domingo, 20 de septiembre de 2020

Henges, rodas e seles

Microtopónimos Castro e Chousa do Castro no Fontán (Tordoia). Na esquina superior da dereita, sinalada cunha frecha, a roda da que imos tratar, aínda perceptible na ortofoto de 2002, e da que só sobrevive na actualidade un cachiño na parcela 602, ó estar cortada por unha pista e moi degradada polos traballos agrícolas. (C) Capa do Vóo Americán de 1956-57, VISOR PBA da Xunta de Galicia.

Na microtoponimia das fichas do parcelario da zona da roda atopamos os nombes Chanceira de Sales ou de Sares, así como Chanceira do Marco. Segundo dixen noutra ocasión, no noso primeiro post do blog, o sel cántabro viría a ser o mesmo que as nosas vellas salas > Sáas / Sas. O sel é "un pequeño corral o espacio habitualmente circular que se ubica en el seno de la superficie de pastos, con el fin de permitir el cobijo y la protección del ganado, así como la guarda de las reses extraviadas [...]; están las más de las veces construidos con piedra, teniendo por centro algún árbol o mojón" (Viejas culturas lácteas de Cantabria, Eloy Gómez Pellón, 1999, px. 25).

Neste contexto toponímico (Sales / Sares), esta roda, duns 88 metros de diámetro, así como outras semellantes que están a aparecer no noso territorio (Barreiros, Xove e Cervo) con datacións ben antigas, poderían ter sido seles (sáas) para o gando, instalacións pecuarias vencelladas ós primeiros castros da Idade de Ferro, como no caso que presentamos: o castro esvaído do Fontán está conectado directamente por un caminiño coa roda de Sales / Sares. Así mesmo, dende a roda ó dolmen de Cabaleiros hai 1,3 km. As dúas rodiñas de Cervo, pola súa parte, sitúanse no sistema formado polos montes da Sara e Motín.

O topónimo Sares (cecais deturpado como Sales) tamén podería ser unha variante de Sear(a), "senra" > Sara / Xara, etc. En calquera caso, queda ahí a roda de Sares (O Fontán - Tordoia), tan parecida á de Castrelo de Miño, e a súa posible utilidade.

Roda do Couto Redondo, Alto das Cerdeiriñas (A Bouza - Castrelo de Miño), atopada polo xeólogo Óscar Pazos Rodríguez. Ten uns 110 metros de diámetro. (C) Visor PBA, Capa do Vóo Americán de 1956-57.

Segundo Zaldua Etxabe os seles ubícanse sobre emprazamentos pastorís prehistóricos (apud Rementeria e Quintana, Los seles de Busturialdea-Urdaibai. Paisaje, cultura y etnografía, 2010). Na mesma obra, os autores desenvolven o concepto de circularidade como modelo de ocupación territorial entre os pobos primitivos, ó redor dun poste central ou axis mundi. Así os caseríos vizcaínos, que se superpoñen sobre o espazo de vellos seles pertencentes a igrexa; os poboados nucleares, cunha acotación circular propia dos coutos redondos; e os cromlechs pirenaicos.

Na memoria de excavacións levada a cabo por Mujika Alustiza et al. amósase que os cromlechs nalgún caso foron a base fundacional dos seles ("El conjunto de círculos pirenaicos de Ondarre en la Sierra de Aralar (Gipuzkoa): de monumento funerario a hito ganadero", Munibe, 2018, nº 69).


Conxunto de seles, algúns secantes entre si (o espazo común chámase kortabitarte), da anteigrexa de Guizaburuaga (Vizcaya), 1767 (apud Rementeria e Quintana, op. cit., mapa procedente do Archivo da Real Chancillería de Valladolid - Sección de Cartas e Debuxos, nº 0482). Sospeitamos que no caso dos seles tanxentes o recorte que queda entre eles tambén sería un kortabitarte, no que pacería libremente o gando.

No hay comentarios:

Publicar un comentario