sábado, 22 de abril de 2023

A cidade asolagada da Capelada (Cedeira)

Contaba Federico Maciñeira no Almanaque de Ferrol (1907) que sobre os altos de Teixido existía unha pena que segundo as supersticións populares enxendraba os malos ventos que danaban os cultivos, polo que se fíxera unha rogativa con procesión das xentes para lle colocar no cumio unha cruz de ferro que aplacase o vento. Preto deste penido dos ventos, continúa don Federico, había varios túmulos dolménicos e alí mesmo os naturais da comarca supuñan a existencia de lexendarios pobos afundidos nas lagoíñas da penichaira.

Túmulos de Pedra Chantada na divisoria de augas e acaroados ó Penido dos Ventos (Cruz do Aceiro) nos altos sobre Santo André de Teixido. O arqueotopónimo Pedras Dreitas sinala o aliñamento de marcos do límite parroquial entre Régoa e Veiga; cecais fose un aliñamento de menhires prehistórico reaproveitado como límite territorial.





O maior dos túmulos funerarios da Pedra Chantada presenta aínda restos da cámara cun curioso muro baixo de pedra seca construído diante do ortostado da cabeceira, e mais unha pedra traballada en forma de dintel, semicircular por un lado e cun borde recto, actualmente ubicada diante da mámoa. A impresión xeral para as xentes do lugar puido ser a dun poboado afundido na braña lamacenta da Capelada, o que explicaría a lenda da cidade asolagada á que alude Maciñeira. 

No hay comentarios: