domingo, 12 de noviembre de 2023

Illas do Alén

Tiñamos reservada unha lenda do Baleo (Ortigueira) que Camiño Noia Campos clasificara entre as que conforman o tipo ATU 470A "A calaveira agraviada" xa que na súa primeira parte cóntase a historia da ofensa ó defunto por parte dun vivo que indo mexar ó muro do cemiterio tropezou cunha calaveira, falou con ela e invitouna a cear.

En tódalas lendas que teño visto do conto "The skull offended", cando o morto devolve a invitación ó vivo, convócao a un banquete no cemiterio, é dicir, na súa morada infernal imaxinada nos relatos como tumba nun cemiterio (imaxinada a morada do defunto ó modo cristiano). E de feito este defunto vese que ó principio habita nun Camposanto.

Pero este conto do Baleo é único por dous motivos:

  • contén unha referencia ó Alén atlántico máis característico da antigüidade, ás Illas do Alén.
  • a illa xa non aparece coma un paraíso, senón cristianizada como Inferno, con chamas. Ó se indentificar como un lugar pagano da xentilidade ten que ser infernal.
Ó home da historia, na segunda parte, mórrelle a filla pequena, e ós catro ou cinco días volta aparecer o defunto berrando:

"—Quedas invitado —porque había un sitio como unha isla que hai aquí, chámanlle a isla, a insua— quedas invitado a las 12 de la noche.
E ás doce el foi pra aquela isla que estaba cerca do mar. Foi nunha lancha. E subeu pra el todo. Había llamas. E el dixo:
—Bueno, aquí me vou a quedar. Aquí...
E vén unha voz e dícelle:
Vuélvete, padre del alma, que seghiré tu pena por ti." (Camiño Noia Campos: Contos galegos de tradición oral, 2002. Conto titulado "A filla paga a pena do pai", narrado por Antonio Canoura, de 86 anos de idade en 1998 - O Baleo, Ortigueira).

Pointe du Raz (Baie de Trépasses - Bretaña), lugar de onde parten os mortos á Île de Sein, restos aínda visibles da cidade asolagada de Ys.

Non nos cabe dúbida de que a illa na que se situaba o Alén celtoatlántico deste conto era a Illa de San Vicente, fronte á costa do Baleo, coñecida tamén como A Insua. O nome de A Insua é o que emprega o informante de Camiño Noia e o que tiña tamén a Illa de San Vicente na contorna, según noticia que atopamos na Hemeroteca da web Galiciana (Boletín Oficial de la provincia de La Coruña, 6/11/1908). Que o informante pensase que eran dúas illas distintas pode explicarse porque non concibía que ese Alén infernal envolto en chamas, que se estaba a describir no conto, fose a veciña Illa de San Vicente.


Temos pois unha lenda máis, desta vez no norte de Galicia, onde non se coñecía ningunha, sobre as Illas do Alén, nas que segundo as crenzas escatolóxicas célticas se situaba o paraíso (cfr. a Illa de Avalón). O carácter pagano deste tipo de lendas ponse de manifesto na virulenta cristianización desta, pois no conto do Baleo o Alén apracible se presenta como infernal morada dos mortos que arden en chamas e purgan os seus pecados (as penas do conto).

Non pode desligarse a nova Illa do Alén de San Vicente da proximidade ó santuario da morte por excelencia: Santo André de Teixido. O vencello ven tamén sinalado pola cruz aspada na que fora martirizado San Vicente mártir, homólogo de Santo André.

Completando a lenda do Baleo, aventuramos a posibilidade de que a viaxe en lancha cara á illa se tivese realizado en barcos de coiro. Federico Maciñeira recolle tamén para a Illa de San Vicente a tradición de que os franciscanos que en ela moraron nun convento ata o século XVI usaban barcos de mimbre e coiro para achegarse á costa (Crónicas de Ortigueira, 1892), como na veciña Illa Coelleira.


No hay comentarios: