miércoles, 12 de agosto de 2020

Aro, Arecho, Araño, Arañuelo

Field names derivados cecais dunha base indoeuropea, ou do latín aruum, "campo de labor", baixo o Mesón de Roade (Sobrado dos Monxes). (C) Visor PBA da Xunta de Galicia.

Chaman a atención os derivados Arecho, cun sentido diminutivo despectivo, e Araño, en composición coa preposición de, Daraño. Este último lévanos a propor que o topónimo da comarca extremeña de Campo Arañuelo (Navalmoral de la Mata, Cáceres) é redundante, pois nel atopamos dúas palabras que significan o mesmo, Campo e Arañuelo < ar-ane-olum, procedente do latín aruum mediante dous morfemas derivativos.

Fernando Cabeza Quiles, na súa obra Toponimia de Galicia (Xerais, 2008, pxs. 40-41), inclúe o galego aramio como voz afín á de aranio > Araño (Rianxo), e faina sinónimo de agra; conclúe afirmando que "estas palabras e o topónimo Araño descenden, en primeira instancia, da raíz celta *ar, 'arar, cultivar'". Nós coidamos que é certo que en primeira instancia é unha raíz celta (ou anterior), máis latina en segunda. A vella disposición dos campos de cultivo ou aruos en aneis ou bancais en aneis ó redor dos castros podería ter sido a orixe da acepción secundaria "terreos ou dominio ó redor dun asentamento". Se ben, o certo é que a orientación circular non é obligatoria na disposición dos aros, como pode observarse na fotografía aérea dos do Mesón de Roade.

As formas con consonantización do wau, aruum > Arbo, atópanse na nosa toponimia nalgún caso amosando que foron totalmente intercambiables cos derivados do latín agrum: así na documentación medieval recollida para o lugar de Agrosagro (Carboentes - Rodeiro, Pontevedra), Arvoresagro, Arbosagro, Arvosagro, por Romaní Martínez e Otero Piñeyro Maseda (CUADERNOS DE ESTUDIOS GALLEGOS, Tomo L, Fascículo 116, 2003, px. 69).

No hay comentarios:

Publicar un comentario