e outra máis na fonte da Azoreira.
O segundo testigo, Diego da Lamela, repasa os límites neste tramo do Serrapio, e engade un dato ben interesante: "polo lombo do Serrapio ó castro de Pena Caxide, e de alí á cova que sae á Portela, entre o castro da Cibdade e o da Pena Caxide" [texto traducido ó galego]. Indica que unha das covas do Serrapio, seguramente A Furada dos Cans, estaba comunicada coa Portela sita entre os dous castros da Cibdade. Este mesmo testigo, como o anterior, volta falar das "cuevas furadas antiguas" cando informa das herdades de Arroxo. Son catro covas, as que nomea así: "dos Carrís del Rego de San Martín", "del rego de Angueiro", "cueva da Vella del Espino de las Louseiras" e "cueva de la Portela".
Calculamos deste relatorio que no cimbro ou lombo do Serrapio habería unhas seis covas ou furadas antigas, entre elas a da Furada dos Cas que excavara Villaamil y Castro chegando á conclusión, e fornecendo evidencias, de que fora lugar de habitación prehistórica. Unha destas covas comunicaba ou chegaba ata a Portela ou acceso á zona na que logo se construirían os dous castros xemelgos da Cibdade, no actual monte da Trinidade. Nós aquí vemos unha conexión evidente (continuidade) entre os asentamentos na transición do hábital en cova (cando era posible) ó hábitat nun recinto fortificado. Resulta tamén moi curioso na liña da continuidade, ese dato do tardío habitante do castro da Cibdade, Gonzalo de Vilamor, o último castrexo irredento.
A lenda que recolle Antonio Reigosa de que o túnel da cova da Furada dos Cas chegaba ata o Mosteiro de San Salvador de Lourenzá (2) semella que non ía tan desencamiñada, pois chegar chegaba ata a Cibdade (non á cidade de Vilanova de Lourenzá, senón ó vello asentamento da Idade do Ferro). Cecais a Cibdade do monte da Trinidade fose a misteriosa Cidade de Reiriz, que segundo a lenda recollida por Villaamil (1873: px. 74) fora afundida por un máxico.
(1) Na páxina 6 o autor fai mención ó Índice de documentos de Lourenzá: Antigüedades prehistóricas y célticas de Galicia, 1873.
(2) "A Furada dos Cas: a cova osuaria de J. Villaamil", blog Caderno de campo de Antonio Reigosa, 2019.
No hay comentarios:
Publicar un comentario