domingo, 22 de octubre de 2023

As cidades asolagadas de Galilea e Bragunde (Carballo)

 

Nomes dos Baixos de Baldaio segundo Adrián Abella.
(C) Dolores González de la Peña, 2023.

Fronte á praia de Arnedos (topónimo derivado do latín arenam, "area", praia formada polas de Razo e Baldaio, pertencentes ás parroquias de Razo e Lema) vese a inmensidade mariña cara Irlanda, e na liña do horizonte entre auga e ceo, a escuma das ondas que rompen contra as rochas que forman os perigosos baixos somerxidos de Baldaio.

Segundo nos informou Adrián Abella, cando un baixo queda ó descoberto dise que vela; hainos que velan sempre, e outros de cando en vez, dependendo das mareas e do estado do mar.

Os nomes dos baixos de Baldaio foron recollidos por Adrián e xeoposicionados por Vítor Garabana no seu magnífico proxecto Talasonimia da Costa Ártabra. ("Os talasónimos da costa ártabra. Colleitas de nomes mediante entrevistas a xentes do mar", Madrygal, 2014). Podedes ver os nomes consultando o proxecto no enlace: https://www.acorunha.gal/.

Hainos ben interesantes: algúns indican a especie que se pesca xunto deles (A Maragoteira, A Congreira, O Molroeiro), outros semellan estar nomeados así por certa semellanza entre o sector mariño e o terrádego agrícola (A Cortiña, As Lóngaras, A Senreda da Maior), outros polo efecto que produce a auga ó impactar contra eles (O Vapor, O Cachón Falso), etc. Hai diferentes motivacións á hora de se crear un talasónimo, e non sempre son as mesmas que xeran a toponimia terrestre. A talasonimia ten as súas propias reglas.

O irmán de Adrián Abella, Xelucho, ten recollida a existencia de dúas cidades asolagadas na costa de Razo e Lema, unha é a cidade de Galilea e outra a de Bragunde (Xeoantropoloxía mítica da Costa da Morte, 2019). Galilea é nome bíblico, elixido por semellanza acústica co de Galicia.

Segundo nos explicou onte Adrián, a lenda da cidade de Galilea permanace viva no nome dos Baixos de Baldaio chamados A Gran Campana e Seco do Norte da Gran Campana; esa "Campana" non é outra que a campá da igrexa da cidade de Galilea, que aínda se escoita soar cando o seu baixo vela. O feito lendario de dicir que se escoitan as campás baixo a auga é moi común nas lendas de cidades asolagadas.

A lenda da cidade asolagada de Galilea pervive tamén nun dito recollido por Manuel Ruibal do seu avó, o señor Pepe do Curro: "A Coruña será hundida, e Galilea, descuberta" (grabación do 22/10/23). Neste brevísimo conto augúrase o futuro asolagamento da cidade da Coruña, que irá acompañado do fenómeno oposto do emerxer das augas da vella cidade afundida de Galilea, nunha especie de cataclismo do fin do mundo.

Da vella cidade asolagada de Bragunde non temos máis datos que o seu nome. Situámola provisionalmente baixo o castro do Castrillón na baixada cara ó mar, nunhas leiras chamadas Bergonde ou Bragundi  (folla catastral) preto da marisma do Xuncal. Se facemos caso da etimoloxía do microtopónimo Bragunde fornecida por Piel, de Verecundus, vemos que seguramente sexa a ligazón etimolóxica coa verecundia, "vergoña", a razón que levou neste caso a xerar a lenda da cidade asolagada, castigada polo comportamento pouco honesto e cristián dos seus habitantes.

O motivo das xentes ou da cidade idólatra é perceptible na lenda da veciña cidade asolagada do Orzán, contada por vez primeira por Carlos Florencio (El Ideal Gallego, 29/6/1924). Nela nárrase como Xesús e San Pedro chegan ó monte San Pedro (Visma) e atopan unha multitude de xente que procedía dunha chaira entre dito monte e o da Torre de Hércules. Ían adorar unha divindade pagana ante unha ara de pedra. San Pedro para evitalo tocou a ara cunha pedra* que levaba e a ara caeu e fíxose po. Nese momento unha enorme onda ruxidoira e terrible avanzou sepultando por sempre a cidade idólatra; segundo os veciños aínda pódese ver en determinadas épocas do ano no fondo da enseada do Orzán.

*A pedra portada por San Pedro, segundo o relato de Florencio, tiña forma de almofada e servíalle ó santo para facer lume mediante o choque. Pódese imaxinar perfectamente un útil lítico prehistórico, unha pedra do raio ou cousa semellante (pedernal máis eslabón) que identifica as antigas divindades celestes e do raio (cfr. "El martillo del Nubeiro", Arqueotoponimia, 2015).


No hay comentarios: