Divisoria de augas do río Belelle. Fonte: elaboración propia a partir do mapa hidrográfico do Visor PBA da Xunta de Galicia. Fotografías: mámoa do Coto do Rei nos montes de Marraxón - Fene; marco do Salto en Cabanas; cabaliños asturcones no Curro Vello - Forgoselo.
- Estreliñas laranxa: campos de mámoas.
- Cruces en preto: castros catalogados (Castro de Piñeiros - Regoela, e Castro do Cruceiro de Porta - San Boulo de Caaveiro).
- Cruces en vermello: novos castros atopados en Fiunte e na Bouza (microtoponimia "Castelo").
- Liña verde: divisoria de augas do Belelle - camiño real.
O río Belelle nace no pico do Fontardión e desemboca en Neda, na ría de Ferrol. A súa divisoria de augas, como estamos a ver nesta última serie de entradas no blog, ven sinalada dende tempos recuados por campos de túmulos funerarios en liña coa mesma. Na figura, e comezando pola marxe esquerda do río, na beiramar: mámoas do monte Marraxón; mámoas do Punxeiro e do Coto dos Golpes; mámoas do Alto da Serra e da Pena Grande; mámoas dos Chaos. Na marxe dereita e comezando pola cabeceira do río: mámoas de Castro Pepín, Pico Ventoso, Pena da Escaleira e do Forgoselo; mámoas da Grúa e das Louseiras; mámoa do Inglés.
No interior do territorio delimitado pola divisoria de augas, e agochados nos cóbados dos tributarios do Belelle, dous castros inventariados, e máis outros dous que acabamos de atopar có auxilio da toponimia catastral (microtoponimia Castelo), as imaxes dixitais do terreo, e por suposto a vantaxe que nos dá saber de antemán onde se situaban con respecto ós camiños reais das divisorias e o complexo hidrográfico das bacías.
Imaxe do relevo do Castelo de Fiunte. O castelo cítase no
Catastro de Ensenada (límites da fegresía de San Boulo de Caaveiro): "de allí a la fuente de los Enxertados, de esta a la fuente del Rozo, de allí sigue por el camino adelante hasta el Cal do Penedo, de allí, al sitio del
Castelo de Fiunte, de allí al Cal de las Covachas...".
O Castelo, preto de Vilar de Mouros e A Bouza.
Na Memoria de Evaluación de Impacto sobre el Patrimonio Cultural del Parque Eólico Caaveiro (Lorena Vidal Caeiro para ENEL Green Power España SL) exponse na metodoloxía que se tiveron en conta á hora de preparar a memoria as fontes seguintes: "Revisión de toda la bibliografía existente, así como trabajos de investigación anteriores, documentación municipal, entre otros. Revisión del catálogo y planos del Plan Básico Autonómico. Estudio de la cartografía de la zona de obra en diferentes escalas. Análisis y estudio de la fotografía aérea existente, incluido el vuelo americano de 1956. Análisis del MDT Iberpix. Estudio de la toponimia mayor y menor de la zona de estudio".
Pola nosa parte botamos de menos que non se tivera consultado o Catastro de Ensenada no que atinxe ás parroquias afectadas (Sillobre - Fene, Viladonelle - Neda, Regoela - Cabanas, Cabalar e San Boulo de Caaveiro - A Capela); que non se tiveran consultado os mapas do relevo; e que o único lugar nomeado cun arqueotopónimo, e afectado polas instalacións do proxecto, recollido pola autora fose Cruz da Cortella, lugar para o que se propoñen especiais medidas de protección de cara ó repranteo das obras, por se fose indicativo da existencia dun ben de carácter patrimonial aínda non identificado (un cruceiro, marco, etc.).
Nunha das zonas identificadas na memoria como máis afectadas polas futuras instalacións, as mámoas das Louseiras, atopamos na capa catastral do Visor PBA (ó que se ve, non consultada) os arqueotopónimos Os Castelos e Armada / Cal de Armada, o que prácticamente imposibilita calquera obra pola presenza dos túmulos e, agora, do que podería ser unha vella estrutura cinexética e un castro ou castelo. A existencia doutros dous castelos, en Fiunte e na Bouza, obrigará cecais a reprantexar o trazado da infraestrutura complementaria (zanxas, vías de acceso, torretas...), ou mellor, a desbotala na súa totalidade por afectar á divisoria natural das augas que forman a bacía do Belelle, de gran riqueza patrimonial e natural.
Arqueotopónimos Os Castelos e Armada / Cal de Armada xunto ás mámoas da Louseira, entre os termos municipais de A Capela, San Sadurniño e Neda. No
Catastro de Ensenada cítanse estes Castelos na delimitación da fegresía de Cabalar: "al marco del Pion, de él al Cal de los Castellos, de allí al hoyo de Covelo, de este a la pena de Monteiro...".
No hay comentarios:
Publicar un comentario