domingo, 28 de mayo de 2023

Medorras de Souto de Ferradal (Láncara) e o cursus prehistórico da Serra de Illoa


Liña de medorras na parroquia de Souto de Ferradal nas proximidades das Cruces, antigo cruce viario de camiños de terra. O principal seguía a divisoria de augas entre o Río de Lamas e o Neira, formado porén sobre unha vía natural de tránsito ou camiño real (corda). No Voo Americano de 1956 vese perfectamente o cono de violación da terceira medorra, así como un recinto prehistórico á beira do camiño que baixa cara a aldea de Souto, cuxo contorno aínda pode percibirse no relevo do terreo.

A relación entre os megálitos e as vías de tránsito fora estudada por Bello Diéguez, Criado Boado e Vázquez Varela ("Sobre la cultura megalítica y los caminos antiguos de Galicia", Museo de Pontevedra, XXXVI, 1982). Bradley, pola súa parte, amosara que os cursus neolíticos foron un foco de atracción na prehistoria, que predispuña á construción nas súas inmediacións de henges e logo túmulos ("The Dorset Cursus: the Archaeology of the Enigmatic", 1986) e porén son un factor que predice a ubicación dos asentamentos prehistóricos, como indicaban Criado-Boado e Vaquero Lastres ("Monumentos, nudos en el pañuelo. Megalitos, nudos en el espacio: Análisis del emplazamiento de los monumentos tumulares gallegos", Espacio, tiempo y forma, 1993).

Segundo Criado e Vaquero a cruz de camiños, neste caso As Cruces, supón un cruce de dúas liñas de tránsito de certa entidade formado pola intersección de dous cordais orográficos. A cruz posuiu unha relevancia especial, adoitando erixirse non seu entorno un cruceiro ou unha ermida e formándose folklore vencellado ó lugar.

Semella que estes emprazamentos tiveron de sempre unha grande relevancia pois neles obsérvase unha maior concentración de túmulos, ou unha disposición dos mesmos máis monumentalizada, que reforza a relación entre os megálitos e o tránsito.

No hay comentarios: