sábado, 5 de septiembre de 2020

Ritualidade e simbolismo do hórreo: o caso dos kapsiki de Camerún

Os homes kapsiki de Camerún e Nixeria construían cadanseu graneiro vexetal (tame) como rito de iniciación á idade adulta. Aínda que adicados á agricultura, o traballo agrícola dos kapsiki estaba orientado en último termo á obtención de riqueza, é dicir, gando (sobre todo vacún). É por iso que os graneiros ían decorados cunhas liñas pintadas con bosta de vaca ("Dinamics of agriculture in the Mandara Mountains", Van Beek e Avontuur) e na súa inauguración ofíciábase unha cerimonia na que se imitaban os muxidos das vacas, os balidos das ovellas, e introducíanse cagarrutas de cabra e pedriñas no seu interior (px. 342).



























Eira e espigueiros de Lamas de Moledo (Castro Daire - Portugal). (C) A. Galíndez, 2006.

O conxunto agrario sitúase inmediato ó Pedrón de Lamas, que contén unha inscrición votiva en lingua lusitana na que se ofrece un porco en sacrificio a Xúpiter; cecáis na inscrición desenvólvese un vello ritual de inauguración dos graneiros que poderían ter existido antes destes espigueiros máis recentes.

"Having a tame means having a real house, fields, harvest - being a real person. The symbols used are, however, much broader [...] the tame is a veritable person, a partner identity to the owner, just as it is gendered, male or female, irrespective of the owner. The partnership of tame and owner goes quite deep. In many ways, the grave the Kapsiki dig for burial, through both its form and its symbolism is equated with a tame, a granary (van Beek 1996). Symbolically, Kapsiki, both men and women, are buried in a tame; not a plaited one, it is dug underground, but a tame nonetheless, a kind of alter ego" (Ven Beek e Avontuur, px. 344).


Hórreo sobre portalón con arco de medio punto, vivenda no Chao de Ombre - Pontedeume. (C) Imaxe capturada do Google Street View, 2019.

O portal sitúase no borde exterior do Castro do Chao de Ombre, dunha forma moi similar á do Hórreo do Arco ou da Miguensa (Castro - Dodro). O hórreo como símbolo de riqueza, do estar no mundo, de habitalo, ocupa unha ubicación preferente, neste caso á entrada, mais é na entrada da vivenda ou nunha das antigas entradas do castro?



Tumba e graneiro kapsiki segundo ilustración de Van Beek, The Dancing Dead: Ritual and Religion among the Kapsiki - Higi of North Cameroon and Northeast Nigeria, 2012: "Un chefe nunca deixa o seu fogar senón que é inhumado baixo o seu graneiro [...], pregunteilles, xa que nunca me dixeran nada ó respecto, pola identidade entre tumba e graneiro. A súa resposta foi: por fin chegas á chave do asunto. Mais por que te levou tantos anos darte de conta?"


Lauda sepulcral de Modesa ou Modesta atopada en Rebordáns. (C) A. Galíndez, 2018.

Chámanse laudas de estola porque a forma en aspa aseméllase á estola dos diáconos, aínda que tambén parécenos máis probable que sexa a figuración dun teito a catro augas. O teito dunha arca, a tampa da cámara dun dolmen, cista - hórreo evoluída. En todo caso, ponse de manifesto a identidade entre a figura antropomorfa do defunto que ás veces reflicte a estola, e a arca propiamente dita, o graneiro a catro augas.

Dicía Castelao en As cruces de pedra na Galiza (1990, pxs. 94-96) que o hórreo é "una ucha sagra que garda o pan de todo o ano", "un relicario que garda o Corpo do Noso Señor", e que "a feitura relixiosa dos hórreos galegos provén do respeto que sentimos pol-o pan". Nós dámoslle a volta: é a igrexa a que adopta a forma dun hórreo-tumba porque nela se custodian as reliquias dos antergos transustanciadas no pan / corpo de Cristo. Como se entendería un rosetón se non fose como reminiscencia dunha das hexapétalas apotropaicas de ventilación que decoran os hórreos asturiáns?


Hórreo asturiano na praza maior de San Martín de Trebello (Cáceres), reconvertido na Casa do Concello.
(C) A. Galíndez, 2018.

A reconversión do hórreo no consistorio sen dúbida ven precedida da función de foro do pobo que tiñan os hórreos asturianos ("L'horru como foru del pueblo", Vicente R. Hevia).

No hay comentarios: