domingo, 24 de agosto de 2025

O Monte Xalo. Patrimonio cultural e tradición oral dun monte máxico / Lois Vilar

Onte pola tarde presentouse no monte Ghalo / Xalo o novo libro de Lois Vilar, O Monte Xalo. Patrimonio cultural e tradición oral dun monte máxico, no marco do festival "Castelo Conta".

Estand co libro de Lois sobre o monte Xalo.

A presentación abriuse cunha charla informativa sobre o proxecto de monte demostrativo que se ten desenvolto no Xalo por parte dos comuneiros de Castelo, parroquia de Folgueira (Culleredo), coa axuda da Asociación Forestal Galega (AFG), que xa conta con outros dous montes demostrativos, no Pico Sacro e en Mouriscados.

No caso concreto do Xalo, cualificado como monte periurbano pola súa proximidade á cidade da Coruña, o proxecto de monte demostrativo tenta compatibilizar o uso social, polo atractivo que o monte ten para a práctica do sendeirismo e outras actividades deportivas, coa rendibilidade sostible que debe ter a explotación do monte para os comuneiros, que agora mesmo son uns 60 membros.

O monte da comunidade de Castelo ten unhas 140 hectáreas, das que o 60% está adicado á silvicultura de piñeiro e madeira de alto valor. Un 15% da superficie está destinado a pastos para unha pequena cabana gandeira (polo momento 13 cabalos) que colaboran mantendo limpo o monte evitando os incendios. Outras técnicas forestais, como a introdución de frondosas caducifolias (2000 castiñeiros, 150 cerdeiras...) para froita e madeira de calidade, que nalgún caso actúan ademais como cortalumes naturais, a formación nas técnicas de silvicultura que reciben os membros da comunidade, mailo mantemento das pistas forestais e o coidado do patrimonio (limpeza das mámoas) garanten a sostenibilidade e a rendibilidade dun proxecto exemplar de autogobernanza e explotación dos montes comunais galegos.

En tódolos proxectos nos que unha comunidade veciñal se implica totalmente adoitan xurdir sinerxías que provocan efectos maiores dos esperados. Así, en relación co uso social do monte, deseñouse unha aplicación multiplataforma "Castelo Conta", descargable no Google Play, que vai guiando os roteiros que se poden facer polo monte mentras se escoitan os vídeos e audios informativos. O patrimonio que se pode desfrutar nos percorridos vai clasificado temáticamente: arquitectura, camiños, auga, flora e fauna.

Lois Vilar, no centro, durante a presentación do seu libro O Monte Xalo. Patrimonio cultural e tradición oral dun monte máxico.

Resultado desta sinerxía, o libro de Lois Vilar sobre o monte Xalo é unha contribución importantísima ó coñecemento do monte, do seu patrimonio arqueolóxico, cultural e lendario; é froito da recollida oral levada a cabo polo autor durante máis de trinta anos de investigación etnográfica directa, a pé, falando cos paisáns das aldeas dos concellos de Culleredo, Carral ou Cerceda.

O libro ten unha primeira parte adicada á formación xeolóxica da paisaxe granítica do monte, cuxas formas singulares son, sen dúbida, parte esencial do seu atractivo e orixe dalgunhas lendas populares, como a que Lois recolleu sobre as "Pedras Señoritas" (Altos da Hermida - Celas), que pola súa forma vagamente antropomorfa lembran ás personaxes mitolóxicas das mouras (tamén chamadas señoritas, donas ou encantos). A continuación, seguindo a estrutura da obra, repásanse as medoñas, os castros, os castelos, os petróglifos e as pedras habitadas (abrigos, casotas), e recompílanse as lendas relacionadas con estes lugares. Outro capítulo específico adícase ás pedras máxicas con lendas: de mouros, de mouras, de xigantes, ou ás incribles pedras do Alén ("A Porta dos Infernos" - Altos da Hermida - Celas). Finalmente o estudo conclúe cun capítulo adicado ás augas sandadoras e ás lendas relacionadas co culto ás augas.

A obra de Lois Vilar ten unha edición moi coidada, con belísimas fotografías e textos sinxelos e precisos, resultado dunha longa e meticulosa tarefa de investigación. Moita información é inédita, produto de recentes descobertas, como o marabilloso "Altariño das fontes do Anllóns", atopado por Manuel Ruibal: trátase dunha pedra que representa o nacemento do río, gravada con coviñas e sucos, indicativa dun culto pagán ás augas e ós seus nacentes.

"Altariño das fontes do Anllóns" nunha fotogrametría de Álex Negreira incluída no libro de Lois Vilar sobre o monte Xalo.

No hay comentarios: