Antigo hospital de peregríns xunto da igrexa de Santiago de Sigrás (Cambre).
(C) Andregoto Galíndez, 2022.
Ó pé do complexo de orixe neolítica formado polo castro e pazo de Sigrás, e á beira do camiño perimetral castrexo que acabou sendo Camiño de Santiago (como no caso do castro das Travesas: O nó viario prerromán das Travesas (Carral)), sitúase a igrexa de Santiago de Sigrás e a súa parroquial, que albergou un hospital de peregríns segundo informaba o cardenal Jerónimo del Hoyo na súa visita de 1607: "hay un hospital sin renta y con dos camas que recoge los peregrinos pobres".
As etimoloxías que se deron ata a data sobre o topónimo, que constitúe un caso único no país, non teñen en conta o contexto castrexo-pacego, viario e vencellado ás peregrinacións (hospedería) de Sigrás.
No blog Fror na Area (2014), á vista de que a primeira mención coñecida é a de "Cidriales" (ano 932) Miguel Costa decántase por facelo derivado do latín citrus, "cidro, limón salvaxe", o que motivaría o nome por ter sido un lugar onde habería cidreiras. Parécenos improbable o paso -dr- > -gr-, polo que sostemos que a ocurrencia "Cidriales" testemuña un caso máis de falsa latinización, frecuentes no medievo cando os escribas querían dotar de prestixio os nomes, recreando as súas incertas etimoloxías mediante un latín moitas veces inventado.
Nun artigo de 1994 do profesor Isaac Alonso Estraviz, publicado na revista Agália ("Sigrás, beleza e misterio") explícase tamén o nome de Sigrás como fitotopónimo, vencellando a súa terminación á dos abundanciais como trigás, orxás, etc. Sería pois, segundo o autor, unha forma derivada do latín secale / sicale, "centeo". Aínda sendo posible a proposta, necesitaría ó meu modo de ver un maior número de ocurrencias, atopar máis Sigrás dispersos na toponimia do país. Non ía ser Sigrás o único lugar onde se cultivara centeo, ou se deran as cidreiras (se voltamos á proposta de Costa). A fitotopónimia é sempre homoxénea e reiterada nun territorio.
Chegamos así, en orde cronolóxica inversa, á primeira proposta que se fixo sobre a etimoloxía de Sigrás, a de Piel (Boletim de Filologia, nº 28, 1983), nun artigo titulado "Reminiscéncias trovadorescas na toponímia e onomástica galego-portuguesas". Evidentemente a etimoloxía que propón Piel, correcta, é fortuita, resultado de valorar se o nome de Sigrás tería que ver, como o topónimo que estuda antes (Xograis - Alfoz), cós xoglares ou trovadores medievais. A resposta é que non, para Piel viría do latín saecularis, en clara referencia a un establecemento de clérigos do segre. A proposta non ten validación contextual algunha, é dicir, non verifica a adecuación ó referente nin menciona a igrexa e hospedería de Santiago de Sigrás, ademáis de que sitúa a Sigrás nun municipio errado (Comba, supoñemos que pretendía indicar Santa Comba).
Así pois, de saecularis > segrares, "cristiáns que non forman parte do clero". Como indica Piel, o último r absórbese na pronuncia da vogal seguinte. Máis polo miúdo, a asimilación prodúcese ó ter a vogal un punto de articulación anterior, próximo ó da vibrante: segrares > segraes / segrais, que finalmente evolúe cara a Sigrás. Sigraes xa é forma que atopamos documentada no ano 1211 (CODOLGA).
Pola nosa parte comprobamos in situ a adecuación da proposta etimolóxica visitando o antigo hospital de peregríns pertencente á igrexa de Santiago de Sigrás, rexentado no pasado, ó que parece, por unha orden segrar ou laica. A ubicación da igrexa-hospital veu determinada pola existencia previa do camiño prehistórico que pasaba polo exterior do recinto castrexo inmediato, para enlazar cunha vía de comunicación de longo percorrido.
Os erros metodolóxicos que percibimos nas tres achegas dos devanditos investigadores son:
- Fiar sempre na documentación antiga, sen saber cando desbotala (pseudolatinizacións).
- Fiar só nos indicios filolóxicos (terminacións -ás / -ais propias dos fitotopónimos) e validar as propostas etimolóxicas somentes por ser acaída a evolución fonética a partires do étimo elixido, sen ter en conta a adecuación deste ó referente (u-los centeais, u-lo centeo ou as cidreiras de Sigrás? u-los segrares ou orden laica do *Sigrás de Santa Comba?).
- En xeral, limitar a investigación filolóxica só á cara significante dos topónimos (evolucións fónicas), sen ter en conta a cara significado da proposta etimolóxica no que respecta á adecuación desta á fisionomía do lugar e á súa historia. Precisamos máis traballo de campo, que pode facerse in situ ou recorrendo á cartografía dispoñible.
No hay comentarios:
Publicar un comentario