domingo, 28 de junio de 2020

Da groma a Gruma (Bruma) e a Roma

A groma ou gruma foi a ferramenta dos gromáticos (os agrimensores romanos), con ela sinalaban o centro desde o que trazaban o eixe de coordenadas que lles servía para centuriar e organizar o territorio. O punto no que se chantaba a groma era o umbilicus soli (o embigo do chan) e tamén coincidía, polo tanto, co cruce das dúas vías principais que se formaban seguindo o eixe cadastral, o cardo e o decumano.

G. Libertini na súa edición dos textos dos Gromatici Veteres (2018, px. 564-5) avalía a hipótese de que o topónimo Roma de Italia veña, precisamente, do nome da ferramenta dos gromáticos, de alto contido simbólico por inaugurarse con ela a fundación dun territorio antropizado ou dunha cidade co seu entorno, un espazo que ten que ser liberado e sinalizado ó seren transformada e apropiada a natureza polos homes, o que leva aparellada unha serie de rituais apotropaicos moi precisos (liberatio et effatio).

En realidade a idea orixinal é de Karl Wilhem Göttling (Geschichte der Römischen Staatsverfassung, 1840), quen derivou o nome de Roma da groma, ferramenta e punto central ou embigo, centro augural: "medium locum et in castris et in urbibus designari, ubi cardo vel transversus limes decumanum limitem vel prorsum limitem dirimat, quem apud veteres Etruscus mundum, apud Latinos gromam adpellatam fuisse" (Göttling, apud F.D. Gerlach). Isto é: "no ámbito dun asentamento o punto no que unha vía transversal se cruza cunha paralela chamouse mundo entre os Etruscos e groma entre os romanos". De aí o cerimonial que seguiu a desenvolverse na cultura romá en torno ó mundo ou groma augural, celebrándose en certas datas a apertura da porta ou o levantamento da lousa que o pechaba (mundus patet).

No caso da Roma italiana, segundo Libertini, o nome de *(G)roma aplicóuselle por ser un vao, un cruce entre unha vía terrestre e a fluvial do Tíber.

Nós atopamos algunha evidencia de que isto puido ser así tamén en Galicia. Ou ben por teren centuriado o país os agrimensores romanos coa súa técnica e deixando a pegada na toponimia ó empregar o léxico específico dela, ou ben por ser o Ars Gromatica ou a Xeometría do Mundo un conxunto máis ou menos homóxeneo de práticas ancestrais partilladas por varios pobos, cun léxico de fondo indoeuropeo moi semellante.

O caso paradigmático é o da Roma de Abadín, no que, ó sur do embigo da *(G)roma, aparece o microtopónimo As Antigas (Visor PBA da Xunta de Galicia). Cos nomes de antica e postica os románs designaban os terreos que restaban, respetivamente, ó sur e ó norte do decumano ou liña imaxinaria, máis tarde camiño, que ía en dirección leste-oeste. Polo tanto, na Roma de Abadín temos conservado pola microtoponimia o que podería ser o foxo augural, que tería dado o seu nome ó lugar, *(G)roma > Roma, e ademais a parte do territorio ó sur da liña decumana no microtopónimo As Antigas, ou sexa, as terras situadas na pars antica ou anterior, de diante.

Ermida de San Lourenzo no Hospital de Bruma. (C) Dolores González de la Peña, 2020.

No caso do Hospital de Bruma (Mesía), recollido como "Hospitalis de Gruma" nun documento do 1175, vemos que no século XII aínda preservaba o grupo de muta cum liquida gr-, transformado logo en br- cecáis por etimoloxía popular. Recollémolo como topónimo pertencente a esta serie ó se situar nun nó viario ou cruce de vías do Camiño de Santiago.

O feito de que o eixe cadastral do cardo e o decumano sexa ó mesmo tempo eixe viario de comunicacións fai que o asentamento principal quede sempre á marxe do cruce ou groma; é dicir, non imos atopar a groma ou o mundo augural no centro dunha antiga poboación, polas molestias que sen dúbida ocasionaría ós habitantes e gando a circulación de carros, cabalerías e peóns polo medio do núcleo proto-urbán. Pode ampliarse a información sobre o mundum fundacional na entrada O auguraculum de Adai.

No hay comentarios:

Publicar un comentario