Fai agora catro anos que o colectivo Patrimonio dos Ancares solicitou a Patrimonio a catalogación dun castro moi evidente preto de Vilarello (Láncara), que non aparecía inventariado nos visores PBA e de Aproveitamentos Forestais. A estas alturas, aínda que xa catalogado, o castro continúa sen integrarse nos visores de Patrimonio.
O castro segundo Xabier Moure "está defendido en todo o seu perímetro por unha potente muralla precedida por pronunciados terrapléns que polo exterior conserva tramos que acadan máis de 4 metros de altura" ("Solicitan a Patrimonio que catalogue un castro oculto en Láncara", artigo de Suso Varela en La Voz de Galicia, 29/5/2019).
Nas imaxes de relevo pode apreciarse a grande altura acadada polo recinto da croa, así como a forma ovalada do recinto exterior, identificado pola toponimia que sinalamos: Barrumbeira, Armadas, Portecelos. Microtoponimia que designa elementos defensivos e de acceso ó asentamento da Idade do Ferro. Armadas e Portecelos aludirían ás defensas e accesos do castro polo norte, mentres que o topónimo Barrumbeira, único en Galicia, debe ligarse ó adxectivo barrumbeiro, "fachendoso, ostentoso, que se da moita importancia" (v. barrumbada nos dicionarios de Sobreira e Eligio Rivas). O nome aludiría sen dúbida ó aspecto imponente da fortificación amurallada da croa do castro, que aínda que pequena, gasta moita fachenda.
O topónimo aparece por primeira vez citado no BOP de Lugo do 17/7/1913.
No hay comentarios:
Publicar un comentario