Un outro texto que menciona a migración masiva dos britóns do emperador Magno Máximo cara á Armórica primitiva, que convén resituar na costa norte de Galicia (que foi a antiga diócese de Britonia), ven nunha tríada do século XIV contida nas Trioedd Ynys Prydein (Liber Triadum). A tríada titúlase "Cando unha armada foi a Lychlyn", e componse, como tódalas tríadas, de tres partes. Nesta alúdese a tres migracións, que non deixan de ser variacións temáticas en torno ó feito histórico da migración das lexións dos britóns do emperador galaico Magno Máximo cara a costa europea occidental, ocorrida a partir do ano 383.
Na primeira parte desta tríada as lexións diríxense ó mar Grego, a dúas illas chamadas Gals e Avena. Na toponimia conservada, e posto que a migración claramente ía dirixida cara a costa atlántica europea, só podemos ver alusións ó extremo noroeste da Península Ibérica. O nome de mar Grego que recibe o tramo marítimo da Gallaecia proviría das afirmacións dos historiadores da antigüidade de que os galaicos tiñamos orixe grega e costumes semellantes ás dos gregos (v. párrafos de Estrabón, San Isidoro ou San Braulio no estudo de J.J. Moralejo: "De griegos en Galicia", 2000, en Callaica Nomina). As dúas illas seguramente sexan unha visón deformada dun mapa no que se vían as dúas columnas de Hércules; o nome de Gals dunha delas semella estar baseado no da Gallaecia, e o nome de Afena / Avena da outra illa reproduce coa fonética celta o nome real de Abena que tiña unha das columnas.
Na segunda parte da tríada, as lexións teríanse dirixido a Lychlyn comandadas por Elen Luydavc e Macsen Wledig (o emperador Magno Máximo), e xamais terían retornado, idea que reproduce a afirmación de Nennio na súa Historia Britonnum (século IX): "Hi sunt Brittones Armorici, et nunquam reversi sunt huc, usque in hodiernum diem" = "Alí están os britóns armoricanos, e nunca voltaron ata hoxe". Nunha versión anterior que se menciona no traballo de Merdrignac (D'une Bretagne à l'autre: Les migrations bretonnes entre histoire et legendes, 2022) indícase que Elen partiu xunto con Conan (Cynan Meriadoc), un dos homes de Magno Máximo.
Na terceira parte da tríada, a expedición vai na procura dos Kessaryeit (os homes do César).
Para a editora da tríada, Rachel Bromwich, o texto ten como tema principal a memoria do mítico emperador Magno Máximo, ó que se lle atribúe nas tradicións galesas medievais ter privado a Britannia dos seus defensores, ó tempo que varias dinastías reais do País de Gales o recoñecen como ancestro (v. Merdrignac, op. cit., px. 78).
A concordancia desta tríada coa lectura do texto de Gildas que fixeramos en Bretones en Galicia (Arqueotoponimia, 2008), no que respecta á migración dos britóns cara unha Armórica situada na costa norte de Galicia nunha data máis recuada que a que se ven propoñendo para o establecemento da Sé Britoniense (século VI), confirma a nosa hipótese de que as lexións ou un continxente de tropas do emperador Magno Máximo se asentou no arvôr galaico cara finais do século IV, sendo porén os célebres migrantes bretóns que, establecidos na Armórica, nunca máis voltaron.
Neste sentido tense pronunciado tamén Ferdinand Lot, que non excluía que un dos puntos xeográficos da extensión desta primeira Armórica, o Cruc Ochidient mencionado por Nennio como límite occidental da mesma, fose unha referencia ó Fisterre galego (v. Merdrignac, op. cit., px. 82).
No hay comentarios:
Publicar un comentario