martes, 23 de mayo de 2023

Castro do Coto - Leboreiro (Melide). Monumento ó carteiro Alfredo

 

Demarcación da parroquia de Orosa - Palas de Rei.
Pasa pola "mamua del Judeo" e o marco do Coto.



Na memoria popular non queda lembranza algunha do paso do Camiño de Santiago polo lugar do Coto e a aldea de Leboreiro (Melide). Os peregrinos só existen dende hai uns corenta anos: "antes non había peregrinos, non pasaba ninguén", comenta a propietaria da taberna. Dende logo que foi así: na época do Códice Calixtino non te había mandas de peregrinos con mochilas, a xente que peregrinaba a Santiago non sería tanta como hoxe en día, e faríao por camiños que non tiñan porque coincidir co que hoxe é o oficial, que viña dende "Palatium Regis" (Palas de Rei) a "Campus Levurarius" (O Leboreiro).

Mais a microtoponimia revela a existencia dunha antiga vía de comunicación prehistórica (camiño francés ou de libre de paso) que pasaba por diante do Castro de Vilacendoi e o Castro do Coto, hoxe convertido nun auténtico patacal, de cuxo recinto dá conta tamén o microtopónimo Torre Vella, cecais parte da fortificación da Idade do Ferro, como elemento de control do camiño (microtopónimo Calzada) que discurría entre O Coto e Leboreiro.

Outros elementos patrimoniais mencionados no Catastro de Ensenada son a mámoa do Xudeo, cuxo nome alude ós pagáns do noso folklore, que agora coñecemos en xeral como mouros, que formaba o límite entre as parroquias de Orosa (Palas de Rei) e Leboreiro (Melide), e ha ser a que pervive no microtopónimo A Mámoa da folla catastral, máis o marco do Coto ou do Escurial.

Temos a sospeita de que o "Monumento al cartero Alfredo", xunto da Taberna do Carteiro, no Coto, é o vello e distinguido marco parroquial; pedrafita reconvertida en monumento conmemorativo pola vía expeditiva de colocarlle unha plaquiña con adicatoria. Non fiamos da historia que se recolle na web de Correos sobre o traslado dun monolito abandonado dende Triacastela, para facerlle a homenaxe ó carteiro Alfredo no Coto, habendo como había tantos marcos territoriais entre Leboreiro e Orosa, e un precisamente no Coto.

Marco do Coto ou "Monumento al cartero Alfredo". O Coto - Leboreiro.
(C) Dolores González de la Peña, 2023.

No hay comentarios: