O topónimo non ten que ver coa onomatopea da risa, senón, na miña opinión, coas exclamacións que os exploradores franceses escoitaban nas súas navegacións polo Golfo de San Lourenzo: os esquimais seguían os barcos dos franceses nas súas canoas, levando peles para intercambiar, chamándoos "ahé! ahé!". Así o conta Joliet a finais do século XVII nas súas cartas e apuntes, en varias ocasións: "ó mesmo tempo apareceron os esquimais coas súas dúas bizcaínas con mástil a moita velocidade [...] gritando como os outros [esquimais vistos noutras ocasións] ahé! ahé! e mostrando lobos mariños como pabellóns" ("Le fr. Joliet envoye une carte du Canada. Parle des Esquimaux, dit quelque chose fas ces peuples", 1698 - Carte du Canada, en sept feuilles, BNF, fol. 192r).
Toponimia prerromana, hidronimia paleoeuropea, etnografía, megalitismo e arte rupestre. Se chegaches aquí por Google e non te levou á entrada que procurabas, volta a repetir a búsqueda dende Bing! ou usa o buscador interno do blog. Grazas!
martes, 11 de agosto de 2026
Baie des Ha! Ha! - Canadá
sábado, 8 de agosto de 2026
Lubre
Os que esteades interesados en coñecer a milenaria historia do substantivo e topónimo Lubre (Ares e Bergondo) teredes que consultar a miña contribución publicada no libro-disco que ven de editar o grupo de música folk galega, "Luar na Lubre. 40 aniversario" (Baía Edicións, 2026). As pistas musicais poden escoitarse de balde no Youtube Lubre. 40 aniversario grazas á xenerosidade do grupo, pero os interesantísimos traballos de varios autores que se inclúen no libro, comezando pola resolución do misterio da orixe da palabra lubre, só están ó alcance dos afortunados que se fagan co libro. Así de dura é a vida ás veces! Ogallá que todo o mal do mundo fose este...
Na fotografía vai un anaco do meu estudo, "Dous mil anos da historia do substantivo lubre", pxs. 29-33.
Gustáranme especialmente as pistas dedicadas a "Maeloc", que mestura en tres movementos música bretoa, e a do "Heicho de dar", coa colaboración das voces das pandereteiras "Airiños de Fene". Un gran traballo dos nosos Chieftains.
viernes, 7 de agosto de 2026
A Basanta - Cariño
Topónimo galego provinte da frase latina "ambas antas", da que logo se xera unha forma singular por deconstrución, na que participan fenómenos de fonética sintáctica e falsa segmentación do artigo: abas santas (plural) - aba santa (singular deconstruído) - abasanta (fusión) - a basanta (segmentación que crea o falso artigo).
A frase aparece na documentación medieval do ano 1132: "et inde ad archas. et inde per illum lumbum inter ambas antas. et inde ferit ad illos ueneiros". Designa un punto situado entre dúas elevacións orográficas ou entre dous túmulos funerarios ou marcos territoriais (antas).
Como apelido rexístrase cen anos máis tarde, xa coa forma definitiva: "Petro Basanta" (ano 1240).
O nome do monte veciño ó lugar da Basanta de Cariño, o Mazanteo, Masanteo ou Basanteo, tería entón a mesma etimoloxía.
Armadixo de Piroche - Monte do Seixo
A lenda da moura Pirocha do Monte do Seixo foi recollida por Calros Solla. O escritor defínea como unha bela lamia que, espida e deitada no seu leito de pedra (o penedo chamado Almadraque de Pirocha), esperaba ós incautos que transitaban polo Camiño da Vereda para convertilos nos seus amantes e, finalmente, devoralos nunha especie de relación sexual caníbal (Monte do Seixo. O santuario perdido dos celtas, Morgante 2021). Solla engade: "O nome Pirocha deriva con certeza da voz latina petram, pedra".
Non nos cabe ningunha dúbida de que a moura Pirocha foi bautizada así polo nome da pedra que lle servía de leito, pois a continuación do Almadraque, atópase un cortello para lobos (Trampa do Lobo, no Visor PBA) que no deslinde entre os concellos da Lama e Forcarei (IGN - 1938) tamén recibía o nome de Armadixo de Piroche, é dicir, trampa formada de pedra (cfr. topónimo cinexético Armada).
miércoles, 5 de agosto de 2026
O verdadeiro monte Sinaí
Non hai acordo na situación do verdadeiro monte Sinaí, onde disque Deus se lle apareceu a Moisés para lle entregar as táboas da lei (coas que se fixeron os tabots ou arquiñas da alianza - cfr. "Na procura da arca perdida de Ildura Eriz", Arqueotoponimia 2023). É dicir, o feito de que o Sinaí actual, tanto o monte como a península que leva o nome do monte, se veña considerando o auténtico Sinaí débese a que uns monxes no século III informaron de que tiñan atopado alí a zarza ardente, o que resulta materialmente imposible despois de 1.500 anos ardendo! Pero estas inventios brindan pingües beneficios dos peregrinos ás comunidades relixiosas, xa dende a época da viaxeira galaica Exeria, así que agora a ver quen é o valente que desmonta esta falcatruada.
Na nosa opinión, o verdadeiro monte Sinaí está na fronteira entre Irák e Kuwait. É o Jabal Sanam ou Jebel Sinam, o que se pode traducir como o "Monte do Ídolo"; haxiotopónimo que é unha posible alusión ó ídolo que adoraron alí os israelitas (Éxodo 32-4). É un domo salino non moi elevado pero que destaca no terreo chan da antiga Mesopotamia. O Jabal Sanam está a uns 150 km de Basora, preto de Nasiriya, onde se localizan as ruínas de Ur, a cidade de onde era orixinario o profeta Abraham. Co nome de Safwan Hill foi unha importante base de operacións na Guerra de Irak (2003).
domingo, 2 de agosto de 2026
Ceuta: un topónimo da Reconquista
Nin Septem ni Saepta
viernes, 31 de julio de 2026
Tegra / Trega: a cidade fundada por Teucro
Di Helena de Carlos Villamarín que a presenza lendaria do grego-troiano Teucro en Galicia é especialmente singular porque "non vén a priori dada pola existencia dun topónimo ou dun xentilicio que favoreza a súa vinculación onomástica con ningún punto concreto da terra, menos aínda con Pontevedra". Noutros casos atópase certo parecido fónico entre o nome propio do heroe e o dalgunha cidade, e desta semellanza xurden as lendas fundacionais atribuídas ós heroes que retornan trala guerra de Troia: Ulises - Ulisipo > Lisboa.
O historiador Xustino contaba que Teucro no seu nóstos ou viaxe despois de finalizada a guerra de Troia, arribou a Gallaecia e asentándose nalgures deu o seu nome ó pobo. De Carlos volta insistir cunha pregunta retórica que responde negativamente: "o misterioso genti nomen dedisse non nos aclara moito: de que gens fala?, de que nome? Hai por algures uns Teucri?" ("O misterio do nome: etimoloxía e alegoría nas lendas de Troia", Estudos de Onomástica Galega VII, 2022).
Parécenos evidente que se Teucro deu o seu nome a un pobo da Gallaecia este chamaríase *Teugra, ou sexa, Tegra > Trega, que é o nome dun famoso poboado fortificado da Idade do Ferro na foz do Miño (Pontevedra). Nada impide consideralo así, aínda que despois o topónimo se cristianizase como Santa Tecla. A mención nalgún documento medieval, que non logramos localizar, a unha posible forma "Teurga", tampouco é obstáculo para vencellala á etimoloxía *Teugra, a cidade de Teucro, pois as metáteses dos sons vibrantes son moi frecuentes (Teurga < Teugra).
Xustino tivo que referirse á grande cidade de Trega / Teugra, que lle soaría como o nome do célebre Teucro, e, ou ben creou nese momento a lenda fundacional etiolóxica, ou limitouse a repetir unha tradición máis antiga que vencellaba a fundación do castro e o seu nome a un dos heroes da guerra de Troia que puido ter chegado ata aquí na Idade do Bronce, por que non?
domingo, 26 de julio de 2026
Paradise Lost
Baixo as patas das xirafas vese unha inscrición en alfabeto tifinag, utilizado polos tuareg. É un sistema ancestral de escritura no que a dirección de lectura en principio é calquera (de arriba a abaixo, de abaixo a arriba, de esquerda a dereita, de dereita a esquerda), e case non se marcan as vogais, o que complica moito a interpretación dos textos unha vez transliterados. Pero grazas a que en posición final de palabra adoita sinalarse algunha vogal, como o puntiño ".", que se le como "a", sabemos que este texto lese de esquerda a dereita. Tamén aplicamos o principio xeral de que cada palabra ocupa unha liña, criterio que polo menos neste caso semella moi probable pola brevidade das liñas.
Transliteración e tentativa de adscrición ó léxico bereber:
1ª liña: ll a = Ialla / Allah = "Deus".
2ª liña: gh n h = gheenah [ > Yanna] = "Xardín, Paraíso".
3ª liña: r d = ard = "meseta, penichaira".
4ª liña: n = năy = "mirar, ver, observar".
A oración podería traducirse como "Deus (ad)mira a penichaira do Xardín do Paraíso" / "Contempla a penicharia do Xardín de Deus". A sintaxe da frase é VOS (verbo - obxecto - suxeito) comezando polo tanto a lectura dende a parte inferior da inscrición, pois o verbo nas linguas tamazig adoita ir ó principio da oración. Podemos consideralo un texto relixioso de carácter mitolóxico no que se expresa a admiración que suscita a creación do mundo, acontecemento que se produciu, segundo o autor do texto, neste preciso lugar do plateau do Tadrart, que enlaza co de Tassili n'Ajjer, e que estaría a se representar nas gravuras do panel. O que non sabemos é se o autor anónimo do texto consideraría á figura masculina coa lanza como o mesmo Deus, ou se cecais crería que era Adán?
Como os textos en tifinag son bastante posteriores ás pinturas, non podemos asegurar que sexa certa a idea exposta polo seu autor, de que o Paraíso ou Xardín do Edén estivese no Tadrart-Tassili. É probable que o autor do texto se deixase impresionar pola beleza da escena representada miles de anos antes e a asociase ós versículos correspondentes da Xénese (ou ás suras da creación do Corán). Se temos en conta que toda esta zona do Sáhara, antes da súa desertización, foi no Holoceno un auténtico verxel, regado por numerosos ríos que nacían nesta área montañosa, a dúbida da identificación do lugar co Xardín do Edén minimízase. Aí están as gravuras das xirafas, as vacas de grandes cornos, hipopótamos, rinocerontes e crocodilos, que dan fe da fauna que habitaba esta paisaxe, que precisaba dun medio abundante en auga.
A idea de Jean-Loic Le Quellec de que na arte rupestre do Sáhara se representaron mitos da creación e a orixe do mundo coincide tamén coa nosa lectura do breve texto. Non resultaría extraño que neste afastado lugar se conservase a tradición oral dos temas representados no seu arte rupestre, polo menos ata o momento no que un tuareg anónimo gravou o texto fai uns dous mil anos. Hoxe xa non sería posible, pois os tuareg esqueceron o significado das gravuras e consideran que as representacións antropomorfas dos paneis son jinn (xenios).
Resulta paradóxico que o lugar mítico no que se situou o Xardín do Edén, o Paraíso, sexa hoxe, máis ben, un Inferno, unha paisaxe desértica e de temperaturas extremas onde non é posible a vida.
domingo, 19 de julio de 2026
Biledulgerid
martes, 14 de julio de 2026
Pedra Cedeira
sábado, 11 de julio de 2026
Fragunde e Freigonde
Fragunde (A Laracha) e Freigonde (Carral) son topónimos de orixe xermánica, provintes do nome feminino Fradegundia, que tería sido a dona das terras. O antropónimo aparece con bastante frecuencia no noso corpus medieval, dende o "Fradegunda deouota" ("a devota Fradegunda", ano 898 - Cuntis) ata o "uxor mea Fradegundia" ("a miña muller Fradegundia", ano 1126 - Lourenzá). Segundo Ana Boullón Agrelo o nome está formado polas raíces xermánicas FRAD, "intelixencia, espíritu", mais GUND, "loita". O significado literal do nome propio sería aproximadamente "a do espíritu combativo" ou "a intelixente na loita". Pode deducirse que o nome sería moi acaído para unha muller guerreira ou pertencente a unha sociedade moi militarizada como a xermánica.
O lugar de Fragunde da Laracha sitúase moi preto do castro pequeno de Montes Claros, A Mota, na parroquia de Vilaño. O Freigonde de Carral coñecémolo grazas ó avó de Manuel Ruibal, o señor Pepe do Curro, que garda na súa centenaria memoria o nome do Rego de Freigonde, que pasa moi preto do castro de Herves (parroquia de Beira), e nace nunha leira chamada Freigonde (na folla catastral aínda consérvase o microtopónimo). A forma Freigonde esta moito máis próxima ó etimo, máis conservada: tras perderse o -d- intervocálico por lenición, o diptongo de *Fraegonde pecha o seu segundo formante e a iode resultante inflexiona a vogal precedente - Freigonde.
A proximidade ós castros de toponimia formada con nomes de posuidores de orixe xermánica é unha constante que chamara a atención de Nicandro Ares. Tanto Manuel Ruibal coma eu mesma preguntámonos se os primeiros asentamentos suevos en Galicia non se terían formado en torno ós castros, ben co obxectivo de dotar de continuidade ós antigos centros de poder territorial pola relevancia que tiñan para a poboación, ou ben coa intención de manter baixo control os puntos estratéxicos, como asentamentos, mananciais, recursos (lugares onde se localiza a gran maioría da toponimia formada cos nomes dos posuidores xermánicos), o que probaría que á chegada dos colonos suevos (século V) a poboación autóctona vivía aínda mormente no ámbito dos recintos fortificados da Idade do Ferro.
jueves, 9 de julio de 2026
Experiencias preto da morte, ou preto da vida?: revisión da hipótese de Carl Sagan (1979)
Dende os anos setenta falar das ECMs ou experiencias cerca da morte supón case que obligatoriamente cinguirse en exclusiva ás hipóteses trascendentais sobre a vida no Alén que nos espera a tódolos mortais, onde nos reencontraremos cos nosos seres queridos e viviremos felices por sempre xamais. Ogallá! A xente rexeita de plano as escasas tentativas científicas que quixeron explicar as ECMs como posibles mecanismos adaptativos (evolutivos) que nos axudan a enfrontar o transo da morte sen sufrimento ou angustia, ou como alucinacións produto da anoxia cerebral. E ata prevalecen novas hipóteses pseudocientíficas que camuflan as vellas ideas sobre a trascendencia da vida humana engadindo conceptos da Física de Partículas que non son aplicables ó problema das ECMs, como o invento dunha inexistente supraconsciencia cuántica, da que todos formaríamos parte; novidade heterodoxa que o físico Javier Santaolalla xa se encargou de rebater ("La supraconciencia cuántica no existe", Date un Vlog 2025).
Como filóloga da vella escola recibín formación en Neurolingüística, polo que estou familiarizada co concepto da emerxencia da mente a partires da estrutura do noso cerebro, e como docente que fun de Lingüística Xeneral coñezo bastante ben a debatida cuestión de se a linguaxe configura ou determina o pensamento (hipóteses de Sapir-Whorf, Witgenstein, etc.). Eu considero que o pensamento é previo á linguaxe, e a linguaxe é unha imperfectísima ferramenta de comunicación, sempre evoluíndo pero nunca achegándose á complexidade mental.
Amais dos coñecementos básicos que acabo de enumerar, como suxeito que experimentou tres ECMs ó longo da súa vida creo que me atopo nunha posición privilexiada para aportar o meu graíño de area ó problema da interpretación destas extraordinarias impresións ou sensacións universais que se repiten de xeito case idéntico en tódalas persoas que as puideron experimentar. Se non o fixen antes foi, simplemente, porque a única explicación das ECMs que coñecía, a de que probaban a existencia dun Alén marabilloso, nunca me satisfixo totalmente. Víaa moi manipulada e acaparada pola relixión: implicaba sempre a crenza nun deus creador e premisas kármicas, de expiacións e reencarnacións. De feito as ECMs, interpretadas maioritariamente ó longo da historia da humanidade como viaxes ó Alén e proba da existencia dun paraíso, son a orixe das crenzas relixiosas. Disto xa temos tratado no blog na entrada "A pel do xaguar" (Arqueotoponimia 2024).
A hipótese de Carl Sagan, exposta no seu artigo "The Amniotic Universe" (1979), é completamente diferente, e a súa interpretación coincide case por completo coa memoria que gardo da miña terceira ECM. Por ser moi breve neste punto, como dixen tiven tres ECMs típicas, as dúas primeiras por lipotimias leves e a última por unha lipotimia máis severa, con parada cardiorrespiratoria durante algo menos dun minuto: a primeira ós 15 anos (saín do meu corpo e eu mesma víame dende fóra caída no chan), a segunda ós 19 anos (viaxe polo túnel escuro), e a terceira ós 35 anos (experiencia inefable nun paraíso marabilloso).
O UNIVERSO AMNIÓTICO
Di Sagan que cando unha persoa que experimentou unha ECM relata a vivencia indicando que se sentía unha co universo, como eu mesma me sentía no meu paraíso, en paz, arrodeada de amor, flotando nun líquido quentiño e alumbrada por unha tenue luz dourada, en realidade está lembrando o tempo que pasou no útero materno, o universo amniótico. É posible defender a memoria e, polo tanto, a consciencia intrauterina do feto? Na época de Sagan non era posible soster isto, críase que os bebés desenvolvían a consciencia ó redor do ano de vida extrauterina.
O máis sorprendente da hipótese de Sagan é que coincide coa conclusión á que chegou a miña consciencia adulta, conservada no interior da ECM mentras a experimentaba, sobre que era o que me estaba a acontecer, sobre o que sentía e vía: de repente dinme de conta de que eramos como embrións esperando nacer e esa idea fíxome moi feliz. Entón sentín que tiña que voltar deste lado, moi ó meu pesar (nos relatos das ECMs a reticencia do suxeito que as experimenta a non querer saír dese marabilloso lugar é un feito recorrente).
Hoxe sábese que as conexións tálamo-corticais que permiten que o córtex integre os estímulos sensoriais establécense no feto ás 24 semanas de xestación. As redes neurais necesarias para que exista consciencia están formadas antes do nacemento. A partir da semana 35 (último mes de vida intrauterina), e sometidos a un experimento con sons, os fetos son capaces de memorizar e lembrar unha pauta sinxela que se repite constantemente; cando a pauta se modifica, os fetos emiten unha onda cerebral (evento P300) de resposta cortical asociada á sorpresa e á reorientación da atención, que é captada por magnetoencefalografía (procedimento non invasivo). Esta particularidade considérase un indicio inequívoco de consciencia, e confirma a existencia de consciencia antes do nacemento (1, 2).
O feto no útero materno está exposto a neuromoduladores sedantes como adenosina, pregnenolona e prostaglandina D2, así como a niveis baixos de osíxeno (2). O que na nosa opinión xustifica as sensacións de paz, amor e felicidade que se sinten nas ECMs ó lembrar a nosa vida no universo amniótico materno (retrocédese ata ese momento, o que moitos suxeitos vivencian como se toda a vida transcorrese ante os seus ollos ata chegar ó principio).
A hipótese que manexamos ven sendo unha modificación da de Carl Sagan, co que non coincidimos totalmente, xa que logo o físico considerou, amais, que a visión do túnel e a saída cara unha luz eran un recordo do momento do parto, no que o bebé se atoparía á saída co doctor, personal de enfermería, o seu pai... e posteriormente lembraría na súa futura ECM esas presencias na luz da sala de partos. Nesta parte non estamos de acordo con Sagan, pois a luz / escuridade e as presencias son parte do universo amniótico descrito anteriormente por el mesmo. As presencias son os sons atenuados da linguaxe humana que percibe o feto no útero e dalgún xeito identifica como os seus semellantes, a súa familia (por exemplo a voz da nai, que xa recoñece ó final da xestación), e a luminosidade é a luz tenue que se filtra dende o exterior a través da pel do ventre materno, o endometrio e a membrana amniótica; o feto é capaz de percibir a luz e reaccionar ante ela nas poucas horas nas que está esperto durante a súa vida intrauterina, permanecendo a maior parte do tempo durmindo ou na escuridade.
Parécenos que a nosa hipótese, que podemos chamar hipótese ampliada e modificada de Sagan, pode amosarse cientificamente coas modernas técnicas de estudo da consciencia fetal. Os recordos que podería gardar un adulto da súa longa vida intrauterina ou estadio I de Sagan (cando o feto habita no apacible universo amniótico) son totalmente compatibles coas observacións facilitadas por tódolos suxeitos que experimentaron ECMs nas que se sentían "no ceo" ou nunha especie de paraíso, flotando, felices xunto ós seus. O noso primeiro recordo formado no último mes de estancia no reducido universo amniótico, fixado na memoria máis profunda, podería activarse involuntariamente cando o suxeito se atopa a punto de morrer, nunha situación que inconscientemente identifica coa súa vida anterior (intrauterina), co recordo de cando habitaba no seo materno: fáltalle osíxeno, non se pode mover...
O neurociruxán Ajmal Zemmar e o seu equipo do hospital de Toronto puideron realizar un electroencefalograma completo dun paciente que lamentablemente faleceu mentras lle realizaban a proba. O rexistro do EEG comprende, pois, a actividade cerebral previa e posterior ó paro cardiaco. Na opinión de Zemmar a actividade acoplada das ondas alfa e gamma que se amosa no EEG tralo paro cardiaco do paciente, que en suxeitos sans vai ligada a procesos cognitivos e á recuperación de eventos da memoria, podería corresponderse cos últimos recordos da vida que estarían a experimentar os suxeitos no transo da morte, idénticos ás "revisións da vida" que narran os que experimentaron ECMs (3).
A nosa proposta non só ten aplicacións na investigación e coñecemento da formación da consciencia fetal (capacidade de memorizar e interpretar a un nivel básico o entorno), tamén explica por que algúns suxeitos experimentan ECMs e outros non: na nosa opinión depende da precocidade do bebé, se se trata dun bebé moi activo e esperto terá formada a memoria da súa vida intrauterina con maior probabilidade que un bebé máis pegrizoso e dormilón. Ou por que hai algunhas ECMs que se vivencian como negativas ou terroríficas, cecais se durante o embarazo o feto estivo sometido a algún tipo de estrés ou dor (embarazo de risco) a memoria formada desa vivencia non será, como acontece xeralmente, un recordo de felicidade e benestar. Polo que respecta á existencia do pensamento e memoria fetais, previos á adquisición da linguaxe, cumpre relacionalos coas seguintes características típicas das ECMs:
- os suxeitos que viviron ECMs insisten en que son experiencias inefables, que con moita dificultade poden traducirse ou narrarse con palabras
- reiteradamente relatan como unha consciencia ou entidade se comunica con eles sen palabras, e adquiren un determinado coñecemento global sen que medie a linguaxe, o que adoitan explicar como se fose unha comunicación telepática (esa consciencia ou entidade da ECM podería ser a propia consciencia do feto)
Soñan os fetos con embrións de ovelliñas?
___________________________________________________________
(1) Moser et al. "Magnetoencephalographic signatures of conscious processing before birth", Dev Cogn Neurosci. 2021 Jun:49:100964.
(2) Bayne et al. "Consciousness in the cradle: on the emergence of infant experience", Trends Cogn Sci 2023 Dec;27(12):1135-1149.
(3) Vicente et al. "Enhanced Interplay of Neuronal Coherence and Coupling in the Dying Human Brain", Front. Aging Neurosci., 22 February 2022.
viernes, 3 de julio de 2026
Burela: a Burum ptolemaica
Aínda que o xeógrafo da antigüidade Claudio Ptolomeo (século II) situaba a cidade galaica de Βοῦρον (Burum) entre as cidades interiores dos Galaicos Lucenses, a ubicación de Burum, seguindo as imprecisas coordenadas ptolemaicas, non moi lonxe do promontorio Trileuco (cabo Ortegal) semella apuntar a que Burum era máis costeira do que daba a entender Ptolomeo na súa Xeografía.
Federico Maciñeira pensaba que o Porto de Bares fora o Burum ptolemaico, pois Maciñeira "aún desconoce que a muy pocos kilómetro de Bares hay otro puerto que conserva su nombre ancestral, Burela. Este era, en realidad, por lo que sabemos hoy día, el Burum de Ptolomeo, de lo que puede inferirse que también esta era un puerto importante de época prerromana" (Domínguez Pérez: "Maciñeira y los estudios de identidad en el nacimiento de la protohistoria gallega, 1890-1950: de los modelos de Obermaier y Bosch al estado de la represión", Revista Atlántica-Mediterránea de Prehistoria y Arqueología Social, 2009). Eu dubido moito que Maciñeira (ou algún galego) descoñecese a existencia de Burela, mais Bares cadráballe mellor ó noso proto-arqueólogo coa súa hipótese sobre o Camiño dos Arrieiros como antiga vía de comunicación cara o suposto porto fenicio de Bares.
Na base de datos do CODOLGA a primeira mención que atopamos de Burela é de xénero masculino, o que concorda coa posibilidade de que sexa un diminutivo de Burum > Buro: "sancti Iulani de Nois [San Xiao de Nois] que habet iacentiam litore maris inter Burellum et Aurium" (ano 1096 - Mondoñedo). O cambio de xénero produciríase logo para concordar co substantivo implícito vila.
O topónimo Burum > Buro podería ser cognado do anglo-saxón burh, "terraplén e trincheira dunha fortificación", do que saen as numerosas terminacións en -bury da toponimia inglesa (Avebury, etc.). O étimo común do galaico Burum e o anglosaxón burh tiña un son aspirado en posición final que a lingua galaica perdeu case que de xeito inmediato, mentras que o anglo-saxón conservouno en resultados como borough, "cidade". Toponimia galego-portuguesa como Boiro ou Bouro podería proceder desta mesma base.
Na nosa opinión, os dous castros contiguos de Burela formarían o antigo enclave de Burum arrodeados dun terraplén defensivo. Nun deles, no do Chao do Castro, apareceu o torques áureo de maior tamaño dos que se atoparon en Galicia, de preto de dous kilos de peso (1.812 gr.).
Respecto de se Βοῦρον pode ser A Pobra de Burón (na Fonsagrada), temos que ter en conta que a terminación grega en -ν (-n) correspóndese cunha desinencia ou marca de caso (nominativo, acusativo ou vocativo da segunda declinación), que non se conservaría (verquida ó latín como Burum > Buro). A acentuación oxítona de Burón tamén resulta incompatible coa prosodia que se reflicte na palabra grega orixinal.
miércoles, 1 de julio de 2026
Xubia e a deusa lusitana Iovea
A forma máis antiga do hidrónimo Xubia / Xuvia que aparece na nosa documentación medieval é Iuuia (ano 977). A frase preposicional "trans Juvia" (ano 1101) orixinou o topónimo Traxoiba que xa se citaba no deslinde do lugar de Rañal (Moeche) nun testamento de 1687. Vemos, polo tanto, que o vocalismo de IUVIA achégase moito ó do teónimo feminino IOVEA da inscrición en lingua lusitana de Lamas de Moledo, sempre tendo en conta que as vogais dos ditongos poden realizarse de forma máis ou menos aberta: u/o (2ª vogal), e i/e (4ª vogal).
Pensar en que o hidrónimo Xubia / Xuvia podería ter orixe teonímico (IOVEA) resulta aceptable nun contexto paleoeuropeo no que moitos ríos, amáis de seren de xénero gramatical feminino, eran considerados divindades. O teónimo IOVEA aparece no ámbito itálico e na Lusitania e faría referencia a unha deusa absoluta equiparable en rango ó deus Xúpiter (IOVE).
IOVEA e Iuuia proveñen, pois, dunha raíz indoeuroepa que expresa a idea de divindade, DIVIYA, da que procede tamén o hidrónimo e teónimo de orixe celta Deva (Asturias - Cantabria e Galicia). Nas linguas itálicas (osco e peligno) aparecen as variantes DIOVIA, DIUVIA, IOVIA, que proban que o grupo d+iode tendía a un resultado con perda do d- inicial, ou con palatalización do d- inicial seguido de iode.
Mais como os significados da raíz que estamos a comentar abranguen tamén as ideas de ceo (celeste) e de esplendor e brillo, estas acepcións tamén poderían explicar a aplicación do nome de Iuuia a un río, en referencia á súa cor, como no caso do río Tinto e o rego Loureiro (de cor loura), que localizamos en Ogas (Vimianzo).
martes, 30 de junio de 2026
Hippodamoio: unha kenning na última palabra da Iliada
En realidade, por moito que se teña falado da primeira palabra da Iliada, a máis importante palabra dun poema épico cecais sexa a última, a que se mantén resoando na memoria do auditorio durante longo tempo. A última palabra da Iliada vai referida a Héctor, un dos personaxes principais, modelo de comportamento heroico e varonil (antes que Aquiles), no verso: "Deste xeito celebraron os funerais de Héctor, domador de cabalos", hippodamoio en grego. Trátase dun epíteto homérico que se aplica ós troianos, e principalmente a Héctor, aínda que tamén ó seu enimigo Agamenón ou máis ben ó seu pai Atreo, reis de Micenas. Aquí convén suliñar que Atreo era fillo de Ἱπποδάμεια, Hippodámeia = "domadora de cabalos", polo que o epíteto semella virlle por liña materna.
Lembrando o que xa temos comentado ó respecto de que o cabalo de Troia foi un barco, concretamente un hippos fenicio (v. "Un barco llamado caballo", Arqueotoponimia 2013), continuamos coa hipótese de Ruiz de Arbulo (1) para desenvolver filoloxicamente na súa totalidade as posibilidades desta idea: "una vez planteada la posibilidad de que el caballo de Troya fuera en realidad un barco, las coincidencias se repiten. Así el hecho de que los troyanos, habitantes de la costa junto al Helesponto, sean descritos por Homero como “domadores de caballos” (hippódamoi), o la mención de los barcos como “caballos de la mar” (alòs hippoi en Od. 4, 708)" ("Los navegantes y lo sagrado. El barco de troya. Nuevos argumentos para una explicación náutica del caballo de madera", Arqueología náutica mediterránea, X. Nieto e M.A. Cau eds., 2009).
As coincidencias repítense, di Ruiz de Arbulo; é dicir, non só Homero fala dos barcos como "cabalos do mar", senón que chama a Héctor "domador de cabalos". Ruiz de Arbulo suxire, entón, que o epíteto hippodamoio tería que ver con algún termo náutico que habería que entender como "domador de barcos". Mais que é un "domador de barcos"? Aquí veñen as kennings nórdicas das sagas a botarnos unha man. As kennings son metáforas incrustadas unhas noutras, ás veces moi complicadas se se encadean máis de dúas. No Kenning Lexicon veñen recollidas 189 metáforas para mariño ou navegante, 289 para mar, e 439 para barco. En moitísimas kennings as embarcacións son equiparadas a cabalos, e os mariños, polo tanto, a xinetes, guías, condutores e domadores das embarcacións = cabalos.
Eliximos esta kenning para descompoñer nos seus formantes: horse = ship (barco) e polo tanto horse tamer = seafarer (navegante, mariñeiro). O significado de tamer en inglés é "domador".
miércoles, 24 de junio de 2026
A völva e a Vella que fía na roca
As antigas feiticeiras, videntes ou xamanas da mitoloxía nórdica chamadas völva (singular) / völur (plural) portaban sempre unha variña máxica que representaba unha roca manual, para fiar o destino que ían dispoñer para os seres humanos. A roca, como é ben coñecido, tamén é atributo das Moiras ou Parcas, divindades grecorromanas vencelladas ó fío do destino que elas mesmas fiaban, cortaban e tecían: "sic volvere Parcas", dicía Virxilio, usando un símil no que as deusas dispuñan os acontecementos tras torcer o fío entre os seus dedos xirando (verbo volvo, volvere) a roca.
Nas notas da primeira edición da Edda maior (1787) relaciónanse etimoloxicamente os termos völva e vala (variante de pronuncia) e máis o verbo latino volvere na acepción vencellada ó fiado e torcido do fío do destino. Völva, polo tanto, é a que torce o fío, e mesmo indistintamente a que fai xirar a roca.
Entón que acontece coa etimoloxía da nosa divindade fiandeira, a Vella que fía na roca? Ata o de agora tíñase por certo e seguro que o seu nome proviña do latín vetula > vella (galego) > vieja (castelán), polo que a deusa concibiuse entón como unha anciá. Mais se lembramos que don Edelmiro Bascuas estudara a produtividade da raíz paleoeuropea *WEL, "facer xirar", na hidronimia galega (no seu traballo "Ulla, Veleia y otros derivados de la raíz indoeuropea *WEL "hacer girar", Veleia, 1999-2000), poderiamos relacionar o nome da Vella con esta mesma raíz do antigo europeo (indoeuropeo): *WEL- > Velia > Vella, a que torce ou xira (o fío do destino). A verdadeira etimoloxía da Vella, *VELIA = divindade do destino que se presenta fiando na roca, quedou agochada na homonimia que se produciu trala introdución dos termos románicos vella > vieja procedentes do latín vetula.
jueves, 11 de junio de 2026
Cangas e cadeas
miércoles, 3 de junio de 2026
Castro de Penasgarfas - Vila de Cruces
sábado, 30 de mayo de 2026
Razo
Como curiosidade, no deslinde do IGN entre Carballo e Malpica (ano 1928) o topónimo Razo aparece escrito como "Orateo", e explicado marxinalmente como se fose un "oratorio": "Se ve desde este mojón [10º] al Noroeste las islas Sisargas y el vértice Veo y al Este el lugar de (Orateo) Oratorio". O que non deixa de ser unha etimoloxía de tipo erudito que cecais explique tamén a mención de Orazo (A Estrada) como "Sancti Petri de Oratio" nun documento do ano 1115.
domingo, 24 de mayo de 2026
Areal de Liseiro - Riazor
Como indicara Javier L. Vallo no grupo de Facebook, Coruña Historia e Arqueoloxía, o antigo nome da praia de Riazor era o de Areal de Liseiro, e así aparece no mapa de 1819 de Felipe Gianzo (Biblioteca Virtual de Defensa) identificado co número 55 ("Arenal que llaman de Liceyro"), mentras que o nome de Riazor se aplicaba ó barrio que daba á praia, ás casiñas marcadas co número 40. Tamén Cornide na Memoria sobre la pesca de sardina en las costas de Galicia (1774) falaba do Bochoal de Liseyro como punto onde se podía pescar sardiña, ollomol, salmonete e xarda.
Como talasónimo Liseiro terá que facer referencia ó muxe, tamén chamado lisa (portugués liça, catalán llisa / llísera, castelán lisa), e indicaría un sector da costa onde abundaba este peixe, o que, doutra banda, tamén se collía non moi lonxe, no Orzán, segundo Cornide, ou en San Roque, como teño visto. Permitímonos, pois corrixir a etimoloxía que fornecera Vallo, que ligaba o talasónimo ó substantivo liceira, "fleco o flequillo, por ej. en una colcha, alforjas, molidas de la yunta, etc." (Eligio Rivas Quintas, 1978).
Como é ben sabido gran parte dos talasónimos fan referencia ós peixes e mariscos que se poden coller en certos puntos da costa, ou en bancos mar adentro (Gran Sol: en referencia ó sole = linguado, en francés), polo que Liseiro terá que ser a forma etimolóxica (derivado de lisa, "muxe"), e o "Liceiro" que fornecía Felipe Gianzo, unha ultracorrección motivada pola crenza de que a pronuncia Liseiro era un caso de seseo. O que indirectamente indica a existencia do seseo na fala coruñesa, como temos comprobado noutras ocasións (v. Aseavella, Arqueotoponimia 2020).
Menos probable parécenos a posibilidade de que o nome antigo do areal tivese que ver co antropónimo de orixe latino Licerius.
miércoles, 20 de mayo de 2026
Sada dos Coteses
jueves, 14 de mayo de 2026
Bordei
Bordei aparece como topónimo na delimitación dos concellos da Rúa e Quiroga (IGN 1934) nomeando un grupo de seis modorras de terra e pedras situadas en liña (Primeira Modorra de Bordei, Segunda Modorra de Bordei, etc.), todas elas de dimensións semellantes: duns 10 metros de diámetro ata 0,50 metros de altura e forma tronco-cónica, esboroadas na parte superior e cubertas de matorral. As modorras segundo a acta do IGN separaban os montes de pasto e urces propiedade do común dos veciños dos pobos de Cereixido (Quiroga), ó oeste das modorras, e Fontei (A Rúa), ó leste. Hoxe amósanse inventariadas no Visor PBA mais sen identificar polo nome que tiñan.
Un pouco máis ó noroeste o topónimo Bordei volta aparecer na cartografía como nome dunha depresión do terreo, Pozo de Bordei, xa no límite entre os concellos de Quiroga e Vilamartín de Valdeorras.
Do topónimo Bordei chama a atención en primeiro lugar a súa terminación en -ei, que non vemos posible explicar pola perda dun son intervocálico, como nos topónimos Recarei, Gondrei, Guimarei procedentes dos nomes propios en caso xenitivo Recaredi, Gonderedi e Vimaredi. Mais ben pensamos en que terá que estar relacionada coa terminación do próximo Fontei, estudado por Moralejo Lasso como un posible derivado do substantivo latino fons, fontis. Respecto desta proposta, podería pensarse en formacións analóxicas motivadas polo xenitivo latino dos nomes da quinta declinación, que teñen a desinencia -ei: dies, diei. O que tamén explicaría o desprazamento acentual: de fonte a Fontéi, e de borde a Bordéi.
Sobre a etimoloxía de Bordei xurden dúas ideas principais, que finalmente poderían ser unha soa: relación co termo pirenaico borda, "chozo, aprisco, cabana de pastor", ou co temo de orixe xermánica bord, "límite, borde, fronteira". Para Martín Sevilla o topónimo asturiano da braña de La Bordinga "sería un derivado de bord, voz presente en los dialectos del bajo alemán antiguo con diversos significados, entre ellos pendiente que sirve de límite" ("El topónimo asturiano La Bordinga: un límite de los suevos", RFA, 2011-12).
Na lingua romanesa existe tamén o substantivo bordei cun sentido semellante ó da borda pirenaica: "vivenda ou refuxio semisubterráneo construído con terra e vexetación"; sería un tipo de construción de orixe prehistórica que se mantivo en uso ata despois da II Guerra Mundial, cando certos grupos raciais e activistas políticos tiveron que buscar refuxio nelas ("Romanian bordei: pit-house", Georgeta Raţă, Ioan Petroman e Cornelia Petroman, 2014), o que lembra ós nosos maquis que se tiraron ó monte durante a Guerra Civil, buscando refuxio en chozos semellantes ós bordeis romaneses.
Ó se situar estes refuxios de orixe prehistórica, cabanas, chozos, apriscos ou bordas / bordeis nas zonas de pastos dos montes comunais, que amais eran fronteiras territoriais (bordes, límites), parece semanticamente posible a deriva dunha a outra acepción, polo que o termo puido evoluír dende o significado de "fronteira" ó de "vivenda ou refuxio (situado na periferia territorial)". No caso dos topónimos Modorras de Bordei e Pozo de Bordei no límite entre Quiroga - A Rúa e Quiroga - Vilamartín de Valdeorras non ofrece moita dúbida o seu sentido primario de "límite territorial".
Os lugares de Bordel e Bordelle (Abegondo), preto do límite co concello de Carral, o lugar de Bordelle (Vilalba), preto do límite co concello de Xermade, e as aldeas do Bordo (Cerdido) e Os Bordos (Ourol e As Somozas) terán a mesma etimoloxía.



.jpg)
.jpg)



