Nos diversos estudos adicados á antiquísima cerimonia saliar, celebrabada en Roma no mes de marzo, os termos antruare e redantruare, que describían os movementos ou coreografías da cofraría dos Salios, adoitan ser obxecto dunha introdución etimolóxica, pois é que son palabras case que descoñecidas no latín clásico. Sexto Pompeio Festo (s. II) e Paulo Diácono (s. VIII) ocupáronse de fornecer algunhas etimoloxías (máis ben incorrectas) e de proporcionarnos claves importantes para comprender o significado destas dúas palabras. Segundo indican, o praesul dos Salios iniciaba e amosaba un movemento (antruaba) que logo era imitado (devolto) polo resto dos membros da súa compañía (os que redantruaban).
Zoa Alonso Fernández ("Redantruare: cuerpo y cinestesia en la cerimonia saliar", Revista de Ciencias de las Religiones, 2016) indícanos "que no existen otros testimonios que contribuyan a explicar el sentido de estos tecnicismos latinos", sendo porén un caso aparente de hápax. E dicimos "aparente" porque vimos de atopar unha ocorrencia máis, que na nosa opinión aclara o significado preciso de antruare / redantruare, situando o par no conxunto dos tecnicismos vencellados á equitación.
Na obra Compendio dell'Heroica Arte de Cavalleria (ano 1600), do italiano Alessandro Massari, descríbese a pericia do bo xinete, que sempre vai acompañando hábilmente os movementos do cabalo: "accompagnando con l'habilità in ogni mossa del cavallo, antruando & riuogliendo se stesso". Neste caso o autor emprega o par opositivo antruare / riuogliere, "voltar", polo que se pode deducir que antruare é "xirar", e que este primeiro xiro é seguido doutro na dirección contraria trazando unha volta. Os termos, como resulta evidente, forman parte dunha obra adicada ó arte da equitación, sendo polo tanto tecnicismos propios deste eido; o que hoxe expresamos coa palabra "caracolear" o cabalo.
Chamamos agora a atención sobre o feito de que varios investigadores tentaran conectar etimolóxicamente a orixe dos termos antruare e redantruare co Ludus Troiae (cfr. estudo citado de Zoa Alonso). Nós non só teremos en conta a posible deriva etimolóxica de antruare / redamtruare < Troia pola semellanza fónica, senón tamén que o Ludus Troia foi unha exhibición dacabalo executada por xovens patricios, na que se seguían esquemas de movemento circulares de ida e volta, xusto do mesmo xeito que se desprende do uso do termo antruare no léxico italiano da equitación, segundo vimos de atopar.
Doutra banda, consideramos que, dada a inmensa sona da guerra de Troia na antigüidade, pretender derivar a palabra Troia, presente no nome do xogo militar "Ludus Troiae" e case seguramente no par opositivo dos tecnicismos da cabaleiría antruare / redantruare, doutro étimo diferente do nome da cidade de Asia Menor, como fan algúns investigadores citados no estudo de Zoa Alonso, non ten moito sentido.
O feito de encontrar agora o termo antruare nunha obra do século XVI adicada á equitación condúcenos a valorar a posibilidade de que parte da arcaica confraría dos Salios estivese formada por equites, cidadáns da aristocracia do exército, que terían desenvolto nos máis antigos xogos saliares coreografías dacabalo idénticas ás do Ludus Troiae, xogo do que se tomaron os termos antruare e redantruare, que continuaron utilizándose para indicar os caracoleos dos cabalos, exercitados primeiro polo praesul e a continuación polo resto da turma.
Oinochoe de Tragliatella (Etruria - s. VII a.C.) con posible representación dun Ludus Troiae. Ten inscrito no labirinto "TRUIA".
No hay comentarios:
Publicar un comentario