sábado, 4 de diciembre de 2021

Pedras Campaíñas

 

Menhir ou parafita chamada Pedra Campaíña. (C) Andregoto Galíndez, 2021.

No límite entre San Román das Encrobas e Santo André de Meirama, preto da urbanización do monte Ghalo / *Xalo, atópase un aliñamento de parafitas chamadas Pedras Campaíñas. O litotopónimo pertence ó tipo da clasificación de Vicente Feijoo Ares denominado "nombres que aluden al sonido que emite la piedra", entre os que inclúe: A Fraga do Tambor, A Pedra que Fala, A Pena que Tanxe, A Pedra da Campá, O Outeiro do Sino, ou A Fraga do Tintinidoiro… O autor indica que "el sonido está producido por el aire, por el eco, por un palo o una piedra con los que se golpea, o por un ser legendario que habita dentro de la roca" ("Las motivaciones de los nombres de las piedras en Galicia: cultos, ritos y leyendas").

Non debe ser un derivado de campo (Campiña), pois que na zona existe algún outro caso de pedras asociadas ó son da campá. No Catastro de Ensenada na delimitación da parroquia de As Encrobas (San Martín de Cerceda), síguense os seus límites por "la Peña Negra que llaman de Altamira, también redonda, con una cruz que tiene por parte del Levante, de esta sigue así mismo agua arriba, hasta dar en otra piedra llamada do Cancel da Campana, que tiene otra cruz y está caída en el suelo, y de aquí a otra piedra, que llaman debaxo del Camino Francés, que tiene otra cruz, y de esta se va a la Peña Parda, de aquí en derechura a la Peña da Edra".

Un estudo máis detallado sobre a arqueoacústica dos megálitos e as pedras resoantes é o de Fernando Alonso Romero (Cultos y creencias en torno a los megalitos del área atlántica europea, Andavira, 2012), no que conta, por exemplo, a crenza portuguesa de que nos Penedos do Sino (Penha, Guimarães) habitaba unha moura encantada. O máis razoable, para este investigador, é considerar que foron pedras cuxo son vibrante ó seren golpeadas en certo punto interpretábase, segundo os criterios do receptor, como de bo ou mal agoiro. Estes cultos litolátricos foron cristianizados, nalgúns casos erguendo campanarios nelas, e pasando o son a identificarse có dunha campá, símbolo acústico da nova fe.

*Grata a Manuel Ruibal por terme amosado as Pedras Campaíñas.

No hay comentarios: