domingo, 28 de junio de 2020

Santiago, un vello deus mariño


Nept/uno / For(o)i(ri)/e(n)ses / d(e) s(uo) p(osuerunt). Hispania Epigraphica 8367.

Para os historiadores o pedrón de Padrón non é máis que unha ara romana adicada como por casualidade a Neptuno, e que tivo a fortuna de ser incluída na lenda haxiográfica da chegada do apóstolo Santiago a Galicia ó servir de noray onde se amarrou a barca na que os discípulos trouxeron o corpo santo. Deste xeito, parece que o dato de que a ara estivera adicada a Neptuno é máis ben anecdótico e non relevante na reconstrución da verdadeira natureza do noso apóstolo (Américo Castro: un dos Dióscuros?; Sánchez Dragó: Prisciliano?). Coñécese que o importante é o noray, non Neptuno.

No antiquísimo Breviario Ovetense adícanselle a Santiago, na véspera do seu día, os seguintes versos:

Breui Callensem tempore
Portum pertingit barcula
Quo Regum recens sobolis
Festum pro nupto peragit
Vix scapha vidit Regulus
Equo quando dilabitur
Dimissi retro caeteris
Undas maris converberans
Cunctis mare cernentibus
Natus regis sumergitur
Sed a profundis ducitur
Totus plenus conchilibus.

Estes versos logo pasaron a considerarse, negando o evidente, unha referencia ó suceso acontecido a un cabaleiro que parece ser foi salvado polo apóstolo de afogarse co seu cabalo no mar. Dita versión, na que se produce o desprazamento dos feitos acaecidos a un terceiro, consérvase no Santoral de Alcobaça.

Máis se ligamos de forma correcta a ara de Neptuno de Padrón e os versos que se lle cantan ó noso Santiago no 24 de xullo*, "Ad Vesperas", segundo o Breviario Ovetense, poderemos intuir que o apóstolo foi o mesmo Cabaleiro das Cunchas nos momentos previos ós sincretismos e transformacións que foi sufrindo a súa figura ó longo de milenios, unha vella divindade mariña, cecáis o mesmo Neptuno, ou un vello deus pertencente a un sustrato atlántico moi anterior, depredado por outros deuses que foron chegando con posterioridade asumindo o seu rol. 

Ó Porto Calense, nun intre,
Achégase a barquiña.
Nel celebrábanse nupcias
De estirpe real.
Cando o rei viu a barca,
O cabalo levouno fóra
Deixando os outros atrás.
As ondas do mar batendo,
Ámbolos dous cinguidos polo mar.
O nado de rei** afúndese
máis desde a profundidade emerxe
todo cuberto de cunchas (púrpura).

Cecáis, o fenicio Melqart montado sobre o seu cabaliño de mar. Durante a expansión dos fenicios polo Mediterráneo os mitos púnicos chegaron ata o oeste e ás costas atlánticas. Unha versión destas lendas sitúa a morte do deus en Hispania. Salustio e Pausanias ubican a tumba do deus en Iberia, e falan da celebración en Gades da súa morte e resurrección (Mª Eugenia Aubet Semmler, The Phoenicians and the West: Politics, Colonies and Trade, 2001, px. 154).

Somente os deuses mariños van vestidos de cunchas, somente un deles vai nun cabaliño, e somente un morre e resucita cíclicamente. Do Santoral de Alcobaça rescatamos, entón, un dato importantísimo: o suceso da inmersión no mar do cabaleiro ten lugar durante a celebración dunha boda. É un trazo que lembra a hierogamia entre Melqart e Astarté, que se celebraba no festival anual adicado ó deus mariño. Sendo Astarté a Venus romana, é doado entender por que Santiago-Melqart represéntase sempre coa vieira ou venera, a cuncha de Venus.

Arder as augas


Non vou agora, despois de tantos séculos, eliminar dun plumazo a cuncha de vieira da parafernalia do culto xacobeo, pero a súa omnipresencia xustificada desde a tradición documental e iconográfica máis antiga veu estorbar a comprensión do conchilibus que se menciona no Breviario Ovetense.

Conchylium é unha vestem purpuream, un manto ou túnica talar de púrpura, máis correto é dicir purpuream que conchiliatam, pero no Breviario preferiron a segunda. Tambén atopamos como sinónimos de púrpura as expresións vestis thalassina siue marina, polo efecto brillante da púrpura, semellante, dinque, ó resplandor das augas do mar cando reflicten o sol, ou pola orixe mariña do tinte, extraído duns crustáceos (v. De Re Vestiaria, de Ottavio Ferrari, 1654).

Entón, o chamado Cabaleiro das Cunchas da lenda de Alcobaça casaba na Maía, en Bouzas, cunha filladalgo de Gaia, doutro lado do Doiro, e foi saír do mar co seu cabalo, ámbolos dous cunchados (cubertos de púrpura). Aínda temos en conta, tambén, que unha vaca cunchada ou con cuncha na testa é a que ten unha mancha branca na fronte, como escuma do mar. Nos versos de Silio Itálico adicados ó cabaliño asturcón Pancates, no século I, nótase que esta mancha de escuma (a cuncha) é indicadora da raza, patria ou origo: "patrium frons alba nitebat insigne".

Ó iluminar agora o termo en ablativo, conchilibus, coa acepción que consideramos debeu ser a orixinal, é inevitable voltar ós fenicios e os seus emporios ou factorías de púrpura espalladas polo Mediterráneo e o Atlántico. Mesmamente, ata o descubrimento do tinte de púrpura atribúese a Melqart nunha lenda semellante á de Alcobaça, aínda que o que sae cunchado do mar é o morro do seu can.

A exclusividade das prendas tinguidas coa púrpura viña determinada pola gran cantidade de crustáceos necesaria para extraer unha pequena medida de tinte. Tanto foi así, que a púrpura veu identificarse coa realeza e os emperadores: os prezos desorbitados que chegaban a alcanzar as irisadas prendas talares rondaban o equivalente actual duns 6.000 € por prenda, como un traxe de Brioni (v. Sandra Busatta: "The Perception of Color and The Meaning of Brilliance Among Archaic and Ancient Populations and Its Reflections on Language", Antrocom Online Journal of Anthropology, 2014).

Mírese como se mire, o Breviario Ovetense nos seus parcos e inmaculados versos describe un rei que se mergulla no mar o 24 de xullo, e emerxe cunchado, cuberto da púrpura real, a vestimenta dos emperadores e os deuses. Logo, a vieira xacobea veu colarse entorpecendo a representación e a interpretación do mito atlántico.


O Cabaleiro Cunchado da miragre xacobea, por Iuvenalis de Urbe Veteri, ano 1441. (C) Xacopedia.

O que lle aconteceu ó cabaleiro ó meterse no mar co seu cabalo e saír plenus conchilibus foi, seguramente, que se mergullou no momento no que se producía o fenómeno coñecido como arder as aguasmar de ardora ou ardentía; un fenómeno de bioluminiscencia oceánica moi frecuente nas nosas costas atlánticas nos meses de agosto e setembro (polo menos en Pontedeume é nestes meses). Á noite, os contornos dos corpos bañados na auga do mar emiten unha luz azul fosforescente que, consideramos, é a cor que se tentaba imitar coa irisada púrpura, cuxos tons abranguen do amarelo ó azul, pasando polo verde e o vermello, sendo o ton azul o máis prezado; é por iso que é chamada vestis thalassina siue marina.

  
Para que vou dicir máis, se xa o pintou Lugrís.
(C) Dolores González de la Peña, 2017 - Exposición "Lugrís. Paredes soñadas": Tríptico de San Gonzalo, Bispo Santo.

* A Neptunalia celebrábase en Roma o 23 de xullo, e duraba dous días, ata o 24.
** Herakles-Melqart, fillo de Xúpiter, deus do lóstrego; Santiago Boanerges, fillo do trono.
Hércules tambén foi identificado co titán Briareo: Columnas de Hércules ou de Briareo, que caen por estes lares atlánticos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario