Τρῶας καὶ πάντας ̓Αχαιούς (referencia ós troianos e ós aqueos na Iliada)
John Scheid, na súa obra The Craft of Zeus (2001), que versa sobre os mitos vencellados ó tecido, chega a dicir que o nome do Ludus Troiae, xogo no que se representaba unha coreografía guerreira dacabalo executada por xovens patricios na Roma imperial, non tiña nada que ver en principio coa mítica guerra de Troia, senón que recibiu o seu nome orixinal a partires dun termo homónimo que o investigador atopou perdido nunha esquiniña dun glosario graeco-latino: troa = subtemen, isto é, troa = trama dun tecido. A hipótese xa fora exposta polo mesmo Scheid máis Svenbro ("Conférence de M. John Scheid", Annuaire de l'École pratique des hautes études, 1987), e posta hábilmente en conexión coa decoración do oinochoe de Traglietella, no que a palabra truia lese no interior dun labirinto ligado a uns guerreiros dacabalo. Para Scheid e Svenbro o xogo tería sido inicialmente unha coreografía de entrelazos (troia = trama), logo resemantizado o seu sentido orixinario vencellado ó tecido, polo cruce co termo homónimo Troia, o lugar de Asia Menor famoso na antigüidade polo asedio e os combates librados entre a confederación dos aqueos e os troianos.
Discrepamos completamente desta proposta, xa que non se pode prescindir do feito de que o Ludus Troia foi un tipo de danza pírrica (guerreira), e nin moito menos podemos substituír por un entramado de fíos a sona mítica que acadou a guerra de Troia na antigüidade, que orixinou un ciclo épico de dimensións estratosféricas no que se insiren obras literarias do calibre da Iliada e da Odisea (Homero - s. VIII a.C.), a produción de miles de vasos cerámicos decorados con motivos provintes deste acontecemento histórico lexendarizado, e lendas de fundación por parte dos heroes troianos no exilio trala toma da cidade (Eneas - Roma; Teucro - Pontevedra e Ourense; Ulises - Lisboa).
O Ludus Troiae recibiu o seu nome pola guerra de Troia, é totalmente imposible que non fose así. O mesmo Virxilio explica a súa orixe imaxinaria na Eneida: xovens troianos celebraron estes xogos ecuestres no primeiro cabodano da morte de Anquises, marchando nun dobre círculo, uns xiraban á dereita, outros á esquerda, o que lembraba o trazado dun labirinto. Evidentemente o nome da mítica guerra de Troia aplicouse ó ludus, á súa coreografía e á figura labiríntica que trazaban os xinetes, que é o que parece representarse no vaso de Traglietella. Tamén probablemente orixinou os termos antruare e redantruare, que coñecemos por terse usado para describir as evolucións (coreografías) da danza dos salios, e que poden considerarse tecnicismos vencellados ó eido da equitación, concretamente ó xiro ou caracoleo do cabalo, segundo vimos en "Antruare e redantruare: a danza dos Salios e o Ludus Troiae" (Arqueotoponimia, 2025).
Antruare vs. introire. O curioso combate de don Carnal e dona Coresma
1. Resemantizacións
Pero non quedaramos en que estaba meridianamente claro que o nome da festa do Antroido viña do latín litúrxico "introitum [quadragesimae]" = "entrada [na Coresma]"? O certo é que hay algunha non pequena obxección fonética que veremos a continuación, pero antes imos tratar do significado que tiña o latín introire, cuxo participio é introitum; o seu significado vai ligado ó feito prodixioso de que na Península Ibérica o ciclo literario do Antroido se inaugurou coa invención (disque alegórica) dun combate entre as tropas de don Carnal (o Carnaval) e as de dona Coresma. Por que un combate? É unha mera figura retórica producto da imaxinación portentosa do arcipestre de Hita, Juan Ruiz? Pois non; aínda que o arcipreste dese mostras de non carecer dela, este punto do combate non é creación súa, xa viña de serie na palabra introire.
Introire tiña en latín un sentido bélico, "invadir, penetrar violentamente nun sitio", de onde pasou ás linguas romances peninsulares con estes significados: "entróse luego la villa, y fue saqueada" - en xeral significou "asaltar, invadir, correr" (Diccionario Militar de José Almirante, 1869). Así pois, todo indica que primeiro a Igrexa cristianizou os combates rituais paganos que se celebraban na primavera como xogos (ludus), recreando o ludus como loita litúrxica entre forzas opostas, liderando a Coresma o bando da parte da Igrexa, para logo prescindir da esencial batalla e quedarse só co sema da "entrada [no periodo da Coresma]", desprovisto o étimo xa de toda connotación bélica. Produciuse polo tanto unha resemantización.
No Antroido está, pois, moi presente a idea do combate entre faccións contrarias: amais do significado bélico do verbo introire ou da idea (non orixinal) de Juan Ruiz de facer unha batalla entre don Carnal e dona Coresma, hai que lembrar que a data principal do Antroido é o martes (adicado ó deus da guerra, Marte). Mais aínda hai evidencias no Antroido galego deste combate iniciático ritual, das danzas pírricas, nas máscaras dos Xenerais da Ulla, no Exército dos Panos (Arcos - Mazaricos), ou na Batalla de Mouros e Cristiáns da Saínza (Rairiz da Veiga). Segundo Federico Cocho (O Carnaval en Galicia, 1992, px. 158) esta última tipoloxía, que é a mesma que a "Morris Dance" e a "Danza de Matachíns", é necesario estudala en conexión coas representacións de loitas dacabalo dos Xenerais da Ulla. Nesta liña, resulta moi acaído o estudo de Caro Baroja "La significación de algunas danzas vasco-navarras" (1945), no que se ofrece un paralelismo entre aquelas e as danzas pírricas saliares.
No Antruejo leonés conservouse moi ben a representación do combate entre faccións no asalto ó pobo de Alija del Infantado, unha loita entre Jurrus e Castrones como bandas rivais.
Xenerais da Ulla dacabalo no encontro de máscaras Vibo Mask 2020 - Vilariño de Conso.
(C) Dolores González de la Peña.
2. Reetimoloxizacións
Entre os nomes que o Antroido recibe no noroeste peninsular, como sinalara Krüger ("En torno a dos palabras salmantinas: bica y antruejo", NRFH, 1953), existe un bo número de formas que fonéticamente non manifestan unha estreita relación co latín introitus. Entre elas: antrochu (Serra Cantábrica), antruejo (Salamanca), antruecho (Babia), antroyu, antroxu, antrueyu, antruechu... (Asturias - DGLA). Ás que hai que engadir os verbos correspondentes, como antruejar, antroxar, antroyar, etc. Son varios os filólogos que se ocuparon desta cuestión que parece irresoluble, pois é que do -t- de introitum non poden saír os fonemas fricativo palatal xordo, africado palatal, e fricativo velar xordo que presentan estas variantes.
Para Krüger a solución estriba nunha metátese dende entroido cara a *entrodio, o que xera un grupo d+iode que si pode evoluír a estes fonemas problemáticos, os sons palatais e velar xa mencionados. No extremo noroeste e "zonas arcaizantes de las provincias colindantes", di Krüger, non se terían experimentado estas evolucións, manténdose as formas tipo antroido / entrudio. O investigador parece que atribúe este feito, ou polo menos deixa no ar, a idea de que o extremo noroeste é un área lingüísticamente conservadora ("arcaizante"). Pola súa parte, García Arias propón partir da 1ª persoa do singular do presente do verbo introire (do que, lembremos, introitum é o participio) máis isto resulta totalmente imposible: nunca unha forma persoal dun verbo orixina un substantivo.
O problema, polo tanto, pode reducirse á necesidade dunha iode (ou dun grupo d+iode), que é a que xustamente temos no latín arcaico antru(i)are: "truare, antruare, redantruare are variations of a term meaning: "to perform a 'tru(i)a'-dance" (Versnel, 1994). Como xa adiantamos, na nosa opinión ese ludus ou danza pírrica (guerreira) chamada tru(i)a, tería recibido o seu nome do sitio de Troia. Semella que nas linguas románicas do noroeste peninsular o termo antru(i)are, "entroiar ou antroiar = danzar unha Troia, un combate pírrico simulando o sitio de Troia", cruzouse co verbo introire, "asaltar, tomar unha fortificación", de significado semellante. Trátase dun proceso de reetimoloxización que no extremo noroeste (Galicia e norte de Portugal) completouse totalmente cecais pola presión culta eclesiástica. Pola contra, nas formas comentadas por Krüger, como antruejo (antruejar), antroyu (antroyar), etc., non se tería efectuado a reetimoloxización, polo que proveñen directamente do outro étimo, do latín arcaico antruiare.
Os uniformes da guerra de Cuba entre mazás reinetas nos pazos da Ulla
Tras inaugurar o estudo dunha parte do Antroido como pervivencia dun Ludus Troiae ou danza pírrica efectuada na primavera por confrarías de xovens guerreiros (o que se ven chamando Männerbund), non é a nosa pretensión esgotar xa mesmo o asunto analizando as compoñentes bélicas que presenta esta tipoloxía de máscaras: estrutura das confrarías (semellanza coas antigas confrarías salias formadas por 12 persoeiros mailo praesul?), análise e evolución das roupas, armas e elementos defensivos (escudos, cascos), danzas pírricas - combates simulados (semellanzas coreográficas e musicais), a súa posible orixe no ver sacrum (rito iniciático masculino), examinar a coincidencia da festa do Antroido co inicio no calendario romano da tempada das campañas bélicas no mes de marzo (Quinquatrus, coa lustratio das armas e danza saliar), comprobar se subxace a escenificación dunha batalla real ou mítica, verificar se se trata dunha performance na que se representa a expulsión do mal da comunidade por parte dun grupo de guerreiros, etc.
Neste sentido, resulta pioneiro e modélico o estudo de Pedro R. Moya Maleno sobre as "Fratrías y ritos de paso en la Hispania céltica: a propósito de los tunos de Segóbriga" (2007), non tan centrado no carácter guerreiro das confrarías masculinas, mais cunha análise moi pertinente das compoñentes, poñendo de manifesto a súa aparición nas datas do Antroido.
O estudo de antigas máscaras de Laza e Viana hoxe desaparecidas, que presentan aspecto de mitra arzobispal coa súa cruz, pode aclarar a orixe da denominación das pantallas como "mitras". (C) Fotografía da revista Chan: la revista de los gallegos, nº 23, 1970 (Arquivo Galiciana).
Agora ábrense interesantes liñas de investigación, sendo a primeira, determinar se a práctica nos chegou na súa totalidade coa romanización (cremos que non - a romanización aportaría o léxico que vimos de comentar e sistematizaríaa á romana). Pero antes de rematar, facemos a escolla de dous detalliños moi significativos que chamaron a nosa atención.
Os Xenerais da Ulla, segundo un artigo firmado por Julio Sierra en La Noche (28/2/1949), ían vestidos con "viejas galas de brigadier, que abundan en los pazos de la Ulla, donde se guardan, desde las guerras carlistas o la de Cuba, entre manzanas reinetas. Hay muchas familias de abolengo castrense en la comarca, y están dispuestas siempre las amables solteronas que dan brillo a las casas solariegas a buscar en las cómodas el uniforme del abuelo, para que lo luzca el "general" de la aldea". Non hai que pensar, pois, que no combate dos Xenerais da Ulla se representen retallos das guerras napoleónicas, de Cuba ou carlistas, ou que nas de Mouros e Cristiáns, unha loita entre estas faccións da chamada Reconquista, senón que os uniformes e as denominacións dos bandos son os que inmediatamente estaban a disposición na arca da avoa (ou das "amables solteronas") e na memoria dos conflitos bélicos do pasado recente dunha determinada colectividade.
Mesmamente a confraría dos salios, como os Xenerais da Ulla, xa lucía roupas ben extrañas para a época, "an archaic warrior's uniform and carried shields and spears" (Bonfante, apud Olson, "Dress and Religious Ritual in Roman Antiquity", 2021), cun gorriño picudo semellante a unha monteira (apex) tomado cecais do tocado frixio dos troianos. E moi malamente lembraban a orixe do ritual no que percorrían a cidade portando as armas (disque lles caera un escudo do ceo?), nin o significado exacto dos himnos que entoaban.
O festín final co que remataba a xuntanza e desfiles pírricos dos salios era tan copioso que pasou ós textos literarios: "epulati essemus saliare in modum" = démonos un festín ó modo dos salios (Cicerón), e Festo indicara que os salios "amplae ponuntur cenae: si quae aliae magnae fiunt, Saliares appellantur" = dan banquetes pantagruélicos, e por iso os festíns semellantes chámanse banquetes saliares. Non é o banquete saliar o mesmo festín desproporcionado que caracteriza o noso Antroido?
No hay comentarios:
Publicar un comentario