martes, 19 de agosto de 2025

A gabardina: icónica prenda de orixe galega

No ano 1274 dona Rama Fernández, da parroquia de Sobrada (Tomiño - Pontevedra), legou ó mosteiro de Tomiño unha manda por valor de cen soldos, e dentre as súas pertenzas deixoulle ó seu confesor "Martino Iohanis, suum mantum et suam garuadynam", o seu manto e a súa gabardina; as mellores prendas unisex ou non binarias do fondo de armario da señora (v. Víctor Rodríguez Muñiz, Os mosteiros de Santa María de Tomiño e Santa Baia de Donas na Idade Media, Santiago de Compostela, Consello da Cultura Galega, 2022).

O filólogo Joan Coromines tiña estudado a etimoloxía da palabra gabardina, atopando que a súa primeira documentación se rexistraba na obra castelá de Enrique de Villena, Arte Cisoria (1423). Nós non encontramos na Arte Cisoria de Villena a palabra "gavardina" que indica Coromines, a non ser no "Glosario" que acompaña o texto, que foi realizado polo editor Felipe-Benicio Navarro (1774-1832). Así pois, tendo en conta que no devandito "Glosario" o editor incluiu palabras modernas de uso pouco común que non se atopaban no texto da Arte Cisoria, teremos que considerar incorrecta a data de Coromines e pasar á que sería a primeira ocorrencia en castelán da palabra, a que aparece nas Coplas del Provincial (1465-66):

En un hospital vi estar,
al rincón de una cozina,
a Hernando el de Tovar
con su capa y gabardina [capa-gabardina]
es muy pobre, más por eso
muy ufano de hidalguía.

Como a primeira ocorrencia da palabra prodúcese nun documento galego medieval (1274), case douscentos anos anterior á primeira vez que se rexistra en castelán (1465-66), podemos soster que o termo gabardina é con seguridade de orixe galega ou galaica. Dende a nosa lingua pasaría ó castelán, e deste ó francés (en Rabelais lese "gualvardine"); finalmente do francés transmitiríase ó inglés (en Shakespeare lese "my Jewish gaberdine").

Gabardina empelicada e con capeliña (tipo Sherlock Holmes) fotografada no pobo de Vilar de Perdices no 2012. (C) Andregoto Galíndez.

Segundo Coromines a palabra gabardina viría dun cruce entre gabán e tabardo, prendas de vestir semellantes á gabardina. Mais gabán non se rexistra na documentación medieval galega, polo que non parece posible continuar sostendo a proposta do filólogo. Se atendemos á suxerencia que nos fixo o investigador José Manuel Barbosa Álvares, ó se localizar a orixe da palabra en Galicia, a etimoloxía do termo podería encontrarse nas linguas xermánicas que nos chegaron cos colonos suevos, e que nos deixaron outros termos vencellados ós campos semánticos da guerra e das prendas de vestir, como p.ex. luva (cfr. inglés glove): "et accepimus pro inde roboracione unas luvas" (ano 1183 - Oseira).

Tras valorar distintas posibilidades de combinacións morfolóxicas para a base xermánica WARD, "vixiar, protexer, gardar", que nos parece a máis axeitada, inclinámonos por unha prefixación da partícula GE- á base, que adoita aparecer na formación dos participios de pasado ou ben engade un sentido de reforzo do verbo: *GEWARDAIN = "prenda que resgarda, gorece e protexe", que viría ser a mesma idea que se reflicte no substantivo gardapó, substantivo composto formado cun primeiro elemento provinte tamén da base xermánica WARD, e que se define como una "peza de roupa que se pon sobre outros vestidos para preservalos da sucidade. Ao baixar da dilixencia, por debaixo do gardapó empoeirado lucía un impecable traxe gris".

O escocés Macintosh ou o inglés Burberry inventarían as teas impermeables para as gabardinas, que ó usarse nas trincheiras durante a Primeira Guerra Mundial pasaron a chamarse trenchs, mais o deseño da prenda e o seu nome orixinal son moda galega!

No hay comentarios: