sábado, 1 de abril de 2023

Caroliño e Coto das Arcas - Brañas do Torreiro (Cerceda)

Sobre Cardiña e Fieitosa (Cerceda): Rego de Lamas Maiores, Coto das Arcas, Monte Caroliño, Pedras Campaíñas e Pena Negra (cunha coviña inventariada no rexistro do Visor de Aproveitamentos Forestais).

A base etimolóxica de Caroliño é o latín quadrum, estudado por Hubschmid ("Problèmes d'etymologie et de sémantique comparée. Roum. codru, alban. kodër et quelques représentants du lat. quadrum, quadra dans les langues romanes de l'Occident" (Nouvelle revue d'onomastique, 1985, nº 5-6, pgs. 120-141).

No seu traballo Hubschmid expuxera as evolucións fonéticas dos derivados de quadrum na Romania, con diversas solucións do vocalismo wa e do grupo consonántico dr. En xeral o latín quadrum designaba un marco, pedrafita ou menhir, por estar a pedra traballada nas súas catro caras, mais os significados que adquiriu por deriva semántica, dende o sema "dureza", ían dende o codru rumano na súa acepción de "pedazo ou corteza de pan, corrosco" (v. latín quadra panis), ó que nós engadíramos as correspondencias galegas cadrozo, carozo e carolo, ata a acepción oronímica relativa ás elevacións do terreo, rumano codru, "outeiro", que debe porse en relación co noso orónimo "Monte Quadro" (orónimo histórico gallego - ano 1197, Toxosoutos: CODOLGA).

No monte de Caroliño ven de atopar Manuel Ruibal un grande menhir duns 4 metros de longo que seguramente motivou o topónimo: base latina quadrum, "menhir". Ben é certo que non se pode descartar o uso de Caroliño como orónimo, en referencia ó pequeno outeiro. Mais un rexistro da microtoponimia do lugar lévanos a atopar un outro nome que alude ós megálitos ou mollóns de término: Coto das Arcas é o nome da parcela 24 da folla catastral, preto do nacemento do Rego de Lamas Maiores (nome recuperado tamén da folla catastral).

Dende o século IX rexístrase na documentación medieval galega o uso do termo arca como fito de delimitación onde adoitaban grabarse signos e caracteres: "et inde per ipsas arcas ubi sedent cruces et meo Karacter Aragonti" (Carboeiro, ano 929), "per montis et per arcas antiquas et per petras sicilatas" (Coimbra, 974). No Coto das Arcas, así pois, puido haber un conxunto de dólmenes, ou ben de pedras de límite coas características sinais de límite territorial, como coviñas, cruces... ou podomorfos, como o que vimos de atopar na excursión de onte, en compañía de Manuel Ruibal, David Chas e Lois Vilar Hermidas, cando íamos ver o novo menhir do Caroliño.

Petróglifo podomorfo, planta pedis ou vestigium pedis, do Coto das Arcas.
Pé dereito con talón e planta marcados e arco plantar sen grabar ou cun estreitamento insinuado,
semellante á coñecida como Pegada de Roldán xunto da ermida de San Vitorio (Aranga).
(C) Lois Vilar Hermidas, 2023.

Corresponde ó tipo de podomorfo chamado de pé calzado e "horma oblonga con un estrangulamiento en el centro" (González Cordero: "Grabados con podomorfos de la Alta Extremadura", Revista de Estudos Extremeños, 2020). No amplo estudo deste investigador dise que "en no pocas ocasiones a las huellas se las ha tenido como la prueba subyacente de la presencia de un santuario", e que con frecuencia adoitan aparecer a maioría das veces xunto de petróglifos de coviñas: neste mesmo penedo os amigos Manuel Ruibal e David Chas localizaran unha coviña.

Situación dos petróglifos co podomorfo e a coviña no penedo.
(C) Manuel Ruibal, 2023.



No hay comentarios: