Vistas dos meandros do Eume preto xa da súa foz, dende a Pena da Lición (Cabanas - A Coruña). No cumio de arriba á esquerda, intúese a silueta do castelo de Andrade recortada contra o horizonte. Entre os dous sectores de musgo da pena, o podomorfo de orixe natural sobre o que tería lugar a investidura real segundo o estudo de Quintela e Santos Estévez ("Petroglifos podomorfos de Galicia e investiduras reales célticas: estudo comparativo", Archivo Español de Arqueología, 2000). (C) Anxo Martínez-de Alegría, 2021.
Segundo a referencia bibliográfica que me facilita o arqueólogo XMª Bello, o folklore asociado ó penedo viña recollido no traballo La arqueología en la gasificación de Galicia 14. Corrección de Impacto de las redes y ramales de A Coruña, Xesús Amado Reino, Patricia Mañana Borrazás e Paula Ballesteros (Tapa 21, 2001):
Una señora aseguró que en esa piedra se elegían los alcaldes del pueblo, recalcando que el topónimo era Pedra da Elección y no Pedra da Lección, como aparece en los mapas. Por otro lado, un señor contó que los viejos decían: "que allí, en la madrugada de S. Xoán se oía tocar a un gaiteiro" (px. 117).
Segundo o parecer de XMª Bello, a forma do microtopónimo que presenta a informante como verdadeira podería ser resultado dunha corrección erudita motivada pola lóxica mental. O que se chama etimoloxía popular. A forma corrixida (Pena da Elección) contería xa o xérmolo dunha lenda etiolóxica que viría xustificar o sentido dun nome que a informante non lle vía aplicación no contexto no que aparece o penedo: pois que resulta imposible que na rocha se dera ningunha Lección, corríxese a Elección [dos alcaldes]. É, dende logo, unha posibilidade a ter conta.
Sobre todo, porque fai pouco que un dos netos do propietario da finca onde se sitúa a Pena da Lición, Iago IF, tivo a amabilidade de informarme de que no Catastro de Ensenada atopou o nome do penedo como "Pena delizión", e de que o seu avó sempre chamaba ó lugar "Pena da Lición". Asimesmo, me indicaba que nunca lle escoitara ó seu avó lenda algunha vencellada ó penedo.
"Pena delizión" no Catastro de Ensenada; recorte enviado por Iago IF.
(C) Libro real de leigos de Santo André de Cabanas e Santo Estevo de Irís (1752), px. 81 do visor da Biblioteca Galiciana.
Se partimos do feito de que a forma máis antiga e mellor conservada é a do Catastro, que ven sendo a mesma ca que lle transmitiu a Iago o seu avó, podemos fornecer outra etimoloxía para o microtopónimo Lición, do latín laesus, "ferido, mancado, quebrado", que ven dar no galaico-portugés antigo lijom, "mancadura" (Cantigas de Santa María), ben nunha acepción orográfica relativa ó propio penedo que semella quebrado, á paisaxe fendida polo río Eume, ou ós lindes parroquiais que pasan por esta paraxe un pouco máis arriba (marco do Salto).
No Libro Real de Leigos da parroquia de Santa Cruz do Salto altérnanse pronuncias con seseo (Serdeiras / Cerdeiras; Fonte Siega / Fonte Ciega), o que fornece unha boa base para supoñer un orixinal Lixón > Lisión, despalatalizado, que se transforma logo en Lizión ó hipercorrexir unha s etimolóxica tomada por pronuncia seseante.
A elección dos alcaldes en Santa Cruz do Salto e Santo Estevo de Irís
- "el alcalde de dicha felegresía [...] es igualmente nombrado por el vencindario a maior número de votos, y el que en esta conformidad sale electo, le expide su título de nombramiento para el uso y exercicio de su empleo, el Juez de dicha jurisdición de Calaveiro" - Libro interrogatorio de Santa Cruz do Salto, 1752.
- "a excepción del alcalde pedáneo y persona de Cavildo, que estos son eleitos por el Pueblo a maior número de votos" - Libro interrogatorio de Santo André de Cabanas e Santo Estevo de Irís, 1752.
Pode comprobarse que se describre con detalle o proceso de votación, elección e nombramento dos alcaldes sen facer alusión algunha ó lugar da Pedra da Lición.
1 comentario:
Muy interesante. No tenía la menor idea.
Publicar un comentario