lunes, 23 de octubre de 2023

A Cerca: castro do Castrillón / Os Castros - A Coruña

O castro coruñés situado no barrio dos Castros - O Castrillón fora obviado nunha revisión municipal do PXOM (2016) xa que, segundo o informe, non existían datos ou evidencias arqueográficas que amosaran a súa existencia, aínda a pesares da significativa toponimia Os Castros e Castrillón.




A continuación amosamos dúas fotografías aéreas nas que se percibe unha grande parte do valo ou parapeito exterior do castro ocupando a parte superior do Monte das Moas. As fotografías pertencen ós voos chamado Americano de 1945 e Interministerial de 1973 e pódense consultar na fototeca do IGN: https://fototeca.cnig.es/fototeca/

Voo Americano de 1945.

Voo Interministerial de 1973.

Da comparación entre as fotografías derívase que o sector noroeste do parapeito do castro conservouse case íntegro ata os anos 70, momento no que se comezaría o seu desmonte para convertilo na futura Rúa Antonio Rivas, que mantén na actualidade a forma elíptica característica do antigo valo do recinto prehistórico. Albíscase tamén que a zona da croa do castro foi aproveitada para unha incipiente praciña, na que logo se desenvolvería arquitectónicamente a moderna Praza da Concordia, baixo cuxa fonte, aproximadamente, estaría a croa do castro.

Amáis destes dous testemuños gráficos do pasado século, que proban sen dúbida a existencia dun gran recinto prehistórico no lugar, de foma elíptica, da Idade do Ferro ou cecais anterior, e de carácter habitacional ou gandeiro, tiñamos tamén indicios toponímicos fornecidos pola microtoponimia conservada no rueiro.

Segundo pensa o arqueólogo José María Bello Diéguez, ó que agradezo a comunicación persoal, o nome da Rúa da Cerca e o da Travesía da Cerca poderían ser vestixios onomásticos nos que se estivese a aludir ó parapeito (cerca) do castro / castrillón.

Nós dámoslle totalmente a razón. Nas fotografías vese que o parapeito conservado ata os anos 70 do pasado século estaba na liña que viña da Rúa da Cerca, que logo terminaría por se unir coa futura Rúa Antonio Ríos unha vez desmontado totalmente o valo. Logo, é moi posible que o topónimo Cerca que sobrevive no rueiro proveña da existencia no pasado, nese sector, da continuación do valo do recinto prehistórico, que se prolongaría ó longo da Rúa da Cerca, motivando dito odónimo.

O amigo Pancho Gallego, outrora habitante do antigo recinto castrexo do Castrillón / Os Castros, indícanos que a forma elíptica da rúa Hernansáez onde vivira algúns anos seguiría a forma do valo no seu sector suroeste, o que ten moito sentido. De feito, nunha inspección preliminar da volta da rúa Hernansáez vese perfectamente un testigo do valo no punto no que se incorpora á rúa do Xeneral Salcedo Molinuevo, cun desnivel que é salvado por unhas escaleiras, o que dá idea da altura que tivo que ter.




No hay comentarios: