miércoles, 12 de agosto de 2020

As Barreiras - Vimianzo

Recinto da Idade do Ferro chamado As Barreiras -  Ogas, Vimianzo.
(C) Imaxe capturada con Google Earth.

Nada que ver có barro, como ás veces atopamos nos estudos onomásticos; o topónimo Barreira ou Barreiras indica unha trincheira ou parapeito defensivo, as máis das veces en alusión ós elementos que forman as chousas ou enclosures (mesmo étimo latino no termo británico) dos recintos habitacionais da Idade do Ferro galaica.


Foxo do poboado das Barreiras, atravesado por un muro de pedra que o corta ó fondo e pecha. Seguindo a dirección do muro atopamos o microtopónimo Espiñeiro, en alusión ó espinazo ou eixe de coordenadas que orienta o trazado ortogonal do parcelario do entorno, visible na primeira fotografía, e tambén no antigo mapa do Vóo Americán de 1956-57. (C) Andregoto Galíndez, 2020.

Pensamos que o devandito muro podería ter configurado un dos parcelarios castrexos descritos por Abel Bouhier, que os intuiu ó atopar "rebordes de terra que se poden seguir, malia interrupcións, sobre distancias dalgunhas decenas de metros ata os cen metros, e que parecen ser vestixios de cerrumes moi vellos que formaron parte dos eidos ligados ós castros"; "algúns destes rebordes forman cuadriláteros imperfectos de pequeno tamaño, que son verosimilmente antigos cerrados de febles dimensión. Outros son perpendiculares ós límites exteriores dos bancais [aterrazamentos dos castros] ou cóllenos de través e preséntanse como esbozos de bloques de grandes dimensión" (Galicia. Ensaio xeográfico de análise e interpretación dun vello complexo agrario, trad. Benxamín Casal, 2001, v. II, px. 1246). Nunha economía de base gandeira como a que describía Estrabón para os pobos nómades do noroeste peninsular fai 2.000 anos, os eidos agrícolas ó redor dos castros servirían fundamentalmente para suplir estacionalmente de forraxe ó gando nas zonas nas que non se practicaba a trashumancia.


Microtoponimia relativa ás defensas do Castro de Papucín (Frades): Xesteira < derivado do latín aggesta, "terraplén, cúmulo de terra" e Barreiras, no punto no que acaba a traza do vello antecastro. (C) Visor PBA da Xunta de Galicia, capa do Vóo Americán 1956-57.

No hay comentarios:

Publicar un comentario