Terras denominadas Anellada, xunto do río Xuvia ó seu paso por Ramil (San Sadurniño).
Anellada semella, pola súa situación, un derivado do latín amnicula, "ribeiriña", á súa vez derivado diminutivo de amnem, "río". O topónimo aludiría a un conxunto de terras situadas xunto da ribeira dun río. A forma Anella, procedente directamente do diminutivo latino amnicula, tamén se atopa fosilizada na toponimia.
Anellas xunto ó Rego de Velín en San Pedro de Oza.
Nalgúns dicionarios recóllese a forma masculina anello como "pasteiro permanente, que non se sementa", "lameiro", "prado, pastizal", "poulo", o que na nosa opinión reforza a etimoloxía proposta dende o latín amnem, pois dá idea da grande cantidade de auga que precisan estes herbais para o gando; unha mesma motivación prodúcese no caso do sustantivo poulo, "prado, pasteiro", que xa tiñamos analizado como procedente do hidrónimo latino paludem, "pantano" (v. Poulo, Arqueotoponimia, 2019), e no caso de lameiro, "pastizal", provinte do hidrónimo prerromano lama.
Así pois, Anella e Anellada teñen como referente terras ribeireñas inundables aptas para pasteiros (anellos < amniculum). O étimo será pois o latín amnem, "río".
Non se descarta que de formas en xenitivo de relación como Anelhe (Chaves - Portugal) se teñan formado, por fonética sintáctica ou falso corte do a etimolóxico por confusión co artigo feminino, topónimos como Nelle ou Nelhe. Ex.: Campo d'Anelhe -> Campo de Nelhe.
2 comentarios:
E Anllo virá de Anello en vez de Ángulo?
É que hai que ter en conta o acento, que sempre se mantén, amnículum daría anéllo, e dificilmente pode caer (perderse) a vocal tónica de anéllo para dar Anllo.
Publicar un comentario