viernes, 21 de abril de 2023

Moraime: un haxiotopónimo baixolatino

Unha das dúas posibilidades que expuxera o profesor Martínez Lema sobre a etimoloxía do topónimo Moraime fora a de consideralo unha formación híbrida a partires do radical prelatino *mor- / *mur-, "monte, elevación rochosa" mailo sufixo latino -amine, de carácter abundancial. Segundo o investigador, "dada a súa constitución lingüística híbrida, a forma *MORĬAMĬNE estaría a evidenciar a rendibilidade léxica desa base *mor- / *mur- en plena época latina ou protorromance" (A toponimia das comarcas de Bergantiños, Fisterra, Soneira e Xallas na documentación do Tombo de Toxos Outos (séculos XII-XIV), tese de doutoramento, Universidade de Santiago, 2010).

Pese ó argumento, pode observarse que dito sufixo entrou na formación de derivados maiormente de base abstracta e sempre de orixe latina: examine, gravamine, iubamine, ligamine, inspiramine, fundamine, velamine, piscamine (CODOLGA).

Entre estes, destacamos o abstracto moderamine, "temperanza, moderación", que perfectamente podería ser a orixe do topónimo Moraime: mo(d)eramine > Moirame (doc. Moyrame no 1134), de onde se tirarían as distintas variantes (Mouramia, Moriame), ata chegar ó Moraime actual.

Friso dos anciáns no tímpano da porta occidental do mosteiro de Moraime. (C) Dolores González, 2016.

Consideramos esta proposta etimolóxica moi apropiada ó estar vencellado o topónimo ó nome do mosteiro de San Xiao, pois é que a temperanza (moderamine) como virtude cristiá ben puido motivar a designación da congregación de frades. Temos un caso semellante no de San Cibrao da Pregación (do latín praedicare), aludindo a unha das actividades principais do cristianismo, a de adoutrinar.


No hay comentarios: