Explicando a orixe do topónimo Xermade dende o nome propio latino Germinatus, en caso xenitivo de posesión Germinati, o estudoso Joaquim de Silveira atopara as formas Germiade, Germaade, Germinhade e Germandi ("Toponimia portuguesa", Revista Lusitana, 1935). Mentras que para as tres primeiras vía resultados fonéticos compatibles coa evolución natural da lingua románica galego-portuguesa (perda do -n- intervocálico, asimilación de vocais por harmonización, desenvolvemento dunha nasal africada palatal dende o hiato -ïa- > -iña-), no resultado Germandi só viu un erro de transcrición, pois non foi quen de albiscar que da forma con vogal nasalizada Germaãde puido rexenerarse, cun cambio de posición na sílaba, a nasal perdida anteriormente. Polo tanto é unha evolución perfectamente natural Germaãde > Germande.
Dito fenómeno consistente en se xerar unha consoante nasal /n/ a partires dunha vogal nasalizada témolo observado tamén no caso do topónimo Ameendelo < Ame(n)etello ("Los hidrónimos Mendo y Miodelo", Arquetoponimia, 2013), sempre en posición final de sílaba e ante consoante oclusiva dental: "Uanate" > * Baãde > Bande ou "Plataneta" > *Pradaẽda > Padrenda, ganatum > gaãdo > gando. Nótese que non é posible propor a evolución de Uanáte, Platanéta ou ganátum a Bande, Padrenda ou gando pola caída da vogal, xa que esta é tónica e as vogais tónicas nunca caen.
Semella que no topónimo coruñés Comeanda podería terse producido o mesmo fenómeno, dende o latín *cuminatam, derivado de *cu(l)minem, "elevación do terreo". Cuminatam > Cumiãda > Comeanda / Cumianda. Cecais no étimo influíu o termo latino cacumen, "cume": "per cacumina montis Cuminalis" (ano 886 - Ourense).
Porén, ten que se prestar especial atención ás terminacións -nde, -ndi, -nda para comprobar que a posición do n sexa etimolóxica, e non resultado da xeración dun n procedente da vogal nasalizada previa. Na nosa opinión o fenómeno fonético indicaría en certa forma a preservación esporádica das antigas vogais nasais descompostas nos seus dous elementos, vocálico e nasal, e tanto tería grafalo co til de nasalización: Comeãda.
No hay comentarios:
Publicar un comentario