martes, 11 de julio de 2023

O Suído e Valdohome

Di Paula Ballesteros que "o mesmo nome da serra, Serra do Suído, pode facer referencia á familia dos mamíferos omnívoros á que pertencen o porco e o xabarín, os suídos, palabra de etimoloxía latina, o que fai pensar que o topónimo podería facer mención á abundancia deste animal en maior número que en época actual", e respecto a Valdohome recolle unha lenda popular: "con este topónimo denomínase a unha das dorsais máis representativas do Suído. A tradición di que fai un tempo atopouse no Campo de Abelenda o cadáver dun descoñecido, polo que pasou a denominarse “Valdohome” (= val do home)" ("A paisaxe gandeira na Serra do Suído. A construción social do espazo a través da memoria", Revista del Museo de Pontevedra, 62, 2008).

No léxico galego patrimonial, e polo tanto na toponimia de Galicia, non existen derivados do latín sus, "porco, xabarín", polo que non é posible encadrar o orónimo Suído nesta etimoloxía. Temos que considerar outras posibilidades para explicar este topónimo case único, pois só atopamos en Portugal o cognado Rocha dos Soídos (Alte - Faro), que nomea un pico roqueiro.

Soído ou suído ven recollido nos dicionarios de galego como variante non recomendada de son, procedente do latín sonitus, "son, ruído". O seu emprego documéntase nalgún texto medieval: "campanae sonitum faciente" (Santiago, ano 1335). Así pois, aínda que non sexa moi corrente, polo menos documéntase, o que, tendo en conta o topónimo portugués, podería indicar que o orónimo O Suído estivo motivado pola resonancia das voces ou calquera outro son (cecais natural, como posibles desprendementos de rochas, ruído das augas, tronos, etc.) que a configuración da elevación orográfica intensificaba. Mesmamente podería ligarse a este son ou ruído o vocerío que resoaría na serra cando se realizaban as batidas dos lobos, que eran espantados con griterío para levalos cara algún dos foxos da serra situados na divisoria de augas.

Foxo Vello e Foxo do Lobo no Suído, moi preto do nacemento do río Valdohome, segundo as Minutas Cartográficas do IGN.

Aproveitamos para lembrar a capacidade da toponimia de xerar lendas por etimoloxía popular, como a do home (morto) de Valdohome. O topónimo Home é xeralmente un hidrónimo de orixe paleoeuropea (J.J. Moralejo, "Hidronimia prerromana de Gallaecia", en Onomástica Galega II, ed. Dieter Kremer, 2013), como amosan os varios ríos Home ou Homem (tributario do Verdugo, tributario do Cádavo, tributario do Támega), documentados dende data moi temperá coa forma latinizada por falsa etimoloxía Homine (ano 569: "Portelam de Hominem" - Liber Fidei, Braga), e provintes da base *wegw, "húmido". E iste vai ser o caso de Valdohome: un río Home que deu nome ó val (Valdohome) e á dorsal.

No hay comentarios: