martes, 28 de julio de 2020

San Cibrao e Seoane da Pregación

Clásica representación de San Xoán o Bautista como crióforo ou pastor, coa ovella e o báculo.
Caravaggio (Catedral de Toledo).

Como xa dixeramos noutra ocasión (San Juan el Verde: Silvano) San Xoán ten que ser necesariamente a interpretatio cristiana do deus romano Silvano. A evolución fónica é consecuente coa proposta: o xenitivo Silvani > Seivane / Se(i)oane > Xoane -> (San) Xoán. Ademáis, as funcións do deus e a súa antiga iconografía avalan a equivalencia: o Silvano da Villa Albani (hoxe no Louvre) represéntase cun báculo e coidando dunha ovella entre as dobras da súa túnica; na epigrafía é chamado sanctissimus pastor, e noutro caso solicítaselle que protexa o gando (Peter F. Dorcey, The Cult of Silvanus: A Study in Roman Folk Religion, 1992, px. 21).

Outra posible evolución fonética de Silvani a Seoane pasa pola perda do -l- intervogálico, para ser máis precisos, entre vocal e wau: Si(l)wani > Sewane > Seoane / Xoane. Dita evolución, que constitúe unha nova regla da fonética histórica do galego, podería ser anterior á caída do -l- en contexto intervogálico simple, acaecida en torno ó século XII xunto coa do -n- no mesmo contexto, "no obstante, algún testimonio sí hay en los siglos anteriores" (Amable Veiga, Algunas calas en los orígenes del gallego, 193, px. 239). A forma *Sewane nalgunha ocasión amosa consonantización da wau nunha oclusiva velar sonora *Segoane, o que propicia tambén a asimilación cun San Xoán que aparentemente adoece de inexplicable gueada: "unam laream de Reboyra longa vocata, quae fuit de Casali de Pinayro in Sardineyra sub signo Sanctae Mariae de Sengoan" (ano 1289, Lugo. Fonte: CODOLGA).

Nos estudos sobre a fundación das primeiras igrexas parroquiais, que normalmente se situaron nas croas ou á beira dos castros, vense considerando que as advocacións a San Cibrao e San Xoán son das máis antigas. As primitivas advocacións puideron servir para cristianizar cultos anteriores prerromanos ("Topónimos y advocaciones: la información histórica en los nombres de las parroquias rurales gallegas", JC Sánchez-Pardo, Minius, nº 20, 2012). É de supor, entón, que os cidadáns galaico-romanos, adicados fundamentalmente a actividade económica gandeira, perpetuaron o culto a un deus-pastor baixo a figura do deus-pastor romano, Silvano, sobre o que se superpuxo á chegada do cristianismo o seu homófono San Xoán (o Bautista). Evidénciase que as primeiras advocacións cristianas non se impoñen ó azar, senón que gardan ou parecen sinalar unha relación funcional cos cultos anteriores. Así, o espallado do culto a San Xoán (Silvano), que é maioritario na Terra de Lemos e Sarria tras a de Santa María, según Sánchez-Pardo, indicaría a forte actividade gandeira dos asentamentos castrexos nestes territorios onde a gandeiría segue a ter, hoxe en día, unha importante presenza.

Respecto ós topónimos San Cibrao e Seoane da Pregación (Friol) neste contexto gandeiro, imos desenvolver a proposta ó completo: probablemente A Pregación sexa un derivado de pecurare > *pecurationem > *pegración > Pegración, "instalación para o gando, aprisco"; sobre a advocación a San Cibrao, tambén moi numerosa en Galicia, engadimos que seguramente teña que ver cos cebros (uros) que dan nome ó Cebreiro, e non co santo chamado Ciprianus (sería outra cristianización por homofonía).

No hay comentarios:

Publicar un comentario