viernes, 19 de junio de 2020

As Lagoas como moimentos megalíticos

Lembro cando lle dabamos voltas na web Celtiberia.net, no 2006, ó asunto do exacto significado de laco ou lacuna nos textos medievais, como o de Celanova ("lacos anticos et mamolas", ano 982),  nun debate promovido por André Pena Graña ó pé dun artigo seu desaparecido. É certo que é un contexto brevísimo, máis debuxa nidiamente a paisaxe do megalitismo galaico.

Que poderían ser as lagoas neste contexto e noutras mencións nas que aparecen xunto coas pedrafitas? Entón non o sabiamos ben: mámoas desfeitas, cun cono de violación e aspecto de lago ou lagoela? Era o que dicía Pena Graña.

O texto de Celanova non nos fai falla máis que para comprobar o uso do termo lacos aparellado co de mámoas fai un milenio; a nosa paisaxe cultural está inzada de megalitos que reciben o nome, directa ou indirectamente, de lagoas. Se o lugar leva dito nome é pola instalación dos túmulos; por exemplo, Chan das Lagoas (no ámbito lusitano podemos anotar os dólmenes do sitio da Lagunita, en Santiago de Alcántara). 

Doutra banda, en moitos túmulos e castros desfeitos fórmanse lagoas por escorrentía da auga da chuvia cara ó seu interior, acabamos de velo nunha entrada anterior (Fornos, támbaros e lagoas: unha sauna castrexa en Goiriz?). Será únicamente por iso que reciben o nome de lagoas?

Tambén existen o que pensamos que puideron ser antigas lagoas neolíticas feitas polo home para que o gando abrevase nas penichairas, nalgún caso preto de necrópoles prehistóricas, das que temos falado nalgunha outra entrada: Lagoas neolíticas de Galicia, Lagoa neolítica no Petón da Campaíña - Corme.

Nun interesantísimo estudo de Elizabeth FitzPatrick analízanse os lugares onde se terían celebrado as cerimonias de investidura real irlandesas na Idade Media (Royal Inauguration in Gaelic Ireland, circa 1100-1600. A Cultural Landscape Study, 2004). Estes lugares eran as leaca: Leac na Ríogh, Mullagh Leac, Leac Mhic Eochadha e Leac Mhíchíl. Segundo esta autora, unha leac é unha lousa (pedra plana) situada horizontalmente. Son, entón, as pierres plates ou lapis planus, as lousas de cobertura das antas que formaban as necrópolis antigas. Neste senso, o dolmen de Lácara, na Extremadura, pode encadrarse nesta etimoloxía.

Adoitan representarse como grandes cadeiras de pedra, e ás veces son verdadeiras cadeiras ou coronation chairs. Tivemos a oportunidade de ver a de Loughcrew en Meath, e de falar abondo delas en La Piedra del Destino - Loughcrew (Condado de Meath - Irlanda), onde comentamos que unha das súas ubicacións preferentes, segundo FitzPatrick, era nas necrópoles megalíticas, pois nelas se establecía a lexitimación da soberanía territorial fundada sobre as tumbas dos devanceiros, con toda a simboloxía que elo implica.  Engadimos agora que non é que a ubicación preferente das leaca foran as necrópolis, é que as leaca eran as necrópoles.


Como topónimos, as leaca irlandesas foron deturpadas de varias formas polos ingleses: Leaghoill, Lachiell (v. FitzPatrick). Parece evidente, entón, que o mesmo poido ter ocurrido en Galicia, onde o indoeuropeo *PLAK-, "superficie plana de pedra", evolúe a *(P)LAK- > *LAG-, e conflúe polo tanto coas formas que proveñen do latín lacum, "lago, lagoa" (v. Dictionary of the Welsh Language, sub llech).

Pero houbo investidurais reais nas lagoas megalíticas de Galicia?

Coronation chair de San Tomé



Coronation chair no borde da croa do Castro de San Tomé (Ourense).
(C) Andregoto Galíndez.

A cadeira ten no seu asento a gravura dun lacum, o que a identifica, segundo a linguaxe elíptica dos gromáticos, cunha leac. Chegamos ó significado a partir do significante representado na gravura cuxa pronunciación remite a dous términos homófonos, como é corrente na práctica dos gromáticos. Aducimos o seguinte exemplo: "terminus si super se plumbum habuerit, stagnum significat aut cisterna" (Latinus Togatus, en Gromatici Veteres, ed. e trad. de G. Libertini, 2018, px. 383). Como é que o chumbo indica unha cisterna? O chumbo é un metal que se usa na aliaxe de produción do estaño, e o latín stagnum ten dous significados, estanque e estaño, polo que un depósito de chumbo xunto ou sobre unha pedrafita indica que hai un estanque ou balsa de auga que actúa como límite. A lectura destes antiquísimos símbolos gromáticos lembra moito á dos xeroglíficos exipcios, ou á dos xeroglíficos dos crucigramas.

2 comentarios:

  1. En Coruña tenemos la zona de "Lagoas" en la orilla suroeste de Montealto, situada en un bancal inundable sobre el que se construyó el edificio Mediodía. Y también la desaparecida calle Laguna, en el límite superior del Castro de Eirís (Castrillón-Os Castros).

    ResponderEliminar
  2. Gracias por la información, en el primer caso, al ser un bancal inundable no estaría tan claro, en el segundo sí: cerca del castro del Castrillón pudo haber alguna de estas lagoas relacionadas con el megalitismo, sobre todo en un sitio elevado que no parece susceptible, en principio, de inundarse.

    ResponderEliminar