domingo, 30 de julio de 2023

Cervos e círculos concéntricos

Representacións da viaxe ó Alén no xamanismo galaico


Petróglifo da Laxe dos Carballos co grande cervo - parque arqueolóxico de Campo Lameiro.
(C) Dolores González de la Peña, 2023.

Seguimos á profesora Nataliia Mykhailova principalmente en dous artigos:

"Shaman, hunter, deer" (Adoranten, 2017).

"The cult of the deer and shamans in the deer hunting societies" (Archaeologia Baltica, 2006).

Neles establece que o culto totémico ós cérvidos (en xeral son casos de alces e renos os que menciona Mykhailova)  foi fundamental nos pobos de cazadores das forestas de Eurasia, e que nese culto o xamán desempeñou o rol principal, caracterizado el mesmo como cérvido coa súa vestimenta feita coa pel do animal e tocado de cornas, símbolo da súa forza e poder. A investigadora atopa evidencias do xamanismo na Prehistoria nalgúns enterramentos mesolíticos da Bretaña francesa, Dinamarca, Suecia ou Saxonia: por exemplo a existencia de enxoval de cornas apunta a inhumacións de xamáns. 

Durante o ritual do shingkelevun realizado para obter éxito na caza o xamán evenk vestido coa pel de cervo tiña que viaxar ó territorio habitado pola Madre dos Animais e Señora do Mundo, tamén ela mesma representada como cerva (alce ou reno). Para entrar no Alén tiña que atravesar unha pasaxe sinalada por unha rocha sacra ou adentrarse baixo a árbore sagrada do clan (P. Monaghan, Goddesses in World Culture, 2010); alí obtiña anaquiños de pel de cervo, que ó seren transportados ó Aquén transformaríanse nos animais.

Un outro implemento imprescindible do xamán fora o seu tambor, tamén vencellado ó cervo. Entre outros detalles que amosan a relación mencionamos que foi corrente debuxar estes animais na súa pel e grabalos no percutor, feito que xa tiñamos atopado no Paleolítico nas representacións artísticas dos chamados bastóns de mando (que en realidade son, segundo pensamos, percutores de tambores).

Percutor de tambor Sami no Buxton Museum and Art Gallery (Acc. No. M1152a.4).

Respecto ó tema da caza como desencadeante da entrada ó Alén temos variada documentación etnográfica e literaria:

  1. Hai moitas historias entre os bantús de cazadores que perseguían animais ata un burato que os conducía á morada dos mortos (Garry e El-Shamy, Archetypes and Motifs in Folklore and Literature, 2017). A entrada ó Outro Mundo por un burato constitúe o motivo 92 do "Motif-Index of folk-literature", baixo as variantes de pozo, burato, manancial ou cova.
  2. Nos contos populares siberianos a pasaxe ó mundo dos mortos se indica con frecuencia como un burato no chan ou no xeo dun lago ou río. Se unha persoa cae accidentalmente nel mentras caza podería regresar; e ata os mortos poden facelo se son guiados de volta por un xamán (Jacobson e Tepfer, The Hunter, the Stag and the Mother of Animals, 2015).
  3. O cervo tamén aparece nas lendas celtas como o que conduce ós seus cazadores ó Alén. No relato dos Mabinogi, "Pwyll no Annwn", é precisamente durante unha cacería de cervos cando se produce a entrada no Alén do príncipe.
O carácter psicompompo do cervo vese tamén na transformación metonímica do animal, concretamente da súa corna, nunha embarcación condutora dos mortos ó Alén. Pode observarse nos petróglifos bálticos de barcos, que teñen a súa orixe na similitude entre a corna dun alce ou reno e unha embarcación esquemática cos seus remos ou tripulantes. Segundo Mykhailova existen unhas cántigas populares rumanas e ucraínas nas que unha doncela durmida viaxa nun berce situado na corna dun cérvido. A relación entre o cervo e o barco dos defuntos ten as súas raíces na Idade da Pedra, pois hai varios grabados de barcos con forma de reno no norte de Europa e na Siberia, dende o Mesolítico ata a Idade do Bronce (Mykhailova, Relics of the primaeval cult of deer in folklore of South Eastern Europe, 2021). Mais na nosa opinión non é só que as supostas embarcacións rematen nun prótomo de cérvido, senón que son representacións esquemáticas da corna, onde viaxa a doncela durmida das cántigas.


Corna-barco. Debuxo tomado de Coles 1991 representando a figuración da corna dun alce americano (apud Mykhailova, 2021).

Vistas as evidencias presentadas da relación dos cérvidos co Alén dende a Prehistoria, semella axeitado analizar as escenas dos petróglifos galegos de cervos orientados cara a círculos concéntricos neste contexto dos rituais xamánicos prehistóricos, xunto coas restantes representacións estudadas por Mykhailova. Os nosos petróglifos poderían representar a viaxe do xamán ó Alén transformado en gran cervo, figurado o acceso como unha sima esquemática formada polos círculos concéntricos.

Nese Alén o espíritu do xamán é devorado pola Nai dos Animais e renacido (parido de novo) como un dobre, que é colgado nun berce entre as ramas da árbore do clan (Monaghan) é dicir, entre as cornas do cervo, tal e como refire Mykhailova que ocorre nalgunhas cántigas rumanas e ucraínas. Parécenos que este mito podería estar a representarse na Laxe da Rotea de Mendo (Campo Lameiro).

Laxe da Rotea de Mendo co xamán renacido no berce formado pola corna do cervo.
(C) Francisco Javier Torres Goberna, 2013.

Non moi lonxe, no relato irlandés Buile Suibhne (s. XII), algúns investigadores ven reminiscencias destas prácticas xamánicas, amáis dunha clara invocación á Nai dos Cervos (Boucherit, "A deer cult in Buile Suibhne", 2011).

Finalmente, seguindo a Mykhailova (2021) o culto prehistórico totémico ós cervidos, vía xamanismo, remataría orixinando a crenza na Europa atlántica nos barcos dos defuntos con prótomo de cervo ou alce como vehículos que conducían ó Alén. Na nosa opinión non está ben resolto o paso dun psicopompo ó outro na proposta da investigadora, sendo o máis probable que a corna debuxada ou gravada esquemáticamente, como parte que identificaba por metonimia ó cérvido, viñese a se confundir, co paso do tempo, coa figura dunha embarcación.

No hay comentarios: