Do latín pratum, "prado", mediante a lenición ou suavización do son oclusivo sordo t > d > 0 chégase en asturiano a prau. Ó redor dos praos de Pravia existe o microtopónimo Praúa, hoxe conservado no rueiro como Avenida de Prahúa, cunha h intercalar que, como indica García Arias, separa a acumulación vocálica "en un intento de señalar la diferencia silábica".
Nós non consideramos Praúa un derivado do latín prata máis sufixo diminutivo -UCA, como fai García Arias, senón un femenino ou neutro plural en -a, formado analóxicamente a partir da base prau. Prau-a > Praúa sería, pois, unha forma de referirse ó conxunto homoxéneo dos praos cando en lugar de estar salpicados polo territorio van xuntos e contiguos ó modo das leiras das agras.
Semella que o nome da poboación tamén tería entón esta mesma orixe, pois Pravia podería ser resultado da posterior consonantización do wau intervocálico de Praua > Prava, cunha terminación -ia espontánea, que na historia do topónimo galego Piadela documéntase alternando coa outra no ano 1160: "in fraga Prauia scilicet aliquando Piava [...] per uiam de Genrrozo" (CODOLGA: documentación do Tumbo do Priorato das Cascas). O Pravia asturiano non sería polo tanto a frase preposicional "per Avia", de núcleo hidronímico, como adoita formularse por parte dos investigadores (García Arias, Xulio Concepción). Pravia sería literalmente, "a vila dos praos, do conxunto dos praos".
Na Crónica Albeldense (s. IX) dise do princeps Silo que "iste dum regnum accepit in Praua solium firmauit".
Propoñemos a mesma evolución para Pravío (Cambre) e a Pravia galega, hoxe Piadela (Betanzos), dende un pratum > prau. A fase orixinal Pravia alterna con Piava (ambas aparecen como equivalentes no documento do ano 1160). É dende esta última que se forma o diminutivo Piavela (ano 830), que termina sendo o actual Piadela, segundo demostrara Abelardo Moralejo ("Notas acerca de algunos topónimos de la comarca de Betanzos", Anuario Brigantino, 1981), aínda que o autor non lograra achegarse ó significado deste Piava / Piavela.
Os fenómenos de lenición celta e mantemento e consonantización do wau ó darse nesta serie fornecen indirectamente unha cronoloxía relativa para os mesmos: a lenición (t > d > 0) tivo que ser moi anterior á consonantización do wau (w > v / b), que implica betacismo. A lenición celta non é porén posterior ó betacismo, como se supón (v. Cano Aguilar, Historia de la lengua española, 2013, px. 118, punto 5.2.3) senón que tería xurdido en plena romanización aínda que os primeiros casos documentados daten do século II.
No hay comentarios:
Publicar un comentario