sábado, 5 de junio de 2021

Cando Galicia se chamaba O Cebreiro

 

Divisorias das principais cuncas fluviais de Galicia. (C) Dolores González de la Peña, coa ferramenta do GeoPortal do Gobierno de España.
Cunha estreliña azul, o xacemento prehistórico do Chan do Lindeiro; cunha estreliña vermella o xacemento paleolítico de Quiroga.

Na prehistoria evidentemente non existían as pontes, e para desprazarse había que seguir as vías de tránsito natural que coinciden coas divisorias das augas, as nascentes dos tributarios a ámbalas dúas vertentes do cauce que acaban formando a canle fluvial principal. No caso dos ríos non vadeables, que son a grande maioría dos ríos galegos, é preciso percorrer as liñas verdes das divisorias para avanzar no territorio sen mollar os pés ou afogar. Os grandes herbívoros (bóvidos) usaron estes camiños, e tamén, na súa procura, as xentes que viviron no pasado remoto.

O sistema fluvial Miño-Sil configurou entón unha enorme barreira infranqueable para adentrarse na Galicia do oeste do Miño, que quedaba, así, completamente illada salvo polo paso do Cebreiro (estreliña azul), única entrada natural que permitía salvar a cunca do Navia, do Eo e do Miño polas súas cabeceiras, para logo coller na especie de rotonda natural da cabeceira do Miño a dirección que se desexaba, sempre camiñando polas divisorias do resto dos ríos do oeste e do norte de Galicia (marcadas cunha liña azul moi finiña). O illamento natural podería explicar a extraordinaria dobre separación e variabilidade xenética a pequeña escala da poboación galega destas zonas, exposta por Carracedo e outros nun célebre artigo do 2019 do que xa tiñamos falado (Galicia: o berce atlántico).

Chama a atención que un lugar afastado da única vía de entrada natural como é o caso de Quiroga (estreliña vermella) se teña proposto como un importante nó de comunicacións na prehistoria ó nivel do Cebreiro, xogando coa posibilidade de vadear o Sil dende o sur nese punto, o que na nosa opinión non a lexitima como vía de tránsito natural ó non ser un camiño de divisoria de cuncas fluviais (De Lombera et al.: "Evolución de los patrones de asentamiento de los yacimientos paleolíticos de la Depresión de Monforte de Lemos (Lugo, Galicia)", en Sistemas de Información Geográfica, gestión del territorio y conocimiento histórico, 2015).

Xa tiñamos atopada documentación que amosaba que o enigmático cebro foi un bóvido extinto (O Cebreiro); logo apareceran tres uros fósiles no entorno do Cebreiro, xunto cos restos dunha muller, no Chan do Lindeiro (Vidal Romaní, Grandal D'Anglade e Vaqueiro Rodríguez: "El mundo de una mujer llamada Elba hace 9.300 años", 2017); e agora sumamos o feito de ser O Cebreiro o único paso natural de entrada ó territorio illado da Galicia do norte do Sil e do oeste do Miño.

Preguntámonos se o topónimo indicaría só o paso natural conformado polas divisorias das augas empregado polos uros na prehistoria, e seguido logo polo home como Camiño Real, ou ben indicaba a porta de entrada a un vasto territorio denominado así pola súa abundancia en uros.

Paisaxes agrarias de Galicia segundo A. Bouhier. Observamos que a tipoloxía de paisaxes superponse sobre as bacías hidrográficas de Galicia, que seguen a exercer de límites naturais.

No hay comentarios: